Atopan catro textos xacobeos inéditos anteriores ao Códice Calixtino

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2024 | Actualizada ás 22:06

Comparte esta noticia

O profesor da Facultade de Filoloxía Joel Varela Rodríguez publicou en USC Editora o volume 'Máis aló do Códice Calixtino. Outros textos ao redor de Santiago o Maior ata o século XII', no que se recollen catro textos xacobeos inéditos anteriores á famosa guía medieval para as peregrinacións a Compostela.

No libro recóllense, ademais, textos ou fragmentos de textos xa coñecidos e moi relevantes para o coñecemento do culto xacobeo, desde as súas orixes máis antigas ata o ano 1200, algúns deles revisados. Os textos que recolle a obra preséntanse na súa versión orixinal, xunto coa súa correspondente tradución e comentario e completa o estudo unha ampla introdución literaria e histórica.

O profesor Varela recibiu para desenvolver este proxecto unha axuda da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago, grazas ao V Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións-2023, froito da colaboración entre USC e Turismo de Galicia.

"Os textos inéditos máis reseñables son catro novas versións do relato da translación, a Translatio sancti Iacobi, todas elas probablemente da segunda metade do século XI e tamén probablemente escritas en Compostela, aínda que están conservadas só en manuscritos extrapeninsulares. Deles, os únicos que se atopan en acceso aberto son dous da biblioteca estatal de Múnic: son os códices Clm 2552 e Clm 3704", explica Joel Varela.

Outro texto relevante, segundo indica o investigador, é "a Concordia de Antealtares, que recolle a versión máis extensa do achado da tumba de Santiago". "Non estaba inédita, pero só existían transcricións das copias e non do documento máis antigo, que foi modelo das outras copias conservadas e que se conserva no Arquivo Histórico Universitario da USC", relatou.

'Historia Turpini', libro IV do Códice Calixtino.
'Historia Turpini', libro IV do Códice Calixtino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta