Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2024 | Actualizada ás 17:00
A 2ª xornada de folga na CRTVG, convocada polo Comité Intercentros, volveu a provocar problemas na emisión de 'O Termómetro', programa que pon de exemplo da "externalización" que afronta a corporación e que aseguran "dilapida recursos públicos". A CRTVG, pola súa banda, afirma que o seguimento do paro foi do 30,1%.
Esta foi a segunda xornada dun paro convocado tamén para o 14 de outubro. De non producirse avances para esa data, avanzaban, a protesta será de carácter indefinido a partir do 16 de outubro, coa mesma alternancia de mobilizacións os luns, mércores e venres.
Reclaman o cesamento da externalización da programación e a recuperación do diálogo social para a participación dos profesionais na toma de decisións de condicións laborais e futuro modelo.
Tal e como explicaron a finais de setembro cando anunciaron os paros, a franxa horaria afectada é desde as 11.30 ás 13.00 horas por coincidir coa emisión do novo programa 'O Termómetro', coprodución sucesora do programa de produción propia A Revista, que levaba máis de 20 anos en antena.
Como xa ocorreu o luns, aínda que o programa chegou a emitirse, non o fixo na súa totalidade, arrincando a emisión a partir das 13.00 horas.
Segundo o comité de folga, os datos de seguimento que facilita a CRTVG son "rotundamente falsos". Apuntan que a empresa asegura que, durante a quenda de mañá afectado polo paro, hai 520 persoas en condicións de traballar no cinco centros de traballo. O Comité afirma, pola súa banda, que apenas hai 334 efectivos, dos que 61 están en servizos mínimos.
"Por tanto, o seguimento do paro entre as 273 persoas que traballan na CRTVG foi do 50%, xa que 135 traballadores deixaron de prestar servizos no tempo da folga", remarcan.
Así, cualifican esta segunda xornada de "éxito", a pesar de que aseguran que ao produtor e realizador do programa modificáronlles o horario de mañá no que estaban para o da tarde "coa intención de quitalos do medio pola súa condición de folguistas".
O comité comunicou na concentración deste mércores, que tivo lugar ás portas da CRTVG, que as persoas afectadas percorrerán estas modificacións por consideralas "represalias coas que a empresa tenta blinfar a emisión nun contexto de folga".
Tamén informaron da apertura dun fondo solidario para recibir contribucións que permitan soster a folga no tempo e que nos próximos días procederase a modificar o horario dos paros.
BAIXA O SEGUIMENTO, SEGUNDO A CRTVG
Consultada por Europa Press, a CRTVG asegura que "preto do 70% do persoal segue sen apoiar os paros parciais" e sinalan que a incidencia do segundo día baixou dous puntos respecto ao apoio do luns, un 30,1% respecto ao 32,5% de hai dous días.
Ademais, destacan que este martes -- sen paros convocados --, o programa foi líder na súa franxa horaria en Galicia, "superando o 15% de audiencia". "O Termómetro' é unha coprodución que segue o mesmo esquema utilizado na actualidade por TVE e o resto de canles autonómicas", inciden.
Negan tamén que o programa afecte, "agora ou a futuro", aos postos de traballo da CRTVG e insisten en que a finais de 2024, a Corporación contará co 100% do cadro de persoal fixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.