Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/09/2024 | Actualizada ás 20:30
O Concello de Allariz quere celebrar o 140 aniversario do nacemento de Vicente Risco convidando á veciñanza e visitantes a participar o vindeiro 21 de setembro nunha xornada con varias actividades en homenaxe a este gran intelectual galego. A xornada leva o título de "Naceu un mozo. 140 aniversario do nacemento de Vicente Risco".
PROGRAMA
12:00 h. Roteiro risquiano dramatizado por Allariz. Punto de partida: Fonte da Barreira.
12:30 h. Celebración do aniversario na Fundación Vicente Risco.
23:00 h. Rock & Risco no local Roi Xordo de Allariz. Un concerto de Radio Océano e Xurxo Souto, coa poesía de Vicente Risco. Xurxo introducirá aos presentes no labor poético, pouco coñecido na obra desta figura, para ir despois dando paso á música.
XORNADAS "A MÚSICA E VICENTE RISCO"
Estas xornadas, que teñen como obxectivo abordar a relación de Vicente Risco coa música, serán os días 27 e 28 de setembro.
O 27 o Teatro Principal de Ourense será protagonista da estrea absoluta da ópera Loba Branca, baseada nun conto tradicional recollido polo senlleiro intelectual galego. E o día 28 a actividade trasládase a Allariz, concretamente á Fundación Vicente Risco, coa xornada A música ten ondas coma o mar. A música e Vicente Risco, que abordará os aspectos materiais e inmateriais do legado de Vicente Risco e a súa esposa María del Carmen Fernández Gómez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.