Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2024 | Actualizada ás 19:44
O Xulgado Central do Contencioso-Administrativo, con sede en Madrid, admitiu a trámite unha demanda da Mesa pola Normalización Lingüística contra a Universidade Nacional a Distancia (UNED), despois de que un profesor suspendese un exame ao exdirixente do BNG Bieito Lobeira por facelo en galego. En concreto, Lobeira estuda Antropoloxía na UNED e ten como centro asociado o de Pontevedra, onde acudiu a examinarse o pasado mes de xaneiro. Con todo, as probas escanéanse e envíanse a Madrid, onde o profesor que viu o seu exame non llo cualificou, polo que acabou suspendendo.
Tal e como relata A Mesa pola Normalización e consta no decreto de admisión a trámite, o alumno recorreu polas canles internas da universidade ata que o Reitorado desestimou en maio a revisión da súa nota. Así, a entidade lingüística acudiu á xustiza para que se recoñeza o dereito deste estudante a que se puntúe o seu exame e "se lle recoñeza o seu dereito" a realizalo "na lingua cooficial do territorio onde se examine".
A demanda acaba de ser admitida a trámite por un decreto emitido o luns, día 2 de setembro, por un letrado do Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 4. A Mesa pola Normalización lembra que o artigo 5 dos estatutos da UNED, aprobados nun real decreto do 2011, recoñece como unha das súas "misións fundamentais" o "apoio ás linguas e culturas de España". Os propios estatutos engaden que a universidade "colaborará coas administracións autonómicas e demais administracións territoriais para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo aos seus cidadáns en educación superior".
Ademais, o texto compromete á UNED a "potenciar" e a incorporar "progresivamente" a docencia, os contidos e as tutorías en idiomas cooficiais. Non entanto, a propia institución defende que "o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente ao castelán" e que, en consecuencia, "non ten obriga de corrixilo". O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembra que a UNED é "unha universidade pública", do Estado, polo que "como tal debe dar exemplo" e respectar a oficialidade do galego. "Ningunha persoa que se examine en Galicia ten que ser obrigada ou coaccionada a facer un exame en castelán", subliña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.