Por Galicia Confidencial | Verín | 08/10/2024 | Actualizada ás 09:00
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Biblioteca do Concello de Verín, están organizando un ciclo de actividades dedicadas á figura de D. Eloy Luis André, un dos máis relevantes intelectuais galegos, escritor, pensador e introdutor da psicoloxía moderna en España. Nado en Mourazos en 1876 e falecido en Madrid en 1935, a súa traxectoria será revisada dende múltiples enfoques ao longo do mes de outubro.
A figura de Eloy Luis André será presentada e analizada por recoñecidos especialistas como Xosé Ramón García Soto, Ramón López Vázquez, Alberte Blanco Casal, Aurora Prieto, Miguel Losada, Vicente R. Justo e Carlos Thiébaut. Cada un dos conferenciantes achegará unha visión única sobre o pensamento e legado do autor, afondando en aspectos como a psicoloxía, o europeísmo, o galeguismo, as comunicacións terrestres e o estudo da fala.
As xornadas comezaron o pasado 3 de outubro coa conferencia "Psicoloxía: cambio social e perfección persoal", de Xosé Ramón García Soto, e continuarán os xoves restantes do mes de outubro ás 19:30h no Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello de Verín.
Este ciclo cultural e divulgativo incluirá tamén unha exposición baixo o título “Silencio, soidade, carácter”, en homenaxe ao artigo homónimo de Eloy Luis André, publicado en 1907 na revista Sagitario. A mostra, que está comisariada por Aurora Prieto, Miguel Losada e Vicente R. Justo, percorrerá algúns dos momentos máis relevantes da vida e obra do autor. A mesma estará aberta ao publico nas instalacións da Biblioteca Municipal ata o 31 de outubro.
RESTO DE CONFERENCIAS
10 de outubro de 2024
Ramón López Vázquez
“A variante André”: europeísmo, españolismo, galeguismo
17 de outubro de 2024
Alberte Blanco Casal
A visión estratéxica das comunicacións terrestres de Eloy Luis André
24 de outubro de 2024
Aurora Prieto, Miguel Losada, Vicente R. Justo e Xosé Ramón García Soto
Descubrindo as curvas melódicas da fala
31 de outubro de 2024
Carlos Thiébaut
Tras o lume: esquecementos e lembranzas
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.