O adianto do comezo de curso resta traballadores na vendima: "Este ano quedei coa metade dos que tiña o pasado"

Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV), amósase moi preocupado de cara ao futuro pola falta de man de obra, un problema que "cada ano vai a máis", mentres que "os viños galegos cada vez están máis de moda en todo o mundo, sobre todo os brancos".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Estamos en época de vendima e, como leva acontecendo dende fai xa un tempo, este ano os viticultores teñen que volver facer fronte a dúas importantes problemáticas que poñen en xaque ao sector: o cambio climático e a falta de man de obra. O primeiro aínda o poden ir sobrelevando adaptándose á situación e extremando a vixilancia sobre as vides, pero, o segundo, semella ir a peor cada ano. Dende o Galicia Confidencial falamos con Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV), que, ademais de contarnos como se presenta este ano a campaña, tamén nos fala do complicado que resulta a día de hoxe atopar traballadores para cubrir estas semanas, aínda pagando un bo soldo. Ata o de agora moitos dos postos de traballo na vendima eran cubertos por estudantes que querían gañar uns cartos antes do comezo das clases, pero cada ano o comezo do curso escolar prodúcese antes, de tal xeito que o groso da man de obra co que se contaba, desaparece.

Vendima
Vendima | Fonte: Arquivo

Sobre o estado da uva que se está recollendo, Rivas asegura que cada ano as ameazas para que chegue ata a colleita en bo estado son maiores. "Este 2024 foi un ano moi complicado, no que non gozamos de tempo propicio ata o final do verán", explica, lembrando que "o resto do ano tivemos moitísima humidade, o que fixo que houbera nas vides moita incidencia de fungos e, en consecuencia, perda de parte da colleita daqueles viticultores que non estiveron atentos". E é que aínda que semelle que o negocio do viño é algo que comeza coa recolleita e remata co embotellado, nada máis lonxe da realidade. Como di o presidente da AGV, "o proceso comeza xa na poda", cando se remata de recoller o viño dun ano xa hai que comezar a podar a viña para preparala para o seguinte.

E, unha vez preparada, hai que comezar cos procesos de coidado e fumigación para mantela sá, pois en caso contrario (e aínda facendo ben as cousas), aparecen os fungos. Rivas explica que "os fungos non son algo novo, de feito son algo endémico en Galicia polo propicio que lles resulta o noso clima, especialmente ao mildiu, que nos afecta moitísimo todos os anos", pero asegura que "este ano tivemos máis fungos que nunca". "Teño un compañeiro que fai moitos anos xa dícia: temos a mellor terra para producir albariño aquí nas Rías Baixas, pero tamén temos o mellor clima para producir fungos", chancea o viticultor, que fai un chamamento a "estar moi atentos todo o ano e non baixar a garda".

"OS HÍBRIDOS PRODUTORES DIRECTOS SON RESISTENTES ÁS ENFERMIDADES, PERO SON ENXENDROS, NON SON CEPAS"

"Cada vez os viticultores vémonos máis obrigados a dar maiores tratamentos á viña porque as primaveras neste país son tamén cada vez máis raras", lamenta. Neste punto, e habendo en Galicia case 70 variedades diferentes de uva autóctona, 29 autorizadas para usar etiqueta no seu embotellado, hai algunha que se amose máis resistente contra os embites das pragas? Rivas teno claro: "Os híbridos produtores directos son resistentes ás enfermidades, pero son enxendros, non son cepas". Así, pon o exemplo, no caso da zona do Salnés, das uvas híbridas que apareceron hai uns anos: a folla redonda, nome co que se coñece á uva coa que se elabora o tinto Barrantes; e a uva catalana ou romana, que se emprega para facer o viño Catalán Roxo. "Son uvas moi resistentes, pero dan unha calidade de viño ínfima, de feito entre os viticultores da zona sempre dicimos que iso non é viño", chancea. E é que estas uvas nin sequera están catalogadas oficialmente, o que non impide que se sigan usando e evolucionando para a produción de viño.

Grupo de persoas participantes na vendima
Grupo de persoas participantes na vendima | Fonte: Enoturismo Galicia - Arquivo

Con todo, ao preguntarlle cales son as expectativas de cara á recolleita deste ano, Rivas amósase optimista: "Se non dá choiva en exceso para estas datas será boa, quizáis un pouquiño menos en cantidade que a de anos anteriores, pero cunha calidade moi boa, porque agora está chovendo cando se precisa para que a uva se manteña hidrataba e en boas condicións". Así as cousas, este ano debería ser bo para as cinco denominacións de orixe galegas (Rías Baixas, Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei) e as cinco indicacións xeográficas protexidas (Betanzos, Barbanza-Iria, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense e Val do Navia) coas que contamos na nosa terra. E non todas as uvas para fabricar viño se recollen ao mesmo tempo, depende da maduración: a recolleita dos brancos nas Rías Baixas comezou a pasada semana; os espumosos pañáronse ao longo desta semana e tamén durante a pasada; e a recolleita dos tintos pode chegar ata o 12 de outubro, ata a Ponte do Pilar, que marca o final da tempada de vendima en Galicia. 

"OS VITICULTORES SOMOS XENTE PACÍFICA TODO O ANO AGÁS NO MES NO QUE NOS XOGAMOS O TRABALLO DE TODO O ANO"

Agora ben, o que de seguro non será esta vendima é relaxada, pois, como acontece todos os anos, o tempo aprema. "Hai que deixar unha cousa clara: os viticultores somos a xente máis pacífica que hai no mundo durante todo o ano agás nun mes: o que vai do 20 de agosto ao 20 de setembro, no que nos xogamos o traballo de todo un ano", chancea Rivas, que explica que "nesas datas o clima é fundamental", xa que "o proceso de recolleita da uva ten que ser rápido, debemos sacalas canto antes, porque cando a uva está madura é moito máis feble e máis propensa a contraer enfermidades". É por iso que, "durante a recolleita, os viticultores convertémonos en energúmenos", rise o presidente da AGV. Ao final hai que comprender que se están xogando os esforzos e inversión de todo un ano nuns días, polo que o obxectivo é "facer a recolleita rápido, pronto e ben, cousas que non son fáciles de meter todas na mesma frase".

Pero precisamente para que esa recolleita se poida levar a cabo o máis rápido posible, é preciso contar con man de obra suficiente, algo que escasea, "e cada vez máis". "A falta de man de obra é un problema que acontece todos os anos, pero que cada vez é máis grave", asegura Rivas, que explica que o comezo cada vez máis temperá do curso escolar está a supoñer un verdadeiro problema para os viticultores, porque "moitos tirabamos de estudantes para facer a recolleita, xente nova que quería gañar uns cartiños". Sen embargo, "cada ano que pasa o curso estase adiantando máis, e a recolleita segue realizándose nas mesmas datas, de tal xeito que para a vindeira semana, co comezo das clases en institutos e universidades galegas, xa non contamos con xente para vendimar". Por exemplo, no seu caso, asegura que "eu contaba co mesmo grupiño de persoas para a vendima dende fai anos, pero este caéuseme medio grupo por mór do comezo dos estudos". Neste senso, atópase verdadeiramente preocupado, porque "é algo que nos está afectando bastante seriamente".

"A VENDIMA XA NON É ALGO FAMILIAR, ANTES ERA UNHA FESTA, VIÑAN FAMILIARES E COLEGAS, PERO AGORA A LEI OBRIGA A FACER CONTRATOS E TEMOS QUE ARREAR VELOCIDADE"

A contratación de persoal foi algo que sempre funcionou de xeito moi natural: polo boca a boca, por anuncios en redes, falando con colegas do sector e preguntando se coñecían a alguén no paro que quixese traballar... E tradicionalmente non había problema porque se trataba dun traballo dunhas semanas que daba un alto rendemento económico para o empregado: "Na vendima págase bastante ben para non ser man de obra cualificada". E é que esa é a realidade: non se precisa experiencia previa practicamente. "Con catro nocións básicas calquera pode aprender, porque como dicía meu avó cando lle preguntabas como se vendimaba, se ti non comerías unha das uvas que estás recollendo, significa que non vale para facer viño tampouco", argumenta Rivas, que contrapón este traballo ao de poda ou enramado, partes da viticultura nas que "si se precisa de certa formación".

Deste xeito, o presidente da AGV anima a todos aqueles que queiran gañar uns cartiños e "sacarse nunha semana un soldiño bonito" a sumarse á vendima e non ter medo, porque "calquera pode aprender a vendimar" e, ademais, "adoita ser un traballo divertido, porque se fai en grupo, hai moita xente nova e gústanos chancear". Rivas lembra aqueles tempos que xa non volverán nos que a vendima era practicamente unha festa familiar, cando aínda o sector non estaba tan profesionalizado como agora: "Víñanche os familiares de Santiago, de Vigo, da Coruña... Os colegas, os xubilados...". Todo iso é auga pasada, porque "hoxe en día non podemos facelo así, primeiro porque a lei obriga a facer contratos ás persoas que están vendimando e, segundo, porque temos que apurar na recolleita, ir a sota, cabalo, rei, arreándolle velocidade, polo que non podemos tirar de xubilados".

"SE NON DAMOS SUPLIDO ESTA FALTA DE TRABALLADORES CON XENTE DE AQUÍ, TEREMOS QUE RECORRER A XENTE QUE VEÑA DE FÓRA PARA FACER A TEMPADA, COMO EN FRANCIA"

De cara ao futuro, Rivas considera que se abren moitas incógnitas aínda por resolver, pero a que máis lle preocupa é a falta de man de obra. "O problema do cambio climático é un problema ao que nos teremos que adaptar nós, os viticultores, e tamén as empresas que fan os produtos fitosanitarios, para ver como loitamos contra os cambios vía facer parcelas máis ecolóxicas, por exemplo", pero "o problema da man de obra é moito máis complicado, e se non damos suplido esta falta de traballadores con xente de aquí, teremos que recorrer a xente que veña de fóra para facer a tempada, como xa acontece en Francia", plantexa. Iso si, do que non ten dúbida é de que "o sector do viño galego ten moito futuro, porque os viños galegos están de moda, sobre todo os brancos, e véndense moi ben tanto dentro como fóra de Galicia".

Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV)
Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV) | Fonte: AGV - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta