Piden 10 anos de cárcere para dous expresos de Teixeiro que puxeron en circulación moeda falsa ao saír do cárcere

A vista suspendeuse por non poder declarar un perito nunha xornada con dous xuízos máis a presos, neste caso por drogas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 08/10/2024 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña suspendeu o xuízo contra dous homes, que se fixeron amigos no cárcere de Teixeiro, acusados dun delito de distribución de moeda falsa, con coñecemento da súa falsidade, en concurso cun delito de estafa, este último en grao de tentativa. O motivo foi a imposibilidade de comparecer o perito do Banco de España por estar de baixa e non poder declarar por videoconferencia. Para os procesados, Fiscalía solicita penas que suman dez anos e catro meses de cárcere.

Segundo o Ministerio Público, os procesados estableceron amizade en 2019 cando ambos se atopaban internos no centro penal de Teixeiro. Unha vez que saíron en liberdade, xa en 2020, continuaron coa súa relación de amizade e como un deles estaba sen traballo, decidiu pedirlle prestado diñeiro ao seu amigo. Foi entón, engade o escrito fiscal, cando se puxeron de acordo "para introducir e distribuír distintas cantidades de dólares USA ilexítimos ou enganosos".

Con tal finalidade, un deles, o que estaba nese momento sen emprego, aceptou a suma de 4.000/5.000 Dólares USA, que lle entregou o seu excompañero de cárcere "con coñecemento de que os billetes eran ilexítimos". Logo deulle saída "de forma indirecta, valéndose de terceiras persoas para introducilos a través de diferentes entidades bancarias" co cambio de divisas e sen que as persoas implicadas tivesen, ademais, coñecemento de que era moeda ilexítima.

XUÍZOS POR DROGAS

Nesta mesma xornada, estaban fixados outros dous xuízos na Audiencia da Coruña por delitos contra a saúde pública e tamén en relación con presos do cárcere de Teixeiro, en ambos os casos por feitos ocorridos en 2023. Nunha das vistas programadas, a ausencia da avogada dun dos acusados, por enfermidade, tamén obrigou a suspender a sesión. Neste caso, Fiscalía expón, no seu escrito de cualificación, unha pena de cinco e catro anos de prisión, respectivamente, para unha parella. Segundo sostén, na tarde de 2023 o home, o interno no cárcere de Teixeiro, recibiu da súa parella sentimental varias cantidades pequenas de droga para a súa venda no centro penal, ademais dun teléfono móbil.

Centro penintenciario de Teixeiro
Centro penintenciario de Teixeiro | Fonte: Arquivo

Ao outro preso, o Ministerio Público afirma que se lle detectou nun rexistro na cela, en agosto dese ano, distintas cantidades de droga ocultas na rosca inferior dun termo. Para el, pedía inicialmente catro anos e seis meses de cárcere, pena que o fiscal rebaixou, este martes na lectura de conclusións, a un ano e seis meses de prisión. Mentres, o letrado da defensa mantivo a solicitude de libre absolución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta