Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 13:28
Case 500.000 traballadores galegos, ao redor de 13 millóns en todo o Estado, beneficiaríanse da redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais, segundo o cálculo que manexan os sindicatos UGT e CC.OO. En rolda de prensa este xoves, os seus secretarios xerais, José Antonio Gómez e Amelia Pérez, respectivamente, anunciaron mobilizacións o próximo día 26 fronte ás sedes das patronais, para reclamar a diminución do tempo de traballo, porque "xa vai tocando" e é algo que consideran de "xustiza social".
As dúas centrais esgrimen varios argumentos para esixir a baixada da xornada laboral a 37,5 horas semanais: ademais de velo de "xustiza social", para que a riqueza se reparta "equitativamente", demándana para favorecer un emprego "de calidade", para producir "máis", por conciliación e por contribuír na igualdade "efectiva" entre homes e mulleres e, por último, para rebaixar a contaminación do aire ao xerar menos desprazamentos diarios.
Na súa intervención, Gómez fixo un chamamento por unha banda aos traballadores a mobilizarse e polo outro ás organizacións empresariais a apostar polo acordo. A todos os partidos do arco parlamentario instoulles a "comprometerse" coa xornada laboral e subliñou: "Xa é hora de abandonar modelos baseados nos baixos salarios e nas longas xornadas laborais que en nada contribúen á mellora da produtividade e á xeración de riqueza para o conxunto do país".
Ao seu lado, Pérez avogou por que o que se asine sexa "un acordo tripartito", pero advertiu de que, de non ser posible, "o Goberno ten que lexislar" e "non vale escudarse en que non haxa un acordo tripartito". "Haberá que lexislar, levalo ao Parlamento e que cada partido se retrate", aseverou. Así mesmo, cargou contra a Confederación de Empresarios (CEOE) porque non a ve "tan belixerante" como na negociación desta medida "cando do que se fala é das altas taxas de sinistralidade", por exemplo.
MOBILIZACIÓNS
As mobilizacións están convocadas para o vindeiro xoves 26 na Coruña na praza de Luís Seoane, en Lugo na de Santo Domingo e en Vigo na rúa de García Barbón, todas elas ás 11.30 horas. Pola súa banda, a concentración para esixir a redución da xornada laboral en Ourense está convocada para as 12.00 horas na praza das Damas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.