Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/12/2015 | Actualizada ás 18:14
A tensión que vive o PSOE tamén se trasladou este sábado ao panorama político galego. O histórico nacionalista galego Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, cargou duramente contra a estratexia dos dirixentes territoriais socialistas de impedir un goberno do seu líder, Pedro Sánchez, con Podemos. "Se permiten un goberno do PP estarán a cavar a súa propia fosa", advertiu.
"Se os socialistas propician que Mariano Rajoy poida seguir sendo presidente, ou outro candidato ou candidata do PP, ao único que estará a contribuír é a cavar a súa propia fosa e a converterse nun partido detestado pola cidadanía que aínda pensa que é esta unha forza socialdemócrata", dixo Beiras tras unha xuntanza que mantivo a Coordinadora Nacional de Anova este sábado.
"É indispensable que a alianza que se estableceu entre o pobo catalán, o pobo do país valenciano, e o pobo galego primordialmente, con Podemos a nivel de Estado, funcione de inmediato, pois esa alianza plural, respectuosa e explicitamente defensora dos dereitos políticos da soberanía dos distintos pobos é rotundamente oposta ás políticas agresoras dos populares", engadiu.
Por iso, insistiu en convencer á outra parte do PSOE, a liderada por Sánchez, para que non permita un goberno do PP coa súa abstención no Congreso. "Temos que facerlle un cerco ao PSOE para que non caia nesa tentación".
"Hai que impedir que nas Cortes do Estado sexa investido un presidente de Goberno do PP, ese é un reto moi difícil pero no que imos traballar de inmediato", dixo en alusión a En Comú Podem, Compromís-Podemos-És el moment e En Marea.
Neste sentido, suliñou a importancia de permitir realizar referendum nas nacións sen estado porque, dixo, os resultados, especialmente os que corresponden ás "nacións periféricas", vese que existe unha demanda social importante cara ao dereito a decidir das persoas e dos pobos como máxima expresión de democracia e por tal razón é, ao seu xuízo, o PSOE o que ten que volver xa á súa "tradición federalista".
"É que seica nunha alternativa como En Marea que encarna un suxeito político galego non imos facer o mesmo?", apuntou. Ademais, lembrou que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, mantense nunha posición "rotundamente defensora" daquilo ao que se comprometeu "e que é coherente" ao amparar "o dereito a decidir de todos os pobos da realidade plurinacional do Estado".
Grupo Parlamentario
En Marea colaborará, se se dá a oportunidade, nun gran pacto da esquerda, avanzou, e manifestou, así mesmo, a súa convicción de que esta coalición instrumental, que logrou o 25% dos votos, quedando como segunda forza en Galicia con seis escanos no Congreso, terá un grupo propio, pois se superan amplamente os requisitos legais e "non hai posibilidade xurídica" algunha de que isto non vaia a ser así.
Por outra banda, a Coordinadora Nacional de Anova, aprobou unha resolución na que destaca a importancia dos resultados acadados por En Marea, plataforma da que é impulsora esta formación. Así, destaca que, por vez primeira, un grupo parlamentar galego no Congreso, que se exprese en clave da cidadanía da nación galega, amais da obtención de dúas actas no Senado, sitúa a En Marea nun punto de partida "excelente para camiñarmos cara a superación do réxime do 78".
Para a Coordinadora Nacional de Anova, estas eleccións constituíron tamén unha demostración de que os procesos amplos e plurais de unidade popular "teñen unha importante receptividade social para liderar o cambio político e social e, xa que logo, marcan o camiño".
"Fiestras abertas"
Deste xeito, a formación de Beiras indica que vai pular tamén por dirixir boa parte dos seus esforzos a contribuír, dentro de En Marea, á potenciación "dunha alternativa cidadá real para, nuns meses, acadar a maioría no Parlamento galego". "A fiestra de oportunidade para a expresión da unidade popular continúa aberta. Cómpre agora termos colectivamente a intelixencia política e a xenerosidade necesarias para levar este proxecto adiante", engade.
POr iso, aposta por continuar a desenvolver o espazo sociopolítico de confluencia En Marea como ferramenta de base cidadá "para mudalo todo, tanto os xeitos de facer política como, no contexto específico destas eleccións, xogar un papel salientábel como galegas e galegos na política estatal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.