Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2024 | Actualizada ás 16:01
A folga convocada polo Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para este luns provocou problemas na emisión de 'O Termómetro', programa que pon de exemplo da "externalización" que afronta a corporación e que aseguran "dilapida recursos públicos". A CRTVG, pola súa banda, afirma que o seguimento do paro roldou o 32,5 %.
Esta foi a primeira xornada dun paro convocado tamén para os días 9, 11 e 14 de outubro. De non producirse avances para esa data, avanzaban, a protesta será de carácter indefinido a partir do 16 de outubro, coa mesma alternancia de mobilizacións os luns, mércores e venres. Reclaman o cesamento da externalización da programación e a recuperación do diálogo social para a participación dos profesionais na toma de decisións de condicións laborais e futuro modelo.
Tal e como explicaron a finais de setembro cando anunciaron os paros, a franxa horaria afectada é desde as 11.30 ás 13.00 horas por coincidir coa emisión do novo programa 'O Termómetro', coprodución sucesora do programa de produción propia 'A Revista', que levaba máis de 20 anos en antena. Aínda que o programa chegou a emitirse, non o fixo na súa totalidade, arrincando a emisión a partir das 13.00 horas. Por iso, o comité convocante cualificou a xornada de "exitosa" e subliñou que máis dun centenar de persoas concentráronse á entrada das instalacións da CRTVG. Alí estivo a presidenta da Federación Europea de Xornalistas, Simpática Sever.
Nun comunicado, o Comité Intercentros alertaba de que este programa "dilapida recursos públicos" ao custar 16.000 euros diarios, segundo as súas cifras, e "facilita a manipulación informativa", "profundando na estratexia de desmantelamento" dos medios públicos. Agregaban que se realiza nas instalacións compostelás de San Marcos, limítase á parte técnica, "pasando a mans das produtoras O Papaventos TV e Producións Audiovisuais Setemedia o control dos contidos".
A CRTVG CIFRA O SEGUIMENTO DO PARO NUN 32,5 %
Consultada por Europa Press, a CRTVG asegura que "preto do 70 % do persoal non apoiou a primeira xornada de paros parciais". "A folga foi secundada polo 32,5 % do persoal", afirman. Trasladan ademais que o de 'O Termómetro' é un sistema de coprodución "xa usado en múltiples ocasións na TVG" e que segue o mesmo esquema utilizado por TVE e o resto de canles autonómicas. "Nin é unha produción externa nin é unha fórmula nova", remarcan.
Destacan tamén que a finais de 2024, a Corporación contará co 100 % do cadro de persoal fixo. "É falso que este programa afecte, agora ou a futuro, aos postos de traballo dentro da CRTVG", remarcan. Por último, "respectan" o dereito a exercer paros parciais, pero "lamentan" tamén a pretensión de "alterar o servizo público e de bloquear a colaboración da Corporación coas empresas produtoras do sector audiovisual de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.