Por Europa Press / Redacción | FERROL | 04/09/2024 | Actualizada ás 18:38
Os traballadores da compañía Maitours, empresa do grupo Alsa, continúan coa folga indefinida que iniciaron o pasado 15 de xullo despois de que a reunión mantida na mañá deste mércores con responsables da dirección finalizase sen avances. "O único que pediron é que desconvoquemos a folga sen achegar ningunha garantía de que se aplicará o convenio provincial, nin compromiso de respectar outros acordos laborais", detallou Xesús Pastoriza, responsable de Transportes da FGAMT-CIG ao termo do encontro.
O sindicalista trasladou que o encontro "durou apenas media hora", o que, ao seu xuízo, evidencia a necesidade de que se produza "a intervención inmediata da Xunta como responsable do servizo de transporte de viaxeiros por estrada", xa que os traballadores de Maitours encárganse, xunto cos condutores da compañía Intercar, do transporte urbano que comparten Ferrol e os municipios limítrofes de Narón e Neda.
Pastoriza detallou que os representantes sindicais esperaban "poder avanzar nun acordo", algo que "foi imposible", xa que cren que a compañía xoga a que "a Xunta mellore o contrato" para despois "decidir" se se abre a negociar melloras salariais e laborais co seu persoal, que acumula máis de 50 días en folga.
CONVENIO PROVINCIAL
Os condutores de Maitours reclaman que se lles aplique o convenio provincial de transporte de viaxeiros por estrada da Coruña, do mesmo xeito que se fai ao persoal de Intercar. Ademais, lembran que a última reforma laboral recolle que os salarios e condicións dun convenio propio de empresa, neste caso o da extinta Tranvías de Ferrol, "non poden ser inferiores aos do convenio provincial do sector".
Con todo, a empresa segue argumentando a súa posición nunha sentenza anterior a esa reforma, ditada a raíz do conflito colectivo presentado contra Maitours, que recoñece que o convenio regulador ten que ser o provincial, pero deixa a materialización deste cambio á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
"A patronal provincial está a dilatar de maneira inxustificada a firma do convenio", denuncia a parte social, que lembra que as táboas salariais xa foron publicadas no boletín provincial, polo que pero que entenden que "tería que facerse facerse efectiva de inmediato en materia de salarios, antigüidade, dietas e demais para o persoal de Maitours". Por iso, a CIG pide "a intervención urxente" da Xunta, á que acusan de estar "desaparecida".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.