Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2024 | Actualizada ás 15:10
A Xunta de Galicia enviou unha carta ao ministro de Cultura e á ministra de Mocidade e Infancia, Ernest Urtasun e Sira Abed, respectivamente, onde pide "avanzar conxuntamente nas demandas prioritarias para Galicia e abordalas desde un diálogo continuo e construtivo". Precisamente, este xoves o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, tratou algunhas destas cuestións na reunión da Conferencia Sectorial do Ministerio de Cultura celebrada por videoconferencia.
Nesta liña, avanzou na súa intervención algún dos "aspectos relevantes" que afectan á cultura da comunidade e que se trasladan e recollen na misiva ao ministro Urtasun, entre as que se atopan o impulso á candidatura 'Ribeira Sacra: Paisaxe da auga' para que logre ser Patrimonio Mundial da Unesco, a repartición do fondo para a promoción das linguas cooficiais no audiovisual ou os beneficios fiscais para as empresas que apoien o próximo Xacobeo 2027.
"A cultura é un alicerce fundamental da nosa identidade e de cohesión social, polo que é esencial establecer un marco conxunto no que podamos traballar para fortalecer as nosas políticas culturais", defende o departamento autonómico na misiva, coa que buscan manter unha "comunicación aberta" e continuar "reforzando os lazos de colaboración", "fundamentais para o desenvolvemento cultural do país".
VIVENDA E EMANCIPACIÓN
No que respecta á carta dirixida á ministra de Mocidade e Infancia, o Goberno galego centrouse en temas que consideran "especialmente relevantes", como son a vivenda e a emancipación, "unha problemática que cada vez afecta a máis novas de Galicia".
"As novas xeracións son un alicerce fundamental para o desenvolvemento do noso país, polo que é esencial establecer un marco desde o que traballemos de forma conxunta", defenden.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.