Máis de 5,4 millóns para paliar as consecuencias da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica chegarán aos gandeiros en novembro

Así o anunciou este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na súa comparecencia semanal tras a reunión do Consello de Goberno. Concretamente, seguiranse compensando as mortes dos animais positivos por esta doenza e, ademais, subvencionaranse os custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e instalacións das explotacións afectadas en 2023 e 2024.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural destinará máis de 5,4 millóns de euros a axudas directas para os gandeiros galegos co fin de paliar as consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Así o anunciou este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na súa comparecencia semanal tras a reunión do Consello de Goberno. Concretamente, seguiranse compensando as mortes dos animais positivos por esta doenza e, ademais, subvencionaranse os custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e instalacións das explotacións afectadas en 2023 e 2024.

Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle
Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

As contías por animal falecido oscilarán entre os 400 euros por bovino menor de catro meses ata os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120, o que implica, apuntan, duplicar a contía que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata o momento. Esta axuda será complementaria coa orde de indemnizacións por falecemento que xa se pagaron polo deceso de 410 animais, cun importe de algo máis de 200.000 euros. Indican que os que se beneficiasen desta última orde de axudas recibirán a diferenza entre os baremos destas achegas concretas para EHE e os importes xa cobrados.

En canto ás achegas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías que se concederán serán de 20 euros por animal censado na explotación, cun mínimo de 140 euros para as explotacións cun censo inferior a sete animais e un máximo de 4.000 euros por granxa. Esta axuda pagarase polo total do censo dos bovinos da explotación, e non só polos afectados.

Así as cousas, segundo detallan nun comunicado, o Goberno galego disporá de máis de 5,4 millóns de euros para o financiamento destas axudas, dos que 2,8 millóns corresponderanse coa repartición de fondos comprometida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a EHE e que se fará efectiva coa publicación dun real decreto esta mesma semana. Apuntan tamén que a estes fondos hai que sumarlles os 200.000 euros de fondos propios xa pagos como indemnización por bovino morto, o que fai un total superior aos 5,6 millóns de euros en axudas directas relacionadas con esta doenza en Galicia.

No comunicado remarcan ademais que estas liñas de axuda de Medio Rural son "as máis cuantiosas das publicadas ata agora polas comunidades afectadas pola EHE". Nesta liña, subliñan que Galicia foi xa unha das "pioneiras" e habilitou a principios de 2024 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade. A previsión de publicación desta resolución é ao final do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza (estímase que baixe a súa incidencia de face a mediados do mes de novembro), co obxectivo de que opten á axuda todas as explotacións afectadas este ano.

PAGOS ADICIONAIS DA PAC PARA AGRICULTORES E GANDEIROS

Os agricultores e gandeiros galegos percibirán ao longo desta semana un total de 3.016.659,37 euros adicionais das axudas da Política Agraria Común (PAC), correspondentes ao incremento rexistrado nestas achegas como consecuencia da repartición de remanentes a nivel nacional. Así o avalou o Consello da Xunta reunido este luns, tal e como informou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda.

A normativa vixente, explican nun comunicado, permite aumentar o importe que se vai a pagar da axuda básica á renda para a sustentabilidade (ABRS) cando os resultados doutras intervencións en forma de pagos directos fosen inferiores aos previstos. Como resultado deste proceso, o remanente calculado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) e que se traslada á ABRS ascende a 120 millóns de euros no conxunto de España. Deles, a Galicia correspóndenlle o referidos tres millóns.

Lembran que ata setembro se realizaron pagos aos beneficiarios galegos desta axuda básica por valor de 58.464.639,69 euros. A axuda básica á renda, dentro das achegas da PAC, busca "apoiar unha renda agrícola viable e a resiliencia do sector agrícola en todo o territorio da Unión Europea, co fin de mellorar a seguridade alimentaria a longo prazo e a diversidade agrícola, así como de garantir a sustentabilidade económica da produción agrícola da UE".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta