Anxo Sánchez, deseñador web: "Nin Google, nin Youtube teñen en conta o galego"

"Ti entras en Google.cat e tes Google en catalán e en Youtube.cat, existe o dominio. Nin un nin o outro empregan o dominio '.gal', non nos teñen en conta e penso que aí está unha das principais problemáticas", reflexiona nesta entrevista en base a un informe propio no que tenta dar resporta á pregunta 'Que problemas ten o galego para ser útil en Internet'.

Por Amanda Fernández | Lugo | 15/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha ampla pregunta "Que problemas ten o galego para ser útil en Internet?" é a que plantexa Anxo Sánchez, deseñador web e experto en marketing dixital, nun informe propio realizado. "Falo desde a miña experiencia persoal, é dicir eu non fixen un gran estudo nisto, a intención é divulgativa, aínda que co paso do tempo gustaríame ter máis evidencias", expresa. Así, cales serían os principais impedimentos aos que se enfronta o galego en Internet? "Primeiro que o galego en Internet non é diferente ao galego na sociedade, non está desvinculado, é un reflexo social". En segunda instancia, céntrase na parte máis técnica, cando buscamos en Internet cousas, falamos de como nos tratan as empresas que controlan. "Por sorte ou por desgraza cando navegamos por Internet facémolo, a través de empresas corporativas que teñen diferentes servizos", expón. Así, unha das máis importantes, Google, no mercado en España e Galicia, "concentra o 95% de toda a información que adoitamos buscar". Polo tanto, toda a información que adoitamos buscar, non consumir, irá a través do buscador de Google e o seu ecosistema, "estárían o buscador de Google e Youtube, que pertencen á mesma matriz".

Anxo Sánchez, deseñador web
Anxo Sánchez, deseñador web | Fonte: X

O punto fundamental do problema está nisto, en que non funcionan os contidos en galego, segundo recoñece, como funcionan noutras linguas: "Cando fas unha busca en castelán, aparecen resultados en castelán, e máis, cando fas unha busca en catalán, si se configura correctamente, aparecen resultados en catalán. Isto non pasa co galego, porque se nos imos ás opcións avanzadas de Google, podemos comprobar que non existe un filtro idiomático para o galego". Ante isto, aínda que quixeramos proactivamente que nos aparecesen contidos en galego, non temos esa posibilidade. Cando se fai a busca en galego, a maior parte dos resultados están castelán, iso ten outra derivada i "é que non existen contidos creados probablemente en galego para iso".

Reflexiona: "Non hai contidos, polo tanto, non aparecen, pero se non aparecen ninguén os vai crear, dende punto de vista da empresa, quen vai ter unha web en galego se realmente iso non lle vale? Se todo o baseamos no activismo, moita xente dirá que non perderá os cartos por iso". Esta problemática tamén se extende a Youtube, onde funciona a "burbulla de busca" de maneira que cando ves un contido, aparecen outros relacionados no idioma en que o estás vendo. "Se o vídeo que ves está en galego, non aparecerán outros vídeos na nosa lingua", lamenta. 

Entón, estase falando do buscador de información "número 1 que é Google e o número 2 que é Youtube por número de buscas diarias" e en ambos temos un problema. En contraste, co que pasa co catalán, que si teñen filtros de idioma e dominios propios, tal e como sinala: "Ti entras en Google.cat e tes Google en catalán e en Youtube.cat, existe o dominio. Nin un nin o outro empregan o dominio '.gal', non nos teñen en conta e penso que aí está unha das principais problemáticas. A federación.gal fai gran traballo neste punto". 

A PUBLICIDADE: "GOOGLE ADS TIRA ABAIXO OS ANUNCIOS EN GALEGO"

Google Ads cancela os anuncios en galego. Idioma no disponible
Google Ads cancela os anuncios en galego. Idioma no disponible | Fonte: Busca.gal

Afirma que é certo que hai moitos problemas, pero tamén oportunidades, por exemplo, vinculadas ao dominio .'gal'. En galego existen problemas como o de aparecer nas buscas, pero hai un "campo verde enorme", para proxectos, emprendementos, empresas... "Realmente temos un dominio propio que ten moi poucos rexistros, se o comparamos co '.es.' Podemos facer webs de case todo, con palabras que noutros dominios non estarían rexistradas, pizza.gal ou coches.gal, sería case imposible en moitos idiomas, estarían pillados", manifesta. Desta maneira, ser pioneiros en falar de cousas, tamén nos posicionan, destaca, hai "moito terreo fertil por explorar en galego". 

No ámbito da publicidade, tamén hai problemas no que atinxe a facer anuncios en Internet en galego. Así, presenta: "Imos poñer un anuncio, pois resulta que Google Ads non che permite poñer nin os anuncios en galego, nin as páxinas de destino en galego, non figura aceptado na listaxe de  idiomas". Entón, "Google Ads tira abaixo os anuncios redactados en galego", sostén e engade: "Se a principal plataforma de anuncios, que pon anuncios nos display das páxinas webs, buscadores, non me deixa anunciarme. Existen negocios, que pola súa filosofia de producto queren telo en galego, e resulta que non se pode en Google Ads. Porén, Meta Ads, Facebook ou Intagram, permiten poñer o anuncio, pero habería que ver se este anuncio está igual de ben segmentado en galego que se fose noutro idioma".

Outro punto, segundo fai refererencia Anxo, sería Adsense, a inserción de anuncios, "inxerir anuncios na propia web", a través dos display de Google, tamén moitos problemas co galego. Gañar diñeiro con anuncios que é algo que fan motísimas webs no mundo, "a nós tamén se nos dificulta". En conclusión, os problemas existen tanto nos buscadores como na publicidade. 

POSICIONAR UNHA MARCA SENDO PIONEIRA 

En galego chégase entón a menos xente? "Eu experimentei no meu blog, qu eo tiña en multi-idioma, que cando o deixei blog en galego, perdín o 95% das visitas orgánicas que tiña. Puiden asumilo, non as precisaba como tal, pero outros negocios non o poden asumir, deben manter dous idiomas". Porén, volve a facer fincapé en que tamén xera oportunidades, xa que "pode ser que perdamos buscas, pero tamén nos podemos posicionar como os primeiros en abrir camilo". Isto sería unha maneira de diferenciarse, expresar valores,... Á hora de contactar con marcas ou empresas tamén miramos os valores que hai detrás. "Cando alguén comunica en galego, expresa como ve o mundo. É certo que limita a nivel técnico, que hai pros e contras. E emprego un simil, prefiro ser o único peixe nunha peceira, que ser un máis en todo o mar", considera. 

No respectivo ás redes sociais, os algoritmos son un auténtico misterior e pode ser que "penalicen o uso do galego, pero non o sabería dicir". Porén, cando un se fai un oco e consegue crear comunidade sendo pioneiro, destaca niso. Hai exemplos de creadores e creadoras de contido que acadaron importantes cifras divulgando exclusivamente en galego. "Habería que ver se realmente facendo o mesmo contido e o mesmo traballo, o impacto puidera ser máis contundente noutro idioma ca en galego", reflexiona e engade que resulta máis difícil sacar conclusión das redes sociais que das "buscas ou publicidade".

COUSAS QUE SE PODEN FACER E OUTRAS QUE NOS SUPERAN 

Que se pode facer en internet para combater esta situación? "Dependemos, xa non da vontade dun goberno, en Internet, senón das empresas que nos dan as buscas, que son propiedades privadas. Na súa axenda non está o galego, consideran que non hai mercado, pero hai certas cousas que si que se poden facer". Ocórreselle que se pode comezar pola configuración en galego dos dispositivos: "Administro unha web e blog, que está en galego con visitas, centos ou milleiros ao mes, con newsletter e web completamente en galego, todas as visitas, o 90% son de aqui, e a maior parte da información é dun dispositivo en castelán"

Incide en que isto pode indicar "tendencias e daría datos e argumentos de que aquí realmente se está empregando a lingua". Volve reiterar: "A vontade individual é difícil, facer cousas, ten que haber contido en Google e Youtube, que responda ás buscas en galego. Non hai resultados nas buscas porque non hai contidos, faltan contidos de millóns de cousas, mellorouse moito en variedades, ocio, música, pero como cambiar unha roda ou como facer unha tortilla non está en galego.Ten que haber cousas feitas para que os resultados dean, e isto depende tamén das persoas". 

Porén, tamén é consciente de que hai cousas que nos superan como individuos: "Se calquera persoa lle vai petar na porta a Google, diralle veña, anda! A nivel colectivo hai posibilidades, outra cousa é que funcionen. Eu animaría a empresas ou proxectos a ter webs multi-idioma, nas que figure no código de programación que está en galego, para que logo os auditores que rastrexan podan sacar estudos". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta