Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/10/2024 | Actualizada ás 14:06
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu este luns en que rescatar a AP-9 é a "mellor opción desde o punto de vista económico" xa que, ao seu xuízo, non implicaría o pago de "lucro cesante". Así o sinalou en Vigo tras presentar a axentes sociais e económicos da cidade o estudo que o Bloque encargou á Universidade da Coruña sobre a situación xurídica e o custo dun posible rescate da AP-9.
Para ela, o "sentir maioritario dos galegos" é a necesidade dunha AP-9 "galega e libre de peaxes", xa que estes supoñen unha "estafa e unha discriminación" para a Comunidade. Por iso o BNG encargou este informe, que non só valora a situación xurídica da autoestrada, senón que tamén cifra o custo do seu rescate en 904,7 millóns de euros, "moito menos" dos 4.000 millóns que calculou no seu día o PP e dos 6.000 millóns dos que fala o actual Goberno central, tal como dixo Pontón.
Ela subliñou que está "moi claro" que a ampliación da prórroga da AP-9 foi "ilegal". Non só aquela realizada polo Executivo de José María Aznar por 25 anos (actualmente vixente), senón tamén a anterior aprobada polo Goberno socialista por 10 anos (que terminou en 2023). Ante esta situación, Pontón defendeu a necesidade de "anular o contrato", porque estas ampliacións son un "incumprimento grave" non só da legalidade estatal, senón tamén da europea e instou ao Executivo a desistir no seu recurso a Bruxelas e a rescatar a AP-9, para non traballar "en contra dos intereses do país".
En canto ao seu custo, o estudo encargado polo BNG sitúao en algo máis de 900 millóns, lonxe tamén dos 2.355 millóns dun informe encargado pola Xunta "a unha consultoría que casualmente ten como cliente a Audasa", segundo dixo. "O informe da Xunta é un traxe a medida para os intereses de Audasa, cun sobrecusto de 1.450 millóns de euros (respecto dos 900 millóns que calcula o BNG). Unha vez máis, o PP pondo por diante de Galicia os intereses dunha multinacional", subliñou, indicando que, ao ser ilegal a ampliación da prórroga, non sería necesario o pago do lucro censante.
Ela criticou que só as bonificacións que o Estado pagará a Audasa ata 2048 suporán máis de 2.840 millóns de euros, moito máis do que custaría o rescate, polo que facer a AP-9 pública é a "mellor opción desde o punto de vista económico". "Neste momento, ter unha AP-9 galega e libre de peaxes é cuestión de vontade política. Os datos deste informe demostran que é máis rendible o rescate. Cremos que é cuestión de sentido común", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.