Crónica dunha morte anunciada: concellos de menos de 500 veciños que rexistran ata 20 falecementos no último ano

Dende o Galicia Confidencial, aproveitando a recente publicación dos datos de natalidade e mortalidade oficiais do 2023 en cada concello galego, analizamos o duro futuro ao que se enfrontan os concellos de menos de 500 veciños.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A situación poboacional galega é dramática dende fai anos: a idade media da poboación sitúase nos 48 anos e o envellecemento séntese máis a cada ano que pasa, cun escaso número de nacementos fronte a un elevado número de mortes. A isto hai que sumar que a distribución da poboación non é igual ao longo de todo o territorio, senón que se concentra maioritariamente na zona da costa atlántica, de tal maneira que os concellos do interior perden xente que migra cara as grandes cidades das provincias da Coruña e Pontevedra. Deste xeito, o panorama é desalentador: agora mesmo, segundo os datos de poboación aportados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o 1 de xaneiro de 2023, hai en Galicia un total de 36 concellos con menos de mil habitantes, dos cales, 7, teñen menos de 500 veciños. Dende o Galicia Confidencial, aproveitando a recente publicación dos datos de natalidade e mortalidade oficiais do 2023 en cada concello galego, analizamos o duro futuro ao que se enfrontan estes municipios.

Un ancián no rural galego
Un ancián no rural galego | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

NEGUEIRA DE MUÑIZ: O ÚNICO QUE NON REXISTRA SALDO VEXETATIVO NEGATIVO, PERO TAMPOUCO POSITIVO

Comezando a análise por Negueira de Muñiz (240 poboadores), cómpre resaltar que non é o peor dato, nin moito menos, de feito é o único destes sete concellos que non rexistrou un saldo vexetativo negativo no 2023, aínda que tampouco positivo, pois houbo o mesmo número de nacementos que de mortes (1). Iso si, dende comezos deste século non tivo máis de 3 nacementos en ningún ano. De feito, hai que remontarse ata o ano 1988 para atopar o maior número de nados que tivo dende que hai rexistros (1975), un total de 6 bebés. Mentres que os anos con maior número de defuncións foron os de 1975 e 1991, con 11 veciños falecidos. Agora ben, se tomamos como referencia o número de nacementos fronte ao número de mortes que houbo no que vai de século (do ano 2000 ao 2023), a situación é dura: 17 nacementos por 80 mortes, é dicir, o número de falecidos máis que cuatriplica ao de nados. Agora ben, aínda que do 1980 ao 2000 a poboación en Negueira de Muñiz se reduciu á metade (de 437 habitantes pasou a 261), ben é certo que a caída a partires de comezos de século foi máis paseniña, chegando mesmo ao punto, despois da pandemia, de aumentar o número de veciños. Tanto é así que no 2022 había neste pequeno concello lucense 228 habitantes, e no 2023 xa eran 240.

A TEIXEIRA: OS MORTOS MULTIPLICAN POR 13 AOS NADOS ENTRE O ANO 2000 E O 2023

No caso do seguinte concello con menor número de habitantes, A Teixeira (342 poboadores), a cousa si se complica. No 2023 non naceu ningún neno no municipio, mentres que perderon a vida 17 persoas. E algo que podería ser anecdótico dun ano concreto, non o é se botamos a vista atrás no tempo, pois alo menos dende que hai rexistros no IGE (1975), non houbo ningún ano con saldo vexetativo positivo. Ademais, dende o comezo do século XXI, non nacen máis de 3 nenos nun ano. Para atopar o ano con máis nacementos no concello habería que remontarse a 1980, cando naceron 9 bebés. Mentres que o ano con máis falecementos foi 1983, cun total de 25. E analizando a evolución destes indicadores no que vai de século, entre o ano 2000 e o 2023 naceron na Teixeira unicamente 21 nenos, mentres que o número de mortes foi de 272, é dicir: os mortos multiplican por 13 aos nados. E é que no tocante á poboación este concello é o caso máis alarmante de Galicia, pois partía de 2.030 habitantes nos anos 80, que se converteron en 743 nos noventa e que se reduciron a 597 no 2000. A partires de aí a cousa seguiu decrecendo paseniñamente ata que, como aconteceu noutras zonas do rural, a pandemia deu un pequeno pulo ao número de veciños, de tal xeito que se no 2020 eran 318 veciños, no 2022 xa chegaran a 345 e no 2023 caeron unicamente aos 342.

A Teixeira
A Teixeira | Fonte: Commons

BEADE: EN CAÍDA LIBRE POBOACIONAL DENDE 2017

O terceiro concello con menos poboación de Galicia é Beade (364 veciños), onde o pasado ano naceu unicamente un neno e morreron 8 persoas, o que deixou o saldo vexetativo en 7 veciños menos. Isto é algo que se vén repetindo ano tras ano, pois para atopar un balance de nacementos-mortes positivo hai que remontarse ata o ano 1978. De feio, o ano con maior número de nacementos do concello dende que hai rexistros (1975) foi 1978, cando naceron 13 nenos. Mentres que o ano con máis decesos foi 1981, con 11 facelementos. Ademais, dende o ano 2000 non se superaron os 5 nacementos anuais. Así as cousas, entre o comezo do século e o ano 2023 houbo unicamente 45 nacementos fronte a 174 mortes, é dicir, case 4 veces máis falecidos que nados. Beade é outro dos concellos que perdeu un importante número de veciños entre os oitenta e os 2000, pois caeu dos 1.204 habitantes ao 614, reducíndose así á metade a poboación en 20 anos. De igual maneira seguiu caendo durante o que vai de século, pasando deses 614 veciños dos 2000 a 515 no 2010, a 384 no 2020 e a 372 no 2022, para quedarse nos 364 o pasado 2023. Desde o 2017 non recupera a senda da estabilidade, en caída libre continua.

LAROUCO: O SALDO VEXETATIVO DE 2023 DEIXAO EN -21, CON 3 NACEMENTOS E 24 FALECIDOS

Seguindo por orde de poboación ascendente, atopámonos con Larouco (444 veciños), onde o pasado ano o saldo vexetativo resultanto é ben alarmante: -21, ao nacer tan só 3 nenos fronte a 24 falecidos. Neste caso, dende que o IGE conta con datos (1975), non houbo ningún ano con saldo vexetativo positivo, o que supón que, alo menos, dende fai 50 anos a situación deste concello mantense igual: en morte progresiva. O ano con máis nacementos rexistrados foi o de 1979, cun total de 11 bebés. Mentres que os anos con máis mortes foron os de 1975 e 1986, con 25 falecidos. Ademais, hai que resaltar que dende comezos deste século non naceron máis de 6 nenos nun ano, mentres que morreron máis de 10 persoas todos os anos agás en tres (2002, 2003 e 2004). Deste xeito, entre o ano 2000 e o 2023 houbo 39 nacementos rexistrados e 405 mortes, o que supón que a cifra de falecidos multiplica por dez a de nados. Así as cousas, se na década dos oitenta Larouco contaba con 1.102 habitantes, nos 90 xa eran a metade: 693; cifra que continuou baixando ata ser 617 veciños no 2000, 584 no 2010, 417 no 2020, 440 no 2022 e 444 o pasado ano 2023. E e que dende a covid, como xa vimos que aconteceu noutros casos, houbo un pequeno cambio de tendencia.

PONTEDEVA: TODO MARCHABA BEN ATA 1986, ONDE COMEZOU O DESCENSO POBOACIONAL

Pasando a analizar a situación de Pontedeva (468 veciños), observamos que, dentro do malo, a situación no é tan dramática coma noutros casos, pois o saldo vexetativo no 2023 situouse en -6, ao haber 2 nacementos fronte a 8 mortes. Neste concello da provincia de Ourense non se rexistra un saldo positivo dende o ano 1982 (+1). Así, os anos nos que se rexistrou un maior número de nacementos foron os de 1978 e 1979, con 13 nenos nados. Pola contra, o ano con máis decesos foi o de 2009, con 17 falecidos. Ademais, dende o ano 2000 no nacen na localidade máis de 5 nenos nun ano. Contrastando a situación, entre o comezo do século XXI e o pasado ano, naceron un total de 44 nenos en Pontedeva, pero morreron 210 persoas, o que supón que a cifra de falecementos multiplica case por 5 a de nacementos. Se ben é certo que dende que o IGE ten rexistros (1975) Pontedeva non é un concello moi poboado, nos anos oitenta contaba con 868 poboadores, que mesmo chegaron a ser 904 no 1986. Sen embargo, dende esa data xa comezou unha caída libre de poboación que nin sequera se detivo, coma noutros casos, co pulo que a crise do covid deu ao rural, de tal maneira que nos 2000 o número de veciños era de 708, no 2010 de 661, no 2022 de 494 e o pasado 2023 de 479. E baixando.

CHANDREXA DE QUEIXA: UN DESES CONCELLOS QUE GAÑOU VECIÑOS TRAS A PANDEMIA

Algo mellor é a situación de Chandrexa de Queixa (493 veciños), aínda que tampouco está a cousa para botar foguetes. O saldo vexetativo a 2023 permanece negativo, quedándose en -12, ao rexistrarse ao longo do ano só 2 nacementos fronte a 14 mortes. En concreto, na vila non se rexistran datos positivos no tocante ao saldo vexetativo dende 1984. Ademais, o ano no que máis poboación se perdeu como consecuencia dos falecementos foi o 1995, con 25 decesos. Pola contra, o ano que rexistrou un maior número de nacementos foi 1980, con 16 bebés nados. Sen embargo, dende comezos de século non houbo ningún ano no que se superaran os 5 nacementos. Ademais, comparando os nacementos fronte ás mortes entre os anos 2000 e 2023, obsérvase que neses vintetrés anos houbo 40 nacementos, pero 279 falecementos, é dicir, que o número de decesos multiplica por 7 o de bebés. Con este panorama enriba da mesa, enténdese a gran caída de habitantes de Chandrexa dende os anos oitenta do século pasado, cando tiña 1.226 poboadores. Nos anos 90 pasaran a 1.100, pero nos 2000 xa estaban nos 897 (a metade en vinte anos), e no 2010 en 639, para caer ata os 472 no 2020. Iso si, este foi un deses concellos que gañou habitantes tras a pandemia, de tal xeito que no 2022 había 495 veciños e este pasado 2023 caeron só ata os 493.

RIBEIRA DE PIQUÍN: UN TOTAL DE 322 MORTES ENTRE O 2000 E O 2023

Finalmente, moi preto do limiar de medio milleiro de habitantes, atopámonos con Ribeira de Piquín (497 veciños), que foi o pasado 2023 cando caeu dos 500 poboadores. No municipio o saldo vexetativo do pasado ano foi tamén negativo, de -9, ao haber 2 nacementos fronte a 11 decesos. Ademais, dende que o IGE rexistra datos (1975), non houbo ningún ano con rexistro positivo. De feito, o ano no que máis nacementos se notificaron foi o de 1975, con 21 novos bebés. Mentres tanto, o ano con maior número de falecidos foi o de 1990, con 23 mortes. Tamén cómpre resaltar que dende comezos do século XXI, non se rexistran no concello máis de 4 nacementos anualmente, Así, entre os anos 2000 e 2023 houbo en Ribeira de Piquín un total de 36 nacementos, pero as mortes eleváronse ata 322, de tal maneira que os decesos case chegaron a multiplicar por 9 os nacementos. Así as cousas, hai que poñer de manifesto que Ribeira de Piquín atópase en caída libre no que a poboación se refire, pois nos anos oitenta do século pasado tiña 1.379 habitantes, mentres que nos noventa xa caera ata os 1.084, nos 2000 ata os 886, no 2010 ata os 664, no 2020 ata os 513, no 2022 ata os 500 e este pasado 2023 quedou nos 497. Ano tras ano a cifra de moradores vaise reducindo.

Negueira de Muñiz
Negueira de Muñiz | Fonte: Concello de Negueira de Muñiz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta