A Xunta traballa nunha nova planificación eólica para abaratar a factura de cidadáns e industrias

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cre que "hai que darlle un plus de velocidade ao que se está facendo porque, en ocasións, non se pode esperar para determinados proxectos industriais a que se desenvolva todo un polígono".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou que a Xunta traballa nunha nova planificación eólica para abaratar a factura enerxética dos fogares e da industria galega, na cal será clave a lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se aprobará o próximo mes, así como a sociedade Recursos de Galicia (RDG). Esta nova folla de ruta e todo o ámbito regulamentario no que se traballa busca que, "aos poucos, a enerxía que proceda de renovables galegas quede en Galicia e sirva para abaratar a enerxía de todos os cidadáns e de todas as industrias galegas". "Temos que sacar peito do que temos en Galicia, que é dos galegos e galegas, e que ten que servir á industria, sexa a que está ou a que queira vir", afirma Lorenzana.

"Cremos que se pode sacar adiante unha planificación enerxética que sirva á nosa industria, que sirva aos nosos cidadáns e que respecte o medio ambiente, tendo en conta que temos unha planificación antiga, que está excedida e que agora mesmo xa se están esgotando os megawatts que estaban previstos na planificación actual", remarca. Lorenzana tamén adiantou que a próxima lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos Orzamentos deste ano incorporará novas figuras para crear chan industrial en zonas de alta demanda empresarial. Ademais, terán que ter zonas de reserva enerxética próximas.

"Xestur vai seguir traballando coa lei de áreas empresariais, pero cremos que hai que darlle un plus de velocidade ao que se está facendo porque, en ocasións, non se pode esperar para determinados proxectos industriais a que se desenvolva todo un polígono", opina. "O que se trata é de facilitar chan industrial rapidamente a quen ten un proxecto empresarial real", engade, quen apuntou que é unha forma de ampliar a figura dos proxectos industrias estratéxicos a pequenos polígonos. Pon en valor o papel da Oficina Económica de Galicia para atallar a burocracia, "para falar de ti a ti coas empresas", con máis de 7.000 consultas xa atendidas.

Renovables, parques eólicos
Renovables, parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta