A moda dos nosos antergos: sabías que ata os 50 moitas noivas galegas vestían de negro na voda?

"Ao igual que acontece hoxe en día, a cor negra era a máis elegante e optábase por ela para as ocasións especiais, como era o caso das vodas: tanto a noiva como o noivo acudían coas súas mellores galas, que adoitaban ser desa cor", contan ao GC dende o Museo do Pobo Galego, que expón na súa colección en liña un destes traxes ao completo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sabías que ata fai ben pouco as noivas vestían de negro en lugar de vestir de branco? Seguramente a túa bisavoa ou tataravoa se tivese casado de negro, sobre todo se estaba gardando loito con motivo dalgún falecido próximo na guerra, pero tamén por motivos de tendencia, de moda. Grazas aos esforzos do Museo do Pobo Galego, xa podes ver como vestían os teus antergos en liña, sen saír da túa casa, a través da rede. E non só no tocante ás vodas, senón tamén no seu día a día, con sombreiros típicos dos séculos XIX e XX ou con mantelos, dengues, panos e mandís. Máis de 100 pezas concernentes á vestimenta tradicional galega e á moda internacional clasificadas segundo o seu ano de datación, a súa tipoloxía e mesmo o seu emprego. Dende o GC achegámosvos algunhas destas pezas e comentamos co propio Museo como se xestou tal colección.

Vestido dunha noiva galega do ano 1903
Vestido dunha noiva galega do ano 1903 | Fonte: Museo do Pobo Galego

Como explican dende o Museo, "esta colección non trata unicamente da indumentaria" empregada pola alta sociedade da época, senón tamén de que esta poida estar ao alcance de calquera, pois "dende o Departamento de Colección entendemos que gran parte dos obxectos que garda o Museo deben estar accesibles para a cidadanía". Agora ben, "esta intención e este desexo de compartir as pezas que agarimamos, choca de fronte coa falta de recursos humanos e económicos que ten o Museo do Pobo Galego", de tal maneira que asegura que "facemos un esforzo importante para poder sacar cada colección". Así, no caso desta concreta, "para poder fotografar os traxes houbo que escoller as pezas, vestir os manequíns e volvelas gardar para a súa correcta conservación".

Como pode intuírse, este traballo non é doado e leva tempo, porque debe abordarse cada peza "de maneira moi coidadosa". É por iso que aínda non se atopan subidas ao catálogo todas as pezas do Museo, "quedan motísimas pezas de indumentaria aínda por subir", pero, como insisten dende a propia institución, "este é un proceso lento que temos que facer con xeito". Mentres tanto, na web do Museo tamén se pode atopar unha unidade didáctica sobre o traxe galego. Ademais, tamén adiantan que, en paralelo, "comezamos xa a traballar na seguinte colección que, se todo vai ben, subiremos a finais de ano" para que toda a poboación poida gozar dela a golpe de 'click'. O acceso en liña a estes recursos é posible grazas ao programa desenvolvido por Novadoc OaiStore, pero tamén grazas ao traballo de moitas persoas, especialistas na documentación, catalogación e xestión de coleccións museográficas, que nos últimos tempos achegaron os seus coñecementos e esforzos.

Para o Museo do Pobo Galego non hai dúbida de que "é preciso conservar todo o noso patrimonio cultural, non só a indumentaria ou un tipo de indumentaria en concreto, porque todas as pezas nos definen como cultura". Ademais, tamén apuntan a que dispor desta colección é toda unha sorte tendo en conta que as pezas proveñen "das achegas desinteresadas de decenas de persoas que consideran que o Museo é o lugar axeitado para conservar esas pezas". Calquera persoa que queira doar pezas ao museo ten que contactar previamente e, dende o Museo, "estudaremos cada caso" de xeito individual. Na súa páxina web pódense consultar todos os pasos a seguir á hora de facer unha doazón.

VESTIDOS DE NOIVA NEGROS

Sen dúbida, entre as pezas da colección, e aínda que todas son unha auténtica marabilla polo ben preservadas que están, as que máis chaman a atención dunha soa ollada son os traxes completos pertencentes ás clases altas da sociedade galega da época. Dentro destes, atópase a particularidade do traxe de noiva de cor negra, por chocar con esa concepción actual de que os traxes de noiva deben ser brancos ou, máis recentemente, de calquera outra cor, pero non negros, cor máis asociada a día de hoxe ao loito. Ao preguntarlle por estas pezas ao Museo, cóntannos que, "ao igual que acontece hoxe en día, a cor negra era a máis elegante e optábase por ela para as ocasións especiais, como era o caso das vodas: tanto a noiva como o noivo acudían coas súas mellores galas, que adoitaban ser desa cor".

Vestido dunha noiva galega do ano 1903
Vestido dunha noiva galega do ano 1903 | Fonte: Museo do Pobo Galego

En concreto, apuntan que "os dous traxes de noiva que aparecen no catálogo son de dúas épocas ben diferentes e hai que entender que a indumentaria non é algo inamovible e estático no tempo". Por unha banda, o traxe negro é de 1903, mentres que o traxe branco que tamén se inclúe na colección en liña é de 1939. "En Galicia, durante o século XIX e primeiros anos do XX, o habitual era que as noivas vestiran de negro; pouco a pouco foi chegando a moda do branco e vemos en moitas fotos antigas a noivas vestidas de negro, pero con veos brancos", explican. Foi a partir de aí cando, "devagar, foise impoñendo o branco, ata a chegada da posguerra, cando, xeralmente por cuestións de loito, as mulleres volveron casar de negro". Así as cousas, aseguran que "non será ata os anos 50 do século XX cando a moda das noivas de branco se consolide".

Vestido dunha noiva galega do ano 1903
Vestido dunha noiva galega do ano 1903 | Fonte: Museo do Pobo Galego
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Non lle vexo o sentido convertir en glamuroso, ou en autóctono e tradicional, un hábito relixioso e patriarcal como a imposición do loito ás mulleres (só a elas).

1 Sentidiño

Non acredito no que aquí se conta. Nos anos 40 e 50, as noivas casaban de negro unicamente cando non pasaran dous anos da morte do pai ou da nai, porque se respectaba o loito. Na miña familia sucedeu diúas veces.