A popular Elena Candia presidirá a comisión que investigará contratos da Xunta con empresas como Eulen

Pontón e Besteiro critican esta decisión e agardan que este órgano sexa transparente e rigoroso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2024 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A popular Elena Candia presidirá a comisión que investigará no Parlamento de Galicia contratos da Xunta con empresas como Eulen. A tamén deputada do PP Carmen Pomar será a vicepresidenta e o nacionalista Luís Bará será o secretario.

Así foi aprobado este venres durante a votación en comisión, onde o parlamentario do Bloque Luís Bará recibiu sete papeletas para ser presidente.  Ao termo das sesións, tanto a portavoz do Bloque, Ana Pontón, como o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticaron que sexa o Partido Popular quen ostente a presidencia.

A líder do PP en Lugo e deputada, Elena Candia
A líder do PP en Lugo e deputada, Elena Candia | Fonte: Carlos Castro

"Os socialistas tiñamos a esperanza de que un membro da oposición presidise esta comisión. Non foi posible, será un membro do PP", censurou Gómez Besteiro, quen falou en primeiro lugar. Pola súa banda, Pontón asegurou ter "claro" que "se o PP estivese tan tranquilo non estaría tan preocupado por deixar atada a maioría na mesa da comisión".

"Imos ir ata o fondo presentando un plan de traballo rigoroso", destacou a líder nacionalista, quen avanzou que emendarán as normas de funcionamento para tentar que esta comisión funcione do mesmo xeito que é "habitual" noutras cámaras como o Congreso dos Deputados, onde os comparecentes teñen que responder "si ou si" ás preguntas que formulan os grupos.

PEDIRÁN A FEIJÓO E RUEDA

"Transparencia" é o que esixiu tamén o secretario xeral do PSOE galego, para quen esta premisa "xa non é unha opción", senón que "é unha obrigación". Por iso, Besteiro esperou "que o desenvolvemento desta comisión non se vexa torpedeado, impedido ou dificultado para que aflore todo o que ten que aflorar", entre outras cuestións, "sobre o sobrecusto do hospital de Vigo, eses 470 millóns".

Por parte do PSdeG, demandou "transparencia, rigor e responsabilidade política", e "que non haxa ningún tipo de torpedeo". "Como o PP di que non ten nada que temer, iremos vendo se torpedea, dificulta o funcionamento ou non", incidiu. Neste sentido, sinalou que "pouco" haberá que esperar "para saber cal vai ser a posición do PP". "Eu recoméndolles que sexan transparentes e que se salga desta comisión sabendo a verdade", reiterou.

"ERRADICAR CORRUPTELAS"

Pola súa banda, Ana Pontón reivindicou que esta comisión quedase constituída, cando "contou inicialmente co veto do PP, pero que grazas aos 25 deputados do BNG" saíu adiante. "Imos tentar pór transparencia onde o PP ten total opacidade en aspectos importantes para a cidadanía, porque estamos a falar de como se está usando o diñeiro dos galegos para beneficiar a empresas vinculadas con altos cargos do PP", subliñou.

Nesta liña, agregou que se abordará "mesmo como se tomaron decisións que supuxeron un roto moi grande ás arcas públicas" de Galicia, polos 470 millóns "que o PP fixo que se pagasen de máis pola construción deste hospital privatizado que se poderían dedicar a atender as necesidades da sanidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta