Avances no primeiro Plan Estratéxico do sector musical galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, asinaron o convenio de colaboración polo que a Xunta impulsa a elaboración do primeiro Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia por parte deste colectivo, que agrupa 50 firmas das catro provincias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2024 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, asinaron o convenio de colaboración polo que a Xunta impulsa a elaboración do primeiro Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia por parte deste colectivo, que agrupa 50 firmas das catro provincias.

Segundo explican nun comunicado, a través deste documento, o Goberno formaliza unha achega de 52.000 euros a esta asociación para o desenvolvemento de diferentes iniciativas de promoción e análise do sector durante o bienio 2024-2025, entre as que destaca a realización desta "folla de ruta" en tres fases, ata xullo de 2025. Tal e como recolle o convenio, a necesidade dun plan estratéxico fundaméntase nos datos do informe 'Impacto da industria musical de Galicia: tendencias, retos e oportunidades', realizado en 2023 por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela e publicado en xaneiro deste ano por AGEM co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Destacan que este primeiro estudo económico da industria musical galega ten en conta os impactos directo, indirecto e inducido para cifrar en 227,7 millóns de euros o volume de negocio do sector e en 3.250 o número de empregos equivalentes a postos de traballo anuais a tempo completo. Apuntan tamén que os resultados reflicten un efecto "multiplicador" de 3,38 puntos respecto do investimento público no sector, que con 53,6 millóns de euros xera unha actividade económica de 181,6 millóns de euros, así como a súa incidencia positiva noutros ámbitos económicos como a hostalaría ou o turismo.

PRIMEIRA FASE, EN MARCHA

Actualmente, explican no comunicado, a asociación traballa xa na primeira fase do plan, centrada na análise das fortalezas e debilidades, dos recursos dispoñibles e da capacidade do sector para responder as demandas do mercado e ás expectivas sociais. Indican que este é o paso previo ao deseño dun conxunto de medidas específicas e de políticas de apoio orientadas a estimular a creación, produción e distribución de contidos musicais, tanto a nivel nacional como internacional.

Xa na última fase, articularanse os correspondentes sistemas de avaliación que aseguren o seguimento dos obxectivos marcados a partir do trazado de accións máis eficaces para o seu desenvolvemento durante o período 2025-2030. As outras accións recollidas no convenio, apuntan, teñen que ver coa convocatoria duns premios da industria musical galega e coa organización dunhas xornadas para fomentar a contratación de artistas e grupos da Comunidade coa participación de profesionais de Galicia e do norte de Portugal.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, asinan o convenio de colaboración para impulsar a elaboración do primeiro Plan Estratéxico do sector
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, asinan o convenio de colaboración para impulsar a elaboración do primeiro Plan Estratéxico do sector | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta