Besteiro acusa ao PP de "non defender o galego" e pide que se "potencie" sen caer en "imposicións sectarias"

Besteiro destaca os alarmantes datos do IGE, que indican que o castelán é agora a lingua predominante entre os galegos, e acusa o PP de desprezar o galego.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/10/2024 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao PP de "non defender" e "dar as costas" á lingua galega, cuxo uso debe, ao seu xuízo, ser "pontenciado" sen caer "en imposicións sectarias que non funcionan" e que parten de "posturas radicais".

Así o manifestou en declaracións aos medios este sábado antes de participar nos actos con motivo do 12 de outubro en Lugo, onde mostrou a súa preocupación polos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que apuntan que, por primeira vez na historia, o castelán é a lingua predominante no uso diario dos galegos.

Para o responsable do PSdeG, a enquisa "demostra" que o PP "despreza" o galego e "non fai nada por prestixiala" como reflicte, segundo Besteiro, o voto en contra dos populares en contra de permitir o seu uso no Congreso hai un ano e que, recentemente, fixesen valer a súa maioría para que non saíse adiante no Senado.

"O que temos que potenciar é que a xente fale máis galego e, despois, que o fale mellor", sentenciou Besteiro, que tamén rexeita "posturas radicais de cumprimento de esixencia". "Non podemos ter imposicións sectarias porque non funcionan", apostilou.

Desta forma, acusou ao PP de "non crer" na lingua e a cultura galega e que o resultado das súas políticas despois de 15 anos son "datos que nunca se pensou que podían darse" como que o castelán estea por encima en uso habitual do galego.

Neste sentido, avogou por "solucionar este problema entre todos" a través de "potenciar moitísimo o idioma" a través de campañas que permitan "prestixiar" o seu uso empregando "persoas de capacidade que falan galego e manifésteno" ou "os medios públicos".

Como obxectivo tamén marcou lograr que "os que vén de fóra" coñezan e falen o galego como vía para reverter esta situación. "O que non funciona é darlle as costas ao galego", sentenciou antes de advertir que se continúa esta tendencia "a desaparición" da lingua propia de Galicia "está máis pronta que tarde".

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, nos actos do 12 de outubro en Lugo. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, nos actos do 12 de outubro en Lugo. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta