Crise do sector da cunicultura: Cales son as razóns polas que cada vez se consuma menos coello?

Falamos coa cooperativa Cogal sobre a situación desde o punto de vista da producción e comercialización e cunha dietista-nutricionista sobre os beneficios desta carne.

Por Amanda Fernández | Lugo | 29/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Coello si ou coello non? Comes coello? Ou nin se che pasa pola cabeza ao consideralo unha mascota? A realidade é que cada vez se consume menos a carne de coello. Experimenta a contracción na demanda máis acusada do sector cárnico fresco ao peche de 2023, así perde un 7'8% do volume de compras respecto ao ano anterior. Isto reflicten os datos do Informe do consumo alimentario en España 2023 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Porén, pecha a facturación cun incremento do 7,0%, debido a que o prezo medio é un 16,1% máis alto, pechando en 8,53 euros o quilo. Os fogares españoles destinan á compra deste tipo de carne o 0,10% do presuposto que teñen para a compra de alimentos e bebidas dentro do fogar ao cabo dun ano. O consumo por persoa e ano deste tipo de carne cerra cunha inxesta de 0,59 quilos, unha cantidade un 8,9% inferior á consumida en 2022. Entre os canais de distribución habituais de compra destaca o supermercado, seguido da tenda tradicional. 

Chuletitas de coello cociñada
Chuletitas de coello cociñada

O perfil de fogar consumidor intensivo de carne fresca de coello correspóndese cunha tipoloxía de fogar formado por retirados, parellas adultas sen fillos e parellas con fillos maiores, onde o responsable da compra ten máis de 50 anos e corresponde cunha tipoloxía de fogar de clase socioeconómica baixa ou alta e media alta. As comunidades que máis mercan son La Rioja, Comunidad Foral de Navarra, Cataluña, Comunidade Valenciana, Aragón, Galicia e Castela León. Consumen menos en Andalucía, Madrid, Cantabiria ou Canarias. Son os retirados os que fan maior consumo per cápita deste tipo de carne fresca, cunha inxesta de 1,4 quilos por individuo, superando a media nacional en 0,7 quilos por persoa. No punto contrario, as parellas con fillos pequenos que realizan unha inxesta de 0,2 quilos. 

No que atinxe á comparación con outras carnes frescas. A de polo é a que ocupa a primeira posición debido a que presenta a cuota de volume máis alta e tamén é a que máis medra en facturación. A de porco sería a segunda que conta con maior proporción de volume dentro do segmento cárnico fresco. Tamén gaña presenza nos fogares e faino tanto en volume como valor. A de vacún é a terceira con maior proporción de compras. Neste punto, a carne de coello, así como a de ovino/caprino, ten a participación máis baixa do mercado especialmente en volume, pois o precio medio destas é lixeiramente superior e por iso en valor, manteñen maior proporción. Ambos tipos de carne ven disminuir a súa presenza nas cestas dos fogares españoles en volume, cun descenso que impacta co aumento do consumo de carne fresca. 

"A PREVISIÓN É QUE A CAÍDA SE VAI ESTANCAR NOS PRÓXIMOS ANOS" 

"O sector neste momento está decrecendo, pero non tan forte como nos últimos tres anos, digamos que se estabilizou un pouco a caída, decrece en torno ao 5%", indica Marcos Viso, director comercial da cooperativa Cogal. É un grupo formado por unha serie de cunicultores, gandeiros que se adican ao coello, e contan cun matadoiro e servizos de producción (venta de medicamentos, pensos,..). Desta maneira, os socios sacrifican a súa propia producción no matadoiro e tamén gandeiros terceiros aos que se lles merca o animal para comercializar a carne. "Cogal ten en Galicia, o matadoiro principal do grupo, con outros en Portugal e Albacete, e vimos facturando en torno aos 75 millóns de euros, datos do 2023", afirma. De feito, segundo a Encuesta Nacional de Cunicultura, correspondente a 2022, Galicia sitúase como a terceira comunidade que máis coello produce, a primeira en número de sacrificios, polos que se traen de fóra. 

Un coello
Un coello

A tendencia é negativa xa desde os últimos 10 ou 15 anos a nivel de producción, venta e demanda, segundo recoñece. A que se debe? Comenta que en moitas granxas non houbo un relevo xeracional, que moitas non se modernizaron polo que deixaron de ser competitivas e tampouco cumprían con requerimentos de benestar animal. "Se non hai inversión, acaban por pechar", apunta e engade a que ademáis disto, existe pouca demanda "especialmente na xente nova", así como a suba de prezos. "En Galicia segundo os datos de Intercun, a día de hoxe, hai 121 explotacións funcionando, cinco menos ca o ano pasado", comenta Marcos. 

Con todo, Galicia é unha comunidade, xunto con Castela e León, "líder e cos matadoiros máis grandes aquí, as granxas máis modernas e cunha condición climática que favorece á producción de coello". Pola contra, no pasado, segundo expón, a Comunidade Valenciana ou Cataluña eran as que estaban no máis alto "pero non fixeron inversións fai anos e a producción agora aló é máis baixa". Cogal, como cooperativa, ten un 30% de exportación, xa que venden en toda España, a grande distribución e canle tradicional, por Portugal e parte de Europa. Así, aprecian que a baixada de producción e consumo é "global", acusado en países como "Francia e Italia". 

Sae rendible ter unha explotación cunícula a día de hoxe? "Sae rendible, outra cousa sería montar a día de hoxe a granxa porque require unha forte e importante inversión, depende do financiamento e o material de construción encareceu moitísimo. Entón, tería que facer números, pero as que xa están funcionando, saen rendibles". 

A CONCEPCIÓN SOCIAL E OS TEMPOS DE COCIÑADO, BARREIRAS

"O público máis novo non considera a carne de coello como alimento, senón que ven ao animal como mascota. Segundo os diferentes estudos de mercado que elaboramos a nivel de sector, esa é a gran barreira á que nos enfrontamos, seguido do descoñecemento das propiedades nutricionais", manifesta Marcos. Contactamos coa dietista-nutricionista, Lidia Folgar, para coñecer máis dos beneficios de incorporar o coello na alimentación dos distintos fogares. Fai fincapé en destacar as diferenzas con outras carnes, por exemplo, a de coello é unha "carne magra, con menos dun 5% de graxa, que si é salvaxe aínda resulta menor". Así, dentro desta porcentaxe de graxa "non predominan as saturadas, como sucede con outras carnes, senón as graxas insaturadas". Isto implica que sexa unha carne apta para xente con risco cardiovascular, diabetes ou colesterol alto. "Como todas as carnes é rica en proteínas, pero a de coello en maior proporción e de alta dixestibilidade", destaca Lidia Folgar.

A dietista-nutricionista pensa que a baixa demanda deste producto se debe a que nos tempos actuais imos con moita presa como para realizar unha elaboración rápida: "Nos últimos anos dedícase menos tempo aos procesos de cociñado e esta non é unha carne que se atope con facilidade e non presenta tanta variedade de formatos como o polo ou o porco". Ante isto, Marcos comenta que dende fai moitos anos comercialízase tanto a peza enteira como variedade de formatos, "en lomo, muslos, paletillas ou filetes". Porén, recoñece que non se fan novos productos ou se inclúe en formatos máis doados de cociñar, como unha hamburguesa, polo elevado custo do traballo manual de ter que quitarlle o óso á carne para procesar. 

Entre os motivos pola baixada de demanda, Folgar apunta á que aprecia na súa consulta que a xente nova non adoita comer coello: "Inflúe a pena que esperta o animal, sobre todo cando no supermercado ves a peza enteira, coa cabeza tamén, e xera reparo". Pola contra, a xente máis maior si que come porque tamén sabe o que é criar e matar na casa, e está máis insensibilizada". O director comercial de Cogal amosa como outro problema que o prezo de venta ao público subiu e esta semana está nunha media de 7,75 euros o quilo do coello enteiro. "Fai tres anos non chegaba aos seis euros, a suba vén derivada dos custos de producción en alimentación, cuestións enerxéticas e o encarecemento dos custos do matadoiro. É unha cadea e a distribución xera que o prezo de venta sexa máis elevado, polo que coa inflación global, fixo que a xente apostara por unha proteína máis competitiva", lamenta. 

Como recomendan cociñalo? A dietista-nutricionista recomenda empregar unha ola express para reducir tempos de cocción e facer un coello con arroz e cogomelos, por exemplo. O comercial tamén engade a posibilidade de facer á prancha ou ao forno, un filete, peituga, paletillas ou chuletas.

Cal é a previsión do sector? Desde Cogal, a previsión é que a caída se vai estancar porque consumo seguirá existindo, especialmente na zona mediterránea e no norte de España. "Agardamos que a caída nos próximos anos se estanque e se manteña durante un tempo con lixeiras baixadas en producción e consumo", conclúe Marcos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta