A Xunta utilizará a comercializadora de enerxía para protexer proxectos eólicos e abaratar a electricidade nas pemes

Prevé descontos do 50 % na luz para veciños afectados por eólicos e tamén para autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2024 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

A comercializadora de enerxía impulsada pola sociedade mixta Rercursos de Galicia (RDG), cun 30% de participación da Xunta e o restante integrado por empresas como Abanca, Megasa, Finsa, Copasa e Grupo Nogar, entre outras, prevé iniciar a súa actividade en 2025 con descontos da contorna do 50% na factura da luz para os veciños afectados por parques eólicos.

Así o destacaron este mércores en rolda de prensa o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Segundo explicaron, ademais de ofertar a enerxía con estes descontos a particulares, a intención de RDG Comercializadora Galega de Enerxía é "democratizar" os PPA (acordos de compravenda de enerxía a longo prazo) a autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas, de modo que "sectores estratéxicos" para a economía galega poidan beneficiarse tamén de prezos máis competitivos.

A conselleira de Economía e o conselleiro delegado de RDG, María Jesús Lorenzana e Emilio Bruquetas, respectivamente
A conselleira de Economía e o conselleiro delegado de RDG, María Jesús Lorenzana e Emilio Bruquetas, respectivamente | Fonte: MONICA ARCAY CARRO

Lorenzana presentou a comercializadora, que anunciou o pasado domingo o presidente da Xunta durante o retiro cos seus conselleiros, como "un dos tres instrumentos crave" para a política enerxética do Goberno galego. Os outros dous son a lei de recursos naturais, aínda sen aprobar no Parlamento galego (sairá "este mes de outubro") e "a planificación de recursos naturais", en concreto a eólica.

Trátase, segundo a titular de Economía e Industria, dunha política que parte de dúas premisas: "avanzar na autonomía enerxética e conseguir abaratar a enerxía dos fogares galegos e das industrias e das empresas en Galicia". "Se tivésemos que definila, unha política enerxética social", subliñou, ao asegurar que busca "transformar o aproveitamento dos recursos naturais nunha riqueza social". Respecto de industrias e empresas, "exactamente igual", engadiu, posto que a intención é "baixar os custos fixos que teñen e poder aumentar a súa competitividade".

"O 100 % A GALEGOS"

A comercializadora, explicou a dirixente, "vai vender o 100 % da súa enerxía a consumidores galegos" e o 100 % tamén "a un prezo máis barato que un de mercado". Serán considerados veciños os "residentes nun radio próximo a un recurso", pero nin Lorenzana nin o conselleiro delegado de RDG concretárono e analizarase "proxecto a proxecto".

O desconto para eles "roldará" o 50 % de media sobre o prezo de mercado. Para as empresas e industrias, a conselleira apuntou á figura dos 'PPA', aos que a día de hoxe só teñen acceso "determinadas" firmas "con moito consumo e capacidade de negociar". O que "é fundamental" é, segundo reclamou, por unha banda "que se desbloqueen as enerxías renovables" na comunidade, en referencia ás paralizacións de parques eólicos debido a decisións xudiciais e, por outro, que haxa "rapidez" por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica no desenvolvemento da eólica mariña.

RDG está a traballar "con diversos promotores" pero está "a atoparse cun bloqueo importante", segundo coincidiu Bruquetas, quen dixo que o "limitante" neste caso non é o capital social, posto que a comercializadora conta con respaldo económico-financeiro, senón esa situación xudicial. "Estamos a traballar para que o Supremo continúe na liña que comezou o ano pasado cando deu a razón á Xunta", dixo Lorenzana sobre este extremo.

No tocante á eólica mariña garantiu que "a postura en Galicia é única" para afear ao ministerio que "non se pode dicir que se vai comezar onde exista máis aceptación social cando non se está traballando para que exista aceptación social". Interrogada polas críticas do BNG, tachounas de "superficiais", ao reivindicar a capacidade de veto que ten a Xunta en RDG a pesar de dispor só do 30 % do capital.

Esta comercializadora é "a primeira e única con estas características en todo o estado español", segundo a conselleira, xa que "existen outros exemplos" que "se poden parecer" en País Vasco e Cataluña pero RDG "completa todo o ciclo, desde a produción (...) ata a comercialización" e ademais a súa intención é "chegar a todos os consumidores". Nesta liña, expuxo que a lei de recursos naturais obrigará aos promotores a "repercutir" o aproveitamento dun recurso na cidadanía.

"Calquera promotor que se asocie con RDG poderá xustificar dunha forma evidente, clarísima e moi sinxela os requisitos que estamos a esixir", salientou. Despois dela interveu o conselleiro delegado de RDG, ex director xeral de Reganosa, quen manifestou o interese da sociedade mixta por "ser útiles aos galegos". Bruquetas informou de que o consello de administración da compañía aprobou en setembro a constitución da comercializadora baixo a forma dunha sociedade anónima, co desembolso de 60.000 euros.

Agora atópase en fase de tramitación ante os organismos reguladores e o conselleiro delegado estima que este proceso "leva de catro a cinco meses". "A principios de 2025 a idea é que todos estes trámites estean finalizados", indicou. Cun proxecto pensado "a medio e longo prazo" e "para permanecer", sinalou que a vontade da comercializadora é "vender enerxía 100 % galega e 100 % renovable" de proxectos tamén nos que participe RDG.

"Traballaremos en proxectos que xa están a operar ou que están a piques de finalizar a súa construción", expuxo, aínda que admitiu que nunha "primeira fase" están "con máis afán traballando en alcanzar e comprar paquetes de enerxía renovable que poidan xerar terceiros" e esta sociedade anónima prevé comercializar. Esta opción servirá, segundo dixo, para "o curto prazo". Nesta liña, apuntou a "conversacións con distintos actores do sector" para comezar a operar "no menor tempo posible".

NIN SUBVENCIÓN NIN BONO SOCIAL

A preguntas dos xornalistas, ambos os responsables expuxeron que a comercializadora "non vén traballar en mecanismos" como as subvencións ou o bono social. "Vimos democratizar acordos bilaterais que a través desta comercializadora estarán dispoñibles para máis empresas", reiteraron. Respecto diso, incidiron en que "a marxe de beneficio de calquera promotor é amplo". "Entre a subvención e reducir as marxes de beneficio hai un amplo abano", afirmaron.

A enerxía ofrecerase a veciños de zonas afectadas e non a colectivos vulnerables porque, para estes últimos, co bono social "está perfectamente resolto", en palabras da conselleira. "Creo que é de xustiza que os que conviven (cos parques) teñan unha vantaxe", fixo fincapé o conselleiro delegado de RDG.

Segundo comprometeron, "serán criterios totalmente obxectivos e transparentes" os que determinen que veciños terán acceso aos descontos. Pero por agora están "a traballar na definición". O desconto "ten que ser significativo" e a comercializadora tentará "sempre" unha media do 50 %. En ocasións será do 45 % e noutras do 60 %, segundo a conselleira, con base en "a capacidade que teña o parque" e "tentando chegar ao máximo".

A cuestións de se compañías como Inditex ou Altri poderán beneficiarse desta enerxía máis barata, Bruquetas mostrouse "totalmente convencido de que teñen as capacidades por si mesmos de acceder a enerxía moi competitiva" e Lorenzana foi rotunda en que "non" está pensado para elas, aínda que abriu a porta a que se empregue para casos como Alcoa, no caso de que sexa necesario "salvar" á compañía. Por iso é polo que se fará, segundo a titular de Industria, "pensando no desenvolvemento industrial" de Galicia e en sectores concretos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta