Rueda rexeita "trocear" o sistema de financiamento para facelo "singular" a cada CCAA: "Sairiamos perdendo todos"

Rueda incidiu en que Galicia aposta por un modelo que teña no centro o custo da prestación dos servizos públicos en función das características de cada territorio. No caso galego, apuntou á dispersión poboacional e o envellecemento como factores que encarecen a prestación dos servizos públicos.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 12/09/2024 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou que o sistema de financiamento autonómico sexa "troceado" para darlle un modelo de "réxime singular" a cada comunidade porque entende que o país "sairía perdendo moitísimo". Así o manifestou na súa intervención este xoves en Viveiro na sexta edición dos Encontros do Eo, nos que participa xunto ao presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón.

O mandatario galego subliñou que non debe "ir troceándose" o financiamento autonómico para dar "a cada comunidade" un réxime singular porque "perdería" todo o país ao crebar "a solidariedade" que "equilibra" e "iguala" os territorios. "Iso sempre que non creamos nun país como unha serie de territorios que se relacionan coa administración central e dánlles absolutamente igual os demais", engadiu Rueda, que insistiu en que "todas" as comunidades están "infrafinanciadas" co actual sistema, que debe reformularse con diálogo "entre todas" as comunidades e non de forma "bilateral".

Así, reiterou a súa oposición ao sistema de "cotas" como o que aprecia que quere estenderse a Cataluña tras o pacto de investidura alcanzado entre o PSC e ERC. "Se somos un país solidario, que cre nunhas regras de prestación de servizos básicos en toda partes, ese sistema non o podemos permitir", aseverou o líder do PP galego na súa primeira intervención no 'careo' co seu homólogo asturiano, que se prolongou durante dúas horas nas que, ademais de financiamento, abordaron asuntos como o turismo, a situación do rural e a economía ou servizos públicos como a educación e a sanidade.

No marco do debate da reforma de financación autonómica, Rueda incidiu en que Galicia aposta por un modelo que teña no centro o custo da prestación dos servizos públicos en función das características de cada territorio. No caso galego, apuntou á dispersión poboacional e o envellecemento como factores que encarecen a prestación dos servizos públicos, polo que cre que o novo sistema non pode, como defenden outras comunidades, pivotar en torno ao número de habitantes.

"É perigoso falar de habitantes para financiar territorios. O que se debe falar é do custo da prestación de servizos", remarcou o mandatario galego, que rexeita que se aumenten as canles de achega ás comunidades por parte do Estado recorrendo á débeda ou á subida de impostos. "En Galicia páganse xa moitos impostos", comentou antes de afirmar que os "cálculos" feitos pola Xunta coa "pouca información" trasladada desde o Goberno cifran en 444 millóns o que "perdería" Galicia no caso de que o sistema de concerto que teñen Euskadi e Navarra se transportase a Cataluña tamén.

Rueda sinalou que se trata de "prospeccións" feitas ante a "falta de información" e que nas "poucas certezas" está a intención de dobrar o fondo de compensación territorial para "dobralo", co que Galicia pasaría a percibir 70 millóns cando "o gap" que causa nas arcas autonómicas o custo da prestación de servizos se se atenden os factores de envellecemento e despoboamento alcanza "os 550 millóns de euros".

NEGOCIACIÓN "ENTRE TODOS"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao seu homólogo asturiano, Javier Barbón, nos Encontros do Eo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao seu homólogo asturiano, Javier Barbón, nos Encontros do Eo | Fonte: DAVID CABEZON

Así as cousas, o mandatario galego volveu a remarcar que o camiño a seguir para a reforma do sistema de financiamento é a convocatoria dunha conferencia de presidentes na que discutir "entre todos" o modelo. "Falar por separado rebéntanos a todos", espetou Rueda, que se mostrou defensor de que as comunidades senten "todas a discutir" e alcanzar "un acordo" no que "non todas" estarán "de acordo" pero que será froito de que "todas" cedesen "un pouco".

Por iso, afirmou que se o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o convoca a un encontro institucional (lembrou que aínda non o recibiu desde a súa investidura no mes de abril) estará disposto a abodar asuntos económicos "que afectan" a Galicia de formar "bilateral" pero dirá 'non' a negociar o sistema de financiamento. "Non vou negociar os recursos de todos de forma singular", reiterou Rueda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta