Que se está facendo mal para que os novos médicos non queiran traballar no rural?

O presidente da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN), o doutor José Polo, considera que "durante o período de formación, a día de hoxe, non se insiste o suficiente na medicina rural, sempre se lles prepara moito para a medicina hospitalaria, pero non para a atención primaria no rural".

Por Ángela Precedo | LUGO | 01/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A atención primaria atópase nun delicado momento no que a falta de médicos e a precariedade laboral derivan en longas listas de espera para ser atendido dunha doenza e en diagnósticos tardíos. Tentar hoxe pedir cita nun centro médico do Sergas para ser atendido mañá é máis difícil ca que che toque a lotaría, con agardas, na maior parte dos concellos, de entre tres e catro días. E aínda que esta situación se reproduce en practicamente todo o territorio galego, sen dúbida, a situación máis complicada atravésana os municipios do rural. Cada vez menos médicos se interesan por traballar en vilas, pois a súa actividade non se ve recompensada a nivel económico como para poder facer fronte aos gastos de desprazamento e á falta de conciliación familiar. Así, atopámonos case cada día na prensa con protestas de veciños de pequenos concellos que se quedan sen profesionais para atender as doenzas dunha comunidade envellecida e dispersa. Dende o Galicia Confidencial falamos co doutor José Polo, presidente da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN) para preguntarlle pola posible solución a esta cruda realidade.

Traballadores médicos do Sergas
Traballadores médicos do Sergas | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

En primeiro lugar, o doutor concede que "a situación no rural está complicada tanto pola falta de profesionais como pola saturación das consultas". De feito, invita a "observar como están os centros de saúde de pequenos concellos onde hai consultas nas que os médicos teñen axendas de 60 ou 70 pacientes diarios". Así as cousas, e a pesares de que "no rural a demanda sempre é menor porque hai menos poboación, tamén hai que ter en conta que se está dando un problema moi grande de substitución xeracional: non hai quen cubra as prazas dos médicos que se van xubilando". Un dos factores máis importantes que desincentivan a chegada de novos profesionais ao rural, na súa opinión, é a falta de transportes e comunicacións axeitados, sumados á difícil conciliación familiar. "A dispersión territorial non só é un problema de Galicia, é moi frecuente en todo o territorio español, pero hai que ter en conta o traballo a maiores que implica para un profesional da saúde ter que atender a unha poboación dispersa, innegablemente complica máis o seu traballo e desincentívalle a ocupar esa praza", lamenta.

Deste xeito, e a pesares de que hai en marcha diferentes iniciativas para tratar de frear ou mesmo mudar esta situación, e de que cada comunidade autónoma plantexa as súas propias ao tratarse dunha competencia transferida por parte do Goberno central, as opcións máis repetidas pasan por incentivos económicos. E, aínda que isto podería animar a algúns médicos a optar pola atención primaria no rural, o doutor Polo cre que non a todos, pois "o gran problema que está xurdindo tamén é que, moitas veces, estes profesionais non queren ir ao rural porque non o coñecen". Pois denuncia que "durante o período de formación, a día de hoxe, non se insiste o suficiente na medicina rural, sempre se lles prepara moito para a medicina hospitalaria, pero non para a atención primaria no rural". Así, non se lles insiste nas necesidades da poboación rural, "unha poboación que cada vez está máis envellecida e que é máis dependente, á que hai que dárlle unha atención que conleva máis tempo e máis adicación".

"LEVAMOS ANOS RECLAMANDO QUE O ESTUDANTE DE MEDICINA CONTE DURANTE A SÚA FORMACIÓN CUNHA ÁREA EXCLUSIVA SOBRE A ATENCIÓN PRIMARIA"

Para tratar de mudar dun xeito máis efectivo a situación, o presidente de SEMERGEN aposta porque "os novos profesionais que se están formando na medicina conten cunha maior rotación polos centros de saúde rurais durante o seu período de prácticas". Na mesma liña, o doutor Polo asegura que "levamos anos reclamando que o estudante de Medicina teña durante o seu período de formación unha área de coñecemento exclusiva sobre a atención primaria, para que poida coñecer polo miúdo todo o que se fai nela e as súas diferentes obrigas". Con todo, concede que antes de chegar a iso, "o primeiro paso é levar a cabo unha gran reforma de todo o sistema de atención primaria, algo que vimos pedindo dende fai tempo". Ademais, demanda que "o médico de atención primaria debe ter unha maior capacidade de resolución para sentirse médico no seu traballo, e non un burócrata máis ou un oficinista".

Sanitaria con cartel de servizos mínimos durante a folga de médicos galegos
Sanitaria con cartel de servizos mínimos durante a folga de médicos galegos | Fonte: Europa Press - Arquivo

Mentres tanto, e coa falta de médicos nos centros de saúde rural como unha realidade plausible, estanse implementando algúns sistemas de atención centrados nas novas tecnoloxías para paliar a falta de atención temperá: a coñecida como telemedicina. Para o doutor Polo, aínda que "é innegable que a telemedicina pode facilitar o traballo do médico, debe ser sempre unha ferramenta ao seu servizo, e non implicar a súa substitución", pois considera que "o acto médico, a relación médico-paciente, a proximidade do médico de familia, é unha ferramenta fundamental para poder diagnosticar e tratar ben unha enfermidade". Así, cre que "a telemedicina pode ser moi útil para levar a cabo revisións ou cuestións administrativas, e para determinadas cousas pódese realizar unha teleconsulta ou un seguemento do paciente dende a casa, a través do teléfono, pero o que nunca se pode facer é substituír a asistencia física cando máis o precisa", conclúe o doutor.

"A ATENCIÓN PRIMARIA NON É A PORTA DE ENTRADA AO SISTEMA SANITARIO, É A COLUMNA VERTEBRAL; SE ESTA COLAPSA, COLAPSA TODO O SISTEMA"

E é que para o presidente de SEMERGEN está claro que o médico de familia vai máis aló de ser un simple traballador, converténdose, como a propia especialidade o di, en familia dos pacientes. "O médico de familia vive e convive coa familia, ten proximidade e é, en parte, integrante da comunidade, xerando cos pacientes unha gran confianza, atendéndoos, en moitos casos, dende que nacen ata, coma quen di, a súa morte", explica o doutor Polo, que considera que "esa proximidade é fundamental e axuda moito no tratamento e na evolución das enfermidades das persoas". Especialmente é moi útil naqueles casos de persoas maiores que chegan a ver no seu médico de cabeceira un salvavidas e un alivio para as súas doenzas. De feito, os anciáns chegan a sentirse desamparados no momento en que deixan de contar con ese médico que sempre lles atendeu, e resulta máis complicado volver gañarse a súa confianza. Hai que entender que a idade das persoas que habitan maioritariamente en zonas rurais tamén é un factor a ter en conta á hora de abordar a súa atención médica.

Chegados a este punto, para o doutor Polo é innegable que "a atención primaria é o eixo fundamental do noso sistema sanitario público". Apunta a que "se os índices de saúde, como é o caso da esperanza de vida, melloraron tanto en España nos últimos anos, foi porque na década dos 80 e 90 se apostou fortemente pola atención primaria". Así as cousas, o doutor defende que "a atención primaria non é, como moitas veces se di, a porta de entrada ao sistema sanitario, senón que é a columna vertebral de todo o sistema". "Se colapsa a atención primaria, vai colapsar todo o noso sistema sanitario público", conclúe o presidente de SEMERGEN. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2023 había na comunidade 2.604 médicos de atención primaria, 39 menos que o ano anterior. Nese ano 2023, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), había en Galicia un total de 15.988 médicos, polo que os que se adican á atención primaria unicamente supoñen o 16 % do total.

Máquina do centro de saúde de Viveiro cun cartel que advirte que non hai médicos dispoñibles
Máquina do centro de saúde de Viveiro cun cartel que advirte que non hai médicos dispoñibles | Fonte: CIG - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta