As Pontes aposta por manter a cheminea da central térmica, pero condicionada ao desenvolvemento do chan industrial

O goberno que preside Valentín González Formoso apuntou que "defenderá e esixirá" que ante unha posible incoación dun expediente de declaración Ben de Interese Cultural (BIC), "a Xunta de Galicia e Endesa deberán garantir, non só a compatibilidade do desenvolvemento industrial dos terreos, senón tamén o mantemento dos prazos previstos para o desmantelamento e o emprego asociado".

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 23/09/2024 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O Concello das Pontes de García Rodríguez aposta por conciliar a conservación da cheminea da central térmica co desenvolvemento de chan industrial, o emprego e a recuperación da potencia industrial desta localidade, tal e como se decidiu este luns en xunta de portavoces. Neste encontro participaron representantes do PSOE, BNG, PP e da Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, que solicitara a celebración dun pleno extraordinario para abordar este asunto, fixado nun primeiro momento para as 12.00 horas deste luns, pero que quedou suspendido.

Ao termo da cita, por parte do goberno que preside Valentín González Formoso apuntouse que "defenderá e esixirá" que ante unha posible incoación dun expediente de declaración Ben de Interese Cultural (BIC), "a Xunta de Galicia e Endesa deberán garantir, non só a compatibilidade do desenvolvemento industrial dos terreos, senón tamén o mantemento dos prazos previstos para o desmantelamento e o emprego asociado". Lembra a administración local que os terreos que ocupan a día de hoxe a central térmica deberán supor un novo impulso industrial, "cunha superficie superior aos 300.000 metros cadrados que deberán de poder albergar novos proxectos industriais", cuestión que estiman prioritaria.

MANTEMENTO

O Concello sinala ademais que se vai a "tratar de compatibilizar esta prioridade coa protección e supervivencia da cheminea", e que será necesario que se "acredite esta compatibilidade", xa que se estudará "ata que punto afectará a utilización deste chan para instalar novas empresas e tamén desde o punto de vista da seguridade industrial para aclarar canta superficie ao redor da cheminea se anularía para outros usos".

Ademais, outra das premisas do goberno do PSOE será que "é preciso garantir que o mantemento e posta en valor de calquera dos elementos susceptibles de ser preservado non suporá ningún custo nin prexuízo económico para o Concello das Pontes". "É prioritario para nós que quede claro quen vai sufragar o mantemento da cheminea ou calquera outro elemento", e que "en ningún caso será o Concello", agregan.

Vista da central térmica das Pontes
Vista da central térmica das Pontes | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta