O dragado do Lérez, cunha partida de 3 millóns por parte da Xunta, á espera de que o Goberno "desbloquee" o proxecto

Segundo apuntou a Xunta, o Ministerio de Transición Ecolóxica decidiu en 2021 non autorizar máis vertidos de áridos no punto exterior de Sálvora, autorizado para esta actividade durante as últimas dúas décadas. Esta obra "paralizou todos os dragados do litoral galego ao sur de Muros", sinala.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 16/10/2024 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

A Xunta incluirá nos orzamentos do próximo ano unha partida plurianual de 3 millóns de euros para as obras de dragado do río Lérez e a canle de acceso ao porto de Pontevedra, á espera de que o Goberno central autorice un punto de vertedura para os áridos desta obra e "desbloquee así o proxecto, paralizado desde 2021 por este motivo", afirma o Executivo autonómico. Así o avanzou este mércores o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, nunha visita á Confraría de pescadores de Lourizán na que mantivo unha reunión de traballo co presidente da Federación de Confrarías da provincia de Pontevedra e coa patroa maior de Lourizán, parte dos principais beneficiarios desta actuación.

Álvarez Vidal trasladou aos representantes do sector pesqueiro e marisqueiro, que veñen demandando esta actuación desde fai máis dunha década, que con esta partida económica, que se incluirá nos orzamentos xerais da Xunta para o 2025, o Executivo galego confirma o seu "compromiso firme" coa execución dos traballos. Deste xeito, sinalou a Xunta, "darase resposta a unha demanda histórica de recuperación de calado e impulso ao marisqueo cuxa tramitación depende a día de hoxe da autorización por parte do Goberno central dun punto de depósito para os áridos que se extraian do fondo mariño".

Segundo apuntou a Xunta, o Ministerio de Transición Ecolóxica decidiu en 2021 non autorizar máis vertidos de áridos no punto exterior de Sálvora, autorizado para esta actividade durante as últimas dúas décadas. Esta obra "paralizou todos os dragados do litoral galego ao sur de Muros", sinala a Xunta. O Ministerio solicitou entón a Portos de Galicia un estudo de alternativas de novas zonas de depósito para poder retomar estas obras, que o organismo galego elaborou e remitiu. A Xunta indica que o Goberno central "requiriu información complementaria" que se enviou en xullo.

"Tras o novo envío de documentación, corresponde agora ao Ministerio autorizar en base a ela un punto de depósito dos áridos que permita desbloquear o dragado do Lérez e as do resto da franxa sur da comunidade. Por este motivo, o Goberno galego require ao Ministerio axilidade para poder avanzar definitivamente neste proxecto que xa conta con consignación orzamentaria", destaca o Goberno galego.

A Xunta aprobará unha partida de 3 millóns para dragar o Lérez á espera de que o Goberno 'desbloquee' o proxecto
A Xunta aprobará unha partida de 3 millóns para dragar o Lérez á espera de que o Goberno 'desbloquee' o proxecto | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta