Por Moncho Mariño | Santiago | 26/10/2024 | Actualizada ás 22:00
O cemiterio de Ortigueira conta cunha lápida escrita en galego, foi a primeira neste camposanto e foi colocada en 1972, a primeira que se colocou en Burela data de 1997 e noutros concellos o fenómeno vense repetindo desde hai pouco máis de cincuenta anos. Agás aquelas tumbas onde repousan xentes vinculadas dalgunha maneira coa defensa e promoción do galego desde calquera posición, o galego estaba practicamente excluído dos cemiterios. O efecto diglósico era unha barreira case infranqueable na elección da lingua na hora do último tránsito. Ao final da última década do século XX e a partir dos primeiros anos do século XXI, o número de persoas que optan por usar a lingua do país para o último tránsito dos seus seres queridos foi aumentando. O fenómeno como elemento normalizador e dinamizador do galego foi analizado nas XXVI Xornadas de Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega o 15 de outubro de 2024. Nelas, por primeira vez se ofreceron datos que mostraban a densidade de tumbas en galego en relación co padrón municipal, así como o número de camposantos visitados onde se usa o galego.
UN FENÓMENO MOI RECENTE
Hai cemiterios que contan con lápidas en galego desde hai cincuenta anos ou máis, noutros casos pasou case un século até que se vise a primeira escrita no idioma do país. “No caso de Burela temos 87 anos desde a súa creación até a colocación da primeira inscrición fúnebre en pedra” di David Canto xornalista e profesor de gaita. Canto presentou nas XXVI Xornadas de Normalización Lingüística unha serie de datos que foron mostrando un uso crecente do galego nos camposantos do país.
Os datos que puido reunir Canto no mardo do Modelo Burela mostraban como desde os comezos do século XXI o uso do galego en cemiterios foi crecendo en presenza. Anteriormente “eran mostras moi individuais e moi separadas no tempo”. Pola contra, hoxe en día, con 142 cemiterios estudados de maneira individual, as cifras aumentaron e de maneira máis continuada no tempo.
Os axentes dinamizadores para este incremento puideron ser, para Canto, desde a escolarización en galego, a normalización lingüística e a toma de conciencia por parte de máis persoas. “Tamén co tempo, as empresas de servizos funerarios foron ofrecendo tanto o traballo en castelán como en galego”. Pouco a pouco, o número de usuarios foise incrementando.
Ana Fraga, administradora da empresa Fabeiro Artes Florais en Lourenzá, ofrece a posibilidade nas dúas linguas. “A maioría da xente aquí é galegofalante” di Ana Fraga. Isto fixo que comezase a ofrecer aos clientes a fórmula en galego e en castelán. Se antes había unha demanda case exclusiva en castelán “hoxe en día hai xente que che di: o que ti queiras”.
A proba de que o crecemento do galego está ligado ás xeracións que recibiron educación no noso idioma vese nas idades que hoxe en día fan uso dos servizos funerarios. Son persoas entre os 35 e os 50 anos, coincidindo cos primeiros anos da introducción do galego no ensino e as últimas que tamén o reciben. Ana Fraga resume esta cuestión alegando que “canto máis se nota o acceso á educación formal máis xente pide en galego”.
RESULTADOS
Sería posible a día de hoxe que alguén impedise levar adiante ritos funerarios en galego? Legalmente non, nin sequera as diferentes relixións presentes na sociedade galega. Menos aínda nos cemiterios, terreos maioritariamente municipais, onde o laicismo tamén ten entrado e mostrado o seu peso entre o conxunto social.
Indo aos números, Álex Quintáns, un dos activistas máis novos dentro da recollida de datos neste campo, apunta que nun percorrido pola Costa da Morte encontrou exemplos de cemiterios onde a presenza do galego era elevada, en comparación con outros camposantos do arredor. “En Carnota cheguei a contabilizar 100 lápidas en galego”. Porén, os dous concellos onde a densidade de lápidas en galego é maior son Rianxo cun 20.78% das lápidas na lingua do país e Castro de Rei, cun 16%.
A distancia xeográfica entre os dos lugares é evidente (costa da Coruña, interior de Lugo) o que vén a demostrar que a incidencia deste fenómeno non ten que cinguirse a lugares ou áreas específicas. Isto reflíctese tamén no mapa de cemiterios visitados, pois tanto camposantos do rural como das áreas máis urbanizadas de Galicia presentan tumbas en galego.
Foi todo isto un movemento espontáneo? Segundo Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, houbo e hai movementos de difusión do galego relacionados coa relixión ou agrupacións de funcionarios que deron pé a unha maior difusión social, por tanto a unha organización social que non respondía a elementos procedentes de altas instancias. “Hai espontaneidade neste fenómeno cousa que mostra o vigor da sociedade pois nace dunha vontade colectiva”. Por tanto, o uso do galego nos cemiterios vén sendo unha consecuencia dunha maior conciencia sobre a lingua e unha maior normalización en todos os aspectos da vida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.