Continúan ardendo máis de 400 hectáreas en dous grandes lumes na Gudiña e en Palas de Rei e Toques

Xa foron extinguidos o de Cerdedo-Cotobade e Chantada que calcinaron 130 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 10:24

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural e fontes da Garda Civil de Lugo informaron dun incendio declarado a pasada medianoite no municipio de Palas de Rei , con dúas frontes abertas, un dos cales afecta á localidade de Toques, xa na provincia da Coruña.

Así, as chamas están a afectar á parroquia de Érmola, en Pas e, alén da montaña, á parroquia de Goiás, en Toques. Segundo confirmaron fontes de Medio Rural, sobre as 8,30 horas deste xoves deuse por estabilizado o lume, que afecta a unhas 40 hectáreas. Nesta actuación mobilizáronse 11 axentes, 14 brigadas, 16 motobombas e unha pa.

Por outra banda, a Consellería informou tamén de que permanece activo o incendio forestal no municipio ourensán da Gudiña, en Pentes. Este lume iniciouse pasado o mediodía do luns e foi controlado na mañá do mércores, aínda que se reactivaba horas despois.

Segundo as estimacións provisionais, o incendio afecta a unha superficie dunhas 280 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata agora 23 axentes, 44 brigadas, 25 motobombas, 6 pas, 3 técnicos, 10 helicópteros e 10 avións. Tamén participaron medios portugueses, ao estar o lume preto da fronteira.

Mentres, segue estabilizado o lume que afecta á parroquia de Barxa, tamén na Gudiña, e que se iniciou a medianoite do martes. O lume afecta a unhas 90 hectáreas e na súa extinción participaron ata agora 17 axentes, 28 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 8 helicópteros e 8 avións, ademais de medios portugueses.

Finalmente, Medio Rural dá por extinguido o incendio declarado na tarde do martes en Cerdedo-Cotobade, na parroquia de Augasantas, e que afectou a algo menos de 14 hectáreas. Así mesmo, dá por controlado o incendio rexistrado na parroquia de Requeixo, en Chantada, iniciado o martes e que afectou a 40 hectáreas.

Incendio declarado na medianoite do 19 de setembro de 2024, en Palas de Rei
Incendio declarado na medianoite do 19 de setembro de 2024, en Palas de Rei | Fonte: GARDA CIVIL DE LUGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta