Galiartesán.- Joaquín Diéguez, o cereiro que sostén unha tradición de catro xeracións a pesares da caída da demanda

O Galicia Confidencial visita o seu obradoiro en Pontecesures, onde nos ensina unha roda de madeira para a fabricación de cirios de 4 metros de altura e os seus estantes cheos de centos moldes de arxila fabricados a man.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 26/10/2024 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Algunha vez, cando ves nos cemiterios centos de candeas que os alumean na noite de defuntos, te preguntaches de onde saen? De seguro que, o primeiro que se che pasa pola cabeza é: de China ou por aí. E, aínda que ben é certo que os países asiáticos están a copar cada vez máis o mercado, aínda hai persoas que se manteñen fieis ao seu cereiro de toda a vida. E é que en Galicia temos a sorte de contar cunhas pouquiñas cererías tradicionais que aínda están en pé, a pesares de que é evidente que o culto cristiá vai a menos xeración tras xeración e de que China e outras potencias comercializadoras irrumpiron con forza no sector. Dende o Galicia Confidencial tivemos a sorte de visitar unha destas cererías autóctonas, a que atesora máis fama a día de hoxe na nosa terra: a Cerería Joaquín Diéguez, con tenda en Pontevedra e obradoiro en Pontecesures. Ata catro xeracións de cereiros (dende comezos do século XX) mantiveron este oficio ata os nosos días, días nos que, como xa nos adianta Joaquín nada máis chegar, está a cousa moi complicada para manter o negocio.

Joaquín Diéguez, cereiro de Pontecesures
Joaquín Diéguez, cereiro de Pontecesures | Fonte: Pontecesures.net

Joaquín recíbenos na porta do seu obradoiro en Pontecesures, un obradoiro no que se conservan auténticas reliquias. Ante os nosos ollos aparecen estantes e estantes cheos ata o teito de moldes para a fabricación de candeas con distintas formas, algunhas delas mesmo consistentes en varias pezas. E non son moldes sen máis, senón que están feitos de xeito artesanal polo pai, avó, bisavó ou o propio Joaquín en arxila. Pois, aínda que a día de hoxe os poucos cereiros que quedan e as grandes multinacionais xa usan moldes feitos en metal (para industrializar o proceso) ou con impresoras 3D, Joaquín quere seguir facendo as súas pezas como as leva facendo toda a vida: de principio a fin, o que tamén inclúe o molde. Dende cabezas, pernas ou brazos para fabricar os exvotos, ata cunchas xacobeas para os Peregrinos, pasando por gatos para santería e mesmo figuras que foron creadas en primicia neste obradoiro.

Do mesmo xeito que os moldes, Joaquín tamén leva toda a vida cortando e introducindo, como lle ensinaron os seus antergos, as mechas das candeas. Ensínanos como cun pauciño en forma de pinza feito de vimbia suxeita a parte que sobresairá da candea. E, aínda que el xa non o fai, asegura que os seus antergos mesmo fabricaban eles mesmos as mechas, fío a fío. Hoxe en día, se tivese que facer iso, aínda sería menos rentable o negocio do que xa é. Así que merca o fío feito en bovinas e logo adícase a cortalo e preparalo para a súa introdución na candea. Joaquín lembra, cando el era pequeno e axudaba ao seu avó e ao seu pai, que "bañaba a man mecha por mecha na cera e logo colgábaas a secar, dáballe logo outro baño máis en frío e así íaas engordando". Como recorda, "naquel tempo xa vendían mecha preparada, pero meu pai non quería mercala, quería que o proceso seguise sendo artesanal", conta. Agora iso xa se fai mecanicamente. "O fácil é mercar unha máquina que che faga todo, pero entón xa non falamos dalgo tradicional, perdemos a esencia", lamenta.

UNHA RODA DE MADEIRA DE 4 METROS DE ALTURA PARA A FABRICACIÓN DE CIRIOS

Xa falando da cera como tal, Joaquín explica que a cera pura de abella sempre hai que mesturala coa parafina, porque "a cera de abella o que fai é que peguen moi ben as capas e dá un acabado moi bo", pero "se te pasas co seu emprego tampouco che vai quedar ben a candea, porque a cera de abella non queima ben". "Se fas unha candea enteira, maciza, de cera de abella, non queda ben, terías que meterlle unha mecha moi grosa para que queimase ben", afirma. De feito, este cereiro apunta que "antigamente calquer cera valía, metían todo nun recipiente, con calqueira mecha e daba igual que afumara, que gotease... Agora non, agora búscase a maior perfección posible", algo que para este cereiro é sinónimo de "que non sexa unha candea, porque unha verdadeira candea é imperfecta". Rebuscando entre os estantes atopamos ata un selo de 'José Diéguez', o bisavó de Joaquín.

Roda de madeira antiga para a fabricación de cirios
Roda de madeira antiga para a fabricación de cirios | Fonte: GC

No tocante ao proceso de fabricación como tal, conta cunha verdadeira xoia que xa non se ve en ningunha outra parte, digna de museo: unha roda de madeira xigante con contrapesos que conta con centos de anos, duns 4 metros de altura, na que con diferentes colgadores de ferro dos que se enganchan as mechas, pode ir fabricando os longos cirios tan utilizados nas procesións e nas igrexas. Con regulador a diferentes alturas, segundo o tamaño dos cirios que se queiran fabricar, é unha desas ferramentas que xa case non quedan. Como nos explica Joaquín, coa mecha colgada, baixas a roda ata o recipiente con cera a grande temperatura para que a impregne ben e que quede ben adherida. Nas seguintes capas, vas baixando a temperatura para que se vaian pegando as diferentes capas, ata lograr o grosor desexado. "Eu non vin en ningunha cerería, nin sequera en Andalucía, unha roda tan grande, vinas máis pequenas", asegura Joaquín, que lembra, con nostalxia, que "esta fábrica foi o 'non vai máis' na súa época".

"A CRISE DO 2008 FOI TERRIBLE PARA O SECTOR E, CANDO A COUSA COMEZABA A COLLER DE NOVO UN POUCO DE ALEGRÍA, CHEGOU A PANDEMIA"

No tocante ao relevo xeracional dentro desta profesión, Joaquín considera que é algo inviable: "Como van vivir unicamente disto os mozos, se é algo moi incerto?". Aínda lembra cando as estanterías estaban cheas de centos e centos de exvotos e exvotos de cera que tiñan moi boa saída nas romarías. Agora, asegura que "xa nin paga a pena ir polas romarías para vender unhas cantas candeas a dous euros", pois entre o que gasta en desprazamento, o tempo no que ten pechada a tenda ou que podería estar empregando no taller e, en moitas ocasións, a climatoloxía, "non compensa". Este cereiro ten claro que "eu estou aquí porque estou mantendo unha tradición, a duras penas, e porque escollín este camiño". Camiño que se truncou, segundo apunta, a partir da crise do 2008. Antes diso, confesa que "sempre vivín ben, nunca me preocupei por nada", sen embargo, agora "vivo cunha inseguridade brutal".

En concreto, insiste en que a crise do 2008 foi "terrible" para o sector. "Eu adoitaba pasar os veráns traballando para cáterings, floristerías, bodas... Pero no intre en que chegou a crise as bodas desapareceron, e a compra en floristerías e, con elas, desapareceron as candeas", explica. E cando o sector semellaba que volvía repuntar, despois de anos de loita, chegou a pandemia: "Cando empezaba a ir ben a cousa, a coller un pouco de alegría, todo se veu abaixo, a xente xa non saía, especialmente a xente maior, que é a que merca as candeas maioritariamente". Catro anos despois, a cousa segue mal, en horas baixas, e sen visos de remontar. Preguntando a Joaquín se a cera para facer candeas decorativas ou de ambiente non ten saída, confesa que "a día de hoxe esa cera xa vén de todos lados" e resulta difícil competir con grandes superficies que poden poñer as candeas a prezos máis baratos.

"AGORA O QUE GAÑAS COAS VENDAS CASE O TES QUE INVERTIR TODO DE NOVO EN CERA, NON GAÑAS NADA"

"Nin sequera somos bos para nós mesmos, a xente non apoia o local, e os de fóra non son os que van vir pagarlle as xubilacións", reflexiona. Así as cousas, só lle queda confiar "na clientela que valora o auténtico, o feito aquí, porque senón apaga e vámonos". Agora este cereiro, que anda arredor dos 40 anos, aínda se pregunta "a ver se chego á xubilación". Dentro do malo, el ten a sorte de ter moitísima sona en toda Galicia, xa que a que el conserva é unha cerería que se labrou de cero dende comezos do século pasado, amparada pola calidade da súa cera e a maxestuosidade das súas obras. E, de feito, Joaquín asegura que "a min o que me interesa, hoxe por hoxe, é manter o que había, ao fillo do fillo do fillo, porque moitas veces vas buscar clientes novos e ves que non funciona, e saes escaldado". Así, para el o importante é "que os meus clientes confíen en min". De feito, conta que "hai xente nova que se achega pola tenda, aínda sen ser crente, porque quere manter a tradición dos seus pais ou avós".

Lonxe quedan eses tempos nos que mesmo había comerciais que ían polos diferentes pobos ofertando as figuras e as candeas de cera, cargados de maletíns con mostras: "Ían a xoierías, bazares, igrexas... Tiñan moitos puntos de venda". Joaquín considera que "houbo unha época para crecer nisto" e, agora, "xa non se vende". Recorda que houbo un momento no que el mesmo chegou a ter dúas empregadas, pero agora xa non dá a cousa nin sequera para el mesmo. Todos os días vai dende Pontevedra a Pontecesures, pero cada vez faino con menos ganas. "Eu antes enchía todo o baixo de cirios, pero todo iso xa rematou, aquí case que o diñeiro que gañas o invirtes en cera outra vez, non lle gañas nada", confesa. Como exemplo, explica que "poder levar dúas caixiñas con candeas ou exvotos a San Francisco á choiva, pechando e perdendo de gañar na tenda, para sacar 1,50 euros a cada caixa, sen poñerlle a gasolina e o traballo que dá ir e volver; non é rentable".

Roda de madeira antiga para a fabricación de cirios
Roda de madeira antiga para a fabricación de cirios | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta