“Nunca se viu algo tan grande nunha vila tan pequena”, Xoán Quintáns, organizador do Revenidas

Este xoves 5 de setembro presentábase o festival que pon a Vilaxóan no mapa e que este ano baterá records. Un deles o orzamento, que nesta edición supera os 900.000 euros.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 07/09/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Na presentación do Revenidas, que tivo lugar en Vilaxoán, estiveron presentes xunto coa organización o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, e o responsable de marketing local e clientes de Mahou en Galicia, Jesús Manuel Saez.

Presentación do Festival Revenidas 2024. XUNTA DE GALICIA
Presentación do Festival Revenidas 2024. XUNTA DE GALICIA

O responsable do festival, Xoán Quintáns, salientou a importancia que ten o evento para Vilaxoán, "nunca se viu algo tan grande nunha vila tan pequena", e subliñou que "a verdadeira estrela do Revenidas é a propia vila de Vilaxoán, que fai deste evento algo único e inimitable". Neste senso lebrou o interese que espertan as actividades do roteiro por Vilaxoán guiado por Xurxo Souto, os concertos a bordo da fin de semana, ou a sardiñada popular con entrada libre.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, manifestou a súa satisfacción por colaborar cun festival “tan especial e tan singular” como o Revenidas. Un festival, dixo, que “contribúe a que Vilagarcía e a súa comarca se convirtan estes días nun importante foco de atracción”.

Respecto á proposta artística, este festival combina clásicos internacionais con grupos que se estrean en Vilaxoán e grupos galegos, tanto consolidados como emerxentes. Así, nesta edición poderase gozar, entre outros/as, con: Sés, Tanxugueiras, Guadi Galego, Montra, Fillas de Cassandra, Lontreira, Catuxa Salom, el Kanka, Lendakaris Muertos, La Pegatina, Muchachito Bombo Infierno, La Fúmiga,Talco, La Dubioza, The Tyets, Mafalfa ou Kolektiv.

GALA DE CIRCO SOLIDARIA

Outra das actividades emblemáticas do festival Revenidas é a celebración o domingo da Gala Solidaria de Circo con entrada de balde. Trátase dunha festiva sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega dos espectáculos de rúa. A deste ano dará comezo ás 17.30 horas e estará dedicada en solidariedade co pobo palestino. 

O cartel completo e a programación ao detalle na web do propio festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta