Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 13/09/2024 | Actualizada ás 22:00
Seguramente todos recordamos con moito cariño cando, no comezo do curso, iamos ás nosas librarías de confianza a mercar o material escolar. Era case o único bo que tiña o comezo das clases despois do verán. Que novos deseños de libretas habería? Que bolígrafos escoller para encher as súas páxinas de tinta? E, sobre todo, que axenda mercar para que nos acompañase ao longo de todo o ano? Este costume foise perdendo co paso dos anos e a dixitalización da meirande parte do proceso educativo. Así, aínda que se seguen fabricando axendas, xa son moitos menos os estudantes que as mercan e, aínda menos, os que as usan. Dende logo cubrir unha páxina cada día é algo que obriga a adicar parte do tempo de ocio, un tempo que moitos prefiren empregar noutra cousa, sen ser conscientes dos beneficios que este xesto agocha tras de si. Carina e Natalia, unha profesora de Primaria e unha psicopedagoga e educadora social, quixeron rachar con esta tendencia e poñer en valor unha axenda útil, con consellos de estudo e análise de emocións, e 100 % galega, feita, como non podía ser doutro xeito, no noso idioma.
Como nos contan as creadoras da web tumochilaeducativa.es ao Galicia Confidencial, trátase "dunha axenda escolar adaptada aos nenos que, ademais das funcionalidades dunha axenda convencional, incorpora técnicas de estudo, análise das emocións e, o máis interesante, está feita en galego, incorporando tamén o calendario escolar de Galicia". Como xurdiu? Pois como todas esas ideas brillantes que a moita xente se lle ocorren na hora do café "para arranxar o mundo" (chancean as profesionais) pero, esta en concreto, en lugar de quedar no limbo da memoria, foi adiante: "Dixémonos: Facémolo? E fixémolo", así de sinxelo. Conceden que "a primeira opción non era a da axenda, comezamos por uns caderniños de verán para que todos os nenos galegos puidesen coñecer a Costa da Morte ao mesmo tempo que a cubrían, practicando así tamén os contidos aprendidos durante o curso escolar". Foi desa primeira idea que derivou a da axenda escolar, na que poñen de manifesto a necesidade de ter ese calendario escolar galego, pois "ás veces os nenos teñen dúbidas de cando é festivo e cando non, porque nas axendas convencionais o calendario é común para todo o territorio nacional".
"HAI QUE ACOSTUMAR AOS NENOS DENDE PEQUENOS A USAR A AXENDA, PORQUE FOMENTA A SÚA AUTONOMÍA E AXÚDAOS A SER MÁIS ORGANIZADOS"
As profesionais da educación tamén salientan a necesidade de "acostumar aos nenos a usar a axenda, porque fomenta a súa autonomía". "Vemos que, ás veces, os nenos non saben usar as axendas, rematan sexto de Primaria e non saben usala ou non a empregan correctamente", lamentan, de tal xeito que "hai que incidir nela". Aínda que saben de primeira man que non é fácil como profesor meter a cobertura da axenda dentro do horario lectivo, "tendo que dárlle prioridade a outros asuntos", si que "hai profesores que traballan máis na axenda que outros", e elas ven con bos ollos que así sexa, xa dende as etapas iniciais da educación, porque "así os nenos aprenden dende pequenos a organizarse", algo que "tamén lles axudará na etapa adulta a ser máis organizados". "Dende o punto de vista pedagóxico a axenda está pensada para iso", aseguran: para ordenar o caótico da mente humana e para que os nenos se poidan autoorganizar e ser así máis autónomos no estudo, "sen necesidade de que os pais teñan que andar enriba deles para, por exemplo, lembrarlles os exames".
Como explican, "moitas veces os nenos non saben moi ben o que teñen que facer coa axenda cando lla dan ou llela mercan, e mesmo chegan a apuntar nela, pero logo non saber que facer con eses apuntamentos ou non os volven mirar". É por iso que nesta axenda 100 % galega tamén se incorporan "técnicas de estudo e de concentración". "A idea é que os nenos traballen un pouquiño todo, aprendendo a estudar, organizarse e mesmo planificar os exames", xa que, de feito, "hai un apartado que fala en exclusiva de técnicas de estudo" e outros "de avaliación das aprendizaxes e dos resultados". Aínda que tamén incorpora unha parte final para que os nenos que non acadan boas notas a pesar dos esforzos non se frustren: "Pon que a nota non é o máis importante, que non sempre obtemos os resultados que queremos e que ás veces empregar unhas boas técnicas de estudo é máis importante que o tempo que se adica ao mesmo". E é que tamén hai que ensinar aos nenos xestión emocional.
"UNHA AXENDA EN GALEGO E QUE, ADEMAIS, INCORPORE O CALENDARIO ESCOLAR DE GALICIA, É ALGO QUE NON SE ATOPA A DÍA DE HOXE NAS LIBRARÍAS"
Neste aspecto, a axenda incorpora un apartado no que os nenos poden facer unha avaliación emocional diaria ou relacionada cos resultados académicos. "O obxectivo é que se combine un pouco a parte académica coa parte emocional, pois ambas son moi importantes para os nenos", aseguran as profesionais. Esta avaliación emocional xa non só resulta útil para os nenos, senón tamén para os pais, que poden detectar mirando a axenda se os fillos teñen algún problema emocional que non lles estean dicindo, pero que lles estea afectando. "É unha ferramenta pensada para os nenos pero que pode axudar tamén a pais e profesores, que as familias poden ter a man e que lles pode ser moi útil se os nenos collen o hábito de cubrila", aseguran. Para facilitar esa aprendizaxe de como proceder a cubrir correctamente unha axenda, preparan un curso breve e práctico no que os nenos poderán ver en primeira persoa para que serve cada parte da axenda, e as familias e profesores poderán obter máis información.
O que tanto Carina como Natalia tiveron claro dende o comezo é que a axenda tería que ser en idioma galego, para cubrir un importante baleiro que hai no mercado. "Unha axenda en galego e que, ademais, incorpore o calendario escolar de Galicia, é algo que non se atopa a día de hoxe nas librarías, onde o que imperan son as axendas xenéricas que valen para toda España e que non teñen personalidade", explican. O éxito non tardou en chegar, "mesmo máis do que pensabamos", de tal xeito que "chegáronnos pedidos de todos os recunchos de Galicia, dende Carballo ata Ribeira". "Algo que críamos que se movería unicamente na nosa zona, na Costa da Morte, está collendo moita repercusión, e aínda estamos estudando como facer co transporte e os gastos de envío, porque é algo que non tiñamos planeado", contan as creadoras desta axenda, que apuntan que, "polo momento, estamos atendendo os pedidos que nos chegan pola web, onde temos descontos para Asociacións de Pais e Nais (ANPAs)".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.