A comercializadora enerxética da Xunta: unha resposta desesperada á paralización de parques eólicos?

O goberno galego anuncia unha comercializadora de enerxía con participación pública. O obxectivo será “protexer parques eólicos e baixar os prezos enerxéticos ás pemes”. Outras operacións con participación pública da Xunta, como a das antigas caixas galegas ou Pescanova, acabaron en fracaso.

Por Moncho Mariño | Santiago | 08/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Alfonso Rueda anunciábao coa cabeza ben alta despois de saír do “retiro” nun hotel de Sober: o ente Recursos de Galicia (RDG) “xa iniciou os trámites para poñer en marcha, a principios do ano que vén, unha comercializadora propia para abaratar e descarbonizar o consumo de enerxía na comunidade autónoma”. Houbo rebumbio despois do anuncio, especulacións sobre que lle pasaba na cabeza a Rueda e ao resto do goberno da Xunta para crear unha comercializadora de enerxía. Porén, mirando para atrás, os pasos cara esta decisión xa se materializaran en novembro de 2023 cando se anunciaba a creación da sociedade público-privada Recursos de Galicia, un ente onde empresas privadas e o executivo de Rueda (cunha participación do 30%) buscaban dar apoio a novos planos industriais que revertesen polo menos parte dos seus beneficios en Galicia. Máis adiante, en xuño de 2024 a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentaba o anteproxecto de “Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia”. O articulado está previsto que se aprobe na segunda semana de outubro de 2024, e poderá entrar en vigor durante o último trimestre de 2024, segundo indicaba no seu momento a conselleira de Economía e Industria.

Renovables, parques eólicos
Renovables, parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

MANOBRAS DE DISTRACCIÓN
O TSXG tiña paralizado xa 59 proxectos eólicos a mediados de setembro de 2024. O número non era cousa menor, moitos eran proxectos sobre os que as grandes produtoras tiñan apostado forte logo dos cambios lexislativos sobre o chan rústico non protexido que realizara a Xunta de Feijóo. As eléctricas necesitaban terreos tanto para crear novos parques como para repotenciar os existentes. Onde estaba o problema? Que moitos parques estaban invadindo áreas consideradas de alto valor ecolóxico, patrimonial e de monte en man común. Aínda así, houbo comunidades de montes que aceptaron o aluguer dos terreos comunados e crear infraestruturas e manter actividades económicas que non fosen as forestais.

Cando se presentou o proxecto de comercializadora enerxética houbo quen falaba xa de empresa pública. Realmente a comercializadora responderá ao esqueda da súa matriz, o ente RDG, unha figura público-privada. Por tanto, de materializarse esta comercializadora terá unha participación dun 30% do Goberno galego. “Podemos velo como unha estratexia da Xunta para responder ao rexeitamento social a determinados proxectos renovables”, di o deputado do BNG Xosé Manuel Golpe.

Unha vez que se aprobe a Lei de Beneficios, RDG e a futura comercializadora buscan "democratizar" os PPA (acordos de compravenda de enerxía a longo prazo) a autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas, de modo que "sectores estratéxicos", como dicía Lorenzana na presentación o pasado 2 de outubro. “O organismo comercializador estará vinculado a eólicas e hidroeléctricas mediante PPA” di Golpe que tamén apunta outro baremo da Xunta para crear empresas desde RDG e beneficiarse do proxecto comercial: “segundo o retorno que deixe en Galicia así sumará máis puntos a empresa que queira entrar”.

A conselleira Lorenzana aseguraba que a futura empresa "vai vender o 100 % da súa enerxía a consumidores galegos" e o 100 % tamén "a un prezo máis barato que un de mercado". Serán considerados veciños os "residentes nun radio próximo a un recurso", pero nin Lorenzana nin o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, concretaron nada disto durante a presentación. Durante o mesmo acto, a conselleira remarcou a necesidade de "que se desbloqueen as enerxías renovables" na comunidade, en referencia ás paralizacións de parques eólicos debido a decisións xudiciais.

A conselleira de Economía e o conselleiro delegado de RDG, María Jesús Lorenzana e Emilio Bruquetas, respectivamente
A conselleira de Economía e o conselleiro delegado de RDG, María Jesús Lorenzana e Emilio Bruquetas, respectivamente | Fonte: MONICA ARCAY CARRO

UN PROXECTO 'ÚNICO' E ….VIABLE?
A participación da Xunta neste novo ente reflicte a política de económica de “colaboración público-privada” que tanto goberno galego como os representantes do empresariado, sobre todo a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), consideran “esencial para o desenvolvemento” industrial e tecnolóxico do país. Con todo, o 30% de participación do goberno autonómico queda case “anulado” pola presenza do 70% correspondente ás empresas privadas que participan en RDG.

“A Xunta perde toda capacidade pública dentro desta comercializadora por participar nunha sociedade público-privada” sinala Patricia Iglesias, parlamentaria do PSdeG da comisión de Economía e Industria. “Vai competir con outros xigantes enerxéticos” que fixeron subir a factura da luz que “baixou grazas ao pacto da Excepción Ibérica” para España e Portugal. A rendibilidade desta comercializadora acabará véndose se é capaz de chegar aos usuarios para os que di dirixirse: PEMES e consumidores que vivan xunto a parques eólicos.

OUTRAS OPERACIÓNS ERRADAS

De todas maneiras, desde 2009 os gobernos Feijóo-Rueda non se caracterizaron por crear un tecido público forte que permitise retornos á cidadanía. Así, primeiramente paralizou todos os proxectos posibles de paralizar creados durante o bipartito. Construiuse o Hospital Álvaro Cunqueiro rebaixando as súas capacidades de cobertura e entregando a unha UTE externa a xestión do edificio. A día de hoxe, é o único experimento “público-privado” dentro da sanidade galega ante as deficiencias denunciadas polo persoal así como os sobrecustos que causou tal e como informou o Consello de Contas.

A case que intromisión de Núñez Feijóo para fusionar as antigas caixas de aforros, Caixa Galicia e Caixanova, deron por resultado NovaCaixaGalicia que custou aos orzamentos públicos galegos 8.000 millóns de euros para poder salvalo. Houbera que realizar unha intervención en Caixanova que, segundo un auto da Audiencia Nacional, non se produciría se a fusión non se materializase. Finalmente, os directivos das dúas entidades fusionadas pasaron polo xulgado e a Xunta, finalmente, vendeu a fusión por mil millóns de euros ao banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet que transformou as caixas fusionadas nun banco, Abanca.

Outro exemplo de perda de capital público foron as inxeccións de diñeiro a Pescanova durante os gobernos Fraga para non ser absorbida pola compañía neerlandesa Unilever. En abril de 2013 presentaba concurso de preacredores cunha débeda de máis de 1.500 millóns. En maio do mesmo ano, a Xunta de Feijóo inxectara catro millóns de euros.

A comercializadora coa que a Xunta busca a descarbonización e abaratamento da enerxía en Galicia, pode acabar nunha aventura tal como foron outras intervencións do goberno autonómico. Senón, se as cousas saen tal como di, posiblemente haxa beneficios e retornos para PEMES e cidadanía, todo despois de que o TSXG paralizase 59 proxectos eólicos e o Goberno central negociase a excepción ibérica para baixar o prezo da enerxía.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no retiro cos seus conselleiros en Sober. DAVID CABEZON @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no retiro cos seus conselleiros en Sober. DAVID CABEZON @ XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta