Os museos retiran os restos humanos das súas exposicións: cales son as implicacións desta decisión?

Galicia Confidencial fala con Edgard Camarós Pérez, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e arqueólogo que traballa directamente con restos humanos, que considera que "un resto humano empatiza de maneira inmediata e é un fío condutor extraordinario nun museo para entender que detrás de calquera outro resto está o ser humano", polo que "non debemos deixar de pensar que a Historia é tan social como biolóxica".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/03/2025 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Os museos teñen sido, durante séculos, gardiáns da memoria histórica, pero tamén espazos onde o pasado se ten exhibido baixo prismas que hoxe resultan cuestionables. Nos últimos anos, diversas institucións a nivel mundial comezaron a formular a retirada das súas exposicións de restos humanos que durante décadas foron presentados como obxecto de estudo ou curiosidade. No caso concreto de España, esta mesma semana o Ministerio de Cultura deu un paso significativo ao ordenar a retirada de restos humanos das exhibicións de museos estatais. Esta medida, fundamentada nun novo documento deontolóxico que promove o tratamento ético de ditos vestixios, xerou un intenso debate na comunidade museística e no público en xeral. A decisión, impulsada fundamentalmente por razóns éticas, afecta a pezas emblemáticas como a momia guanche do Museo Arqueolóxico Nacional, cuxa retirada ten suscitado reaccións diversas, especialmente dende Canarias, onde se reclama a súa repatriación. Que opinan sobre esta medida os expertos? Como afectará á investigación e divulgación? Cales serán os seguintes pasos? Galicia Confidencial fala con Edgard Camarós Pérez, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e arqueólogo que traballa directamente con restos humanos. 

Momia guanche
Momia guanche | Fonte: Wikipedia - Arquivo

Camarós asegura que os profesionais que traballan con restos humanos frecuentemente "xa sabiamos que o Ministerio de Cultura estaba formulando este tipo de acción, porque dende o Goberno de España están adoptando a mesma decisión que xa tomaron outros museos con anterioridade no resto do mundo, é dicir, seguir as directrices que marca o Consello Internacional de Museos (ICOM), un organismo internacional que regula ou recomenda sobre aspectos éticos aos museos". Pese a prever que isto podía acontecer en calquera intre, o que non tiñan claro era "como esa recomendación da retirada de restos humanos dos museos se ía plasmar sobre o papel exactamente". Así, confesa que, "unha vez que puidemos ler o texto redactado polo Ministerio de Cultura, comprobamos que se trata dun texto extraordinario, exquisito e no que se explica moi ben todo, pero dunha forma moi aberta a xeralidades", algo que lamenta porque, "para nós, isto é moi perigoso". "As recomendacións pódense seguir ou non, pero requiren de moita máis reflexión" e "tanto para min como para outros compañeiros de profesión hai moitos restos humanos que non teñen por que ser retirados dos museos", reivindica.

Na súa opinión, "os restos humanos teñen unha dimensión biolóxica no senso de que pertenceron a un ser humano do pasado, pero tamén constitúen restos arqueolóxicos e son obxectos históricos", polo que convida a "non deixar de pensar que a Historia é tan social como biolóxica", de maneira que, "se retiras a parte biolóxica dos museos, deixas coxa unha parte da explicación". E é que, "cando falamos do pasado, falamos dunha materialidade que non só inclúe obxectos de índole doméstica ou ritual, senón que tamén debe incluír ao seu protagonista, que é o ser humano, un ser humano xa materializado como esquelete, cuxos ósos se convirten nunha fiestra extraordinaria ao pasado". Fiestra a través da cal podemos observar moitas cousas: enfermidades que se reflexan nos ósos, formas de enterramento que non podemos coñecer doutra maneira, episodios cruentos que quedan marcados en traumatismos nos ósos... Así, considera que "a xente tende a identificarse moito máis cun resto humano que cun resto arqueolóxico", porque "un resto arqueolóxico illado non di nada por si só, precisa dun contexto de aprendizaxe e de coñecementos do mesmo". Pola contra, "un resto humano empatiza de maneira inmediata e é un fío condutor extraordinario nun museo para entender que detrás de calquera outro resto está o ser humano".

"AO FINAL O QUE ENTRA EN DEBATE É COMO SE CONSEGUIRON ESES RESTOS, PORQUE DETRAS DALGÚNS HAI UN PASADO INCÓMODO"

Agora ben, Camarós concede que, "no marco da ética, habería que poñer moitas máis explicacións enriba da mesa sobre algúns restos e non caer na morbosidade, pero, ao mesmo tempo, precisamente para non caer no morbo, temos que dárlle á xente máis información, non privala de ver un tipo de resto que moitas veces ten unha forma explicativa moito máis forte que outros". E pon o exemplo dun resto humano no que se observa un traumatismo ou un tiro na cabeza: a nivel museístimo amosalo é unha maneira moi potente de explicar á sociedade acontecementos do pasado que nos interesan moito dende o punto de vista histórico", reflexiona. "Hoxe en día, mesmo poñemos engadirlle texidos brandos ao ósos para ver como tería sido a persoa falecida e xerar así unha relación empática con ese resto humano, co que se consegue que aquelas mensaxes que queremos mandar sexan moito máis potentes e efectivas", destaca o arqueólogo. Ademais, considera que "os problemas de ética tampouco se atopan en todos os museos, hai lugares nos que os hai e outros nos que non". A modo de exemplo, trae a colación a polémica que se xerou arredor do coñecido como 'Negro de Bañolas' --momia dun home de Botswuana que foi disecado no século XIX e exhibido nun museo de Cataluña-- fai uns anos, "episodio que rematou resolvéndose de xeito individual".

"Ao final o que entra en debate é como se conseguiron eses restos, debido ao noso pasado colonial, se foron roubados, se foron intercambiados por uns cantos pesos no marco dunha relación de poder ou se foron botíns de guerra", plantexa Camarós, que recoñece que "detrás dalgúns dos restos que temos na actualidade exhibidos nos museos hai un pasado incómodo". Pero, é a solución quitalos da vista do público? Para el, dende logo, non. "A solución pasaría por explicar ao público ese pasado incómodo e contextualizalo", reivindica. Por outra banda, máis aló da retirada ou non exhibición de restos humanos hai outro aspecto a ter en conta sobre os mesmos e que se sitúa tamén no centro do debate: a repatriación ao país do cal foron extraídos. Para Camarós "isto é algo moi importante, pois estou dacordo con que habería que repatriar algúns restos, como por exemplo os de momias exipcias que foron sacadas de Exipto sen o permiso das autoridades ou os restos de aboríxenes que a propia etnia está reclamando hoxe en día". 

A pregunta hoxe por hoxe é: "Hai algún problema por expoñer unha momia guanche? Cal é o conflito nese caso? A quen lle molesta? Se realmente hai a alguén que lle molesta teriamos que estudar o caso concreto e valoralo, pero, se non, estamos pechando o acceso á xente a unha parte do coñecemento da nosa Historia", plantexa o arqueólogo. Con todo, amósase convencido de que "o que está facendo España con esta decisión non é máis que recoller o testemuño doutros países, sobre todo dos anglosaxóns, influenciados polo Tratado NAGPRA (Native American Graves Protection and Repatriation Act) --aprobado nos Estados Unidos no 1990, obriga aos museos a inventariar e devolver restos humanos e obxectos funerarios ou rituais a tribos nativas americanas e grupos indíxenas hawaianos--, ao tratarse ambos de países cunha historia colonial moi virulenta". Pero, aínda entendendo por que se adopta a decisión, insiste en que a considera "errónea", porque "creo que canta máis información teñamos e deamos á xente, mellor, xa que a cidadanía o que precisa é contextualizar esa información, e sempre que tratemos aos restos humanos co maior dos respectos non debería haber problema". 

"XA NON SE VAN PODER EXPOÑER RESTOS HUMANOS NUN LIBRO DE TEXTO DE PRIMARIA OU SECUNDARIA? EU CREO QUE IMOS CARA AÍ"

Outra cousa a ter en conta sobre estas novas recomendacións é que solo afectan a restos de 'homo sapiens', é dicir, a restos de seres humanos pertencentes á nosa mesma especie, de maneira que, por exemplo, os 'homo neanderthalensis' poderían seguir exhibíndose sen entrar en debates éticos. Esta é outra das cousas que carece de sentido para Camarós, xa que "os neandertais son practicamente os nosos curmás e, se hoxe por hoxe non somos dúas especies distintas, seguramente sexa porque puidemos reproducirnos entre nós". Entón, "por que non se ven tamén afectados por esta retirada os restos de neandertais? Acaso alguén se pode sentir identificado actualmente cun 'homo sapiens' de fai 200.000 anos? Creo que ese 'eu' identitario debería renegociarse, porque considero que tamén está moi mal entendido". E pon un exemplo propio: "Eu non me identifico con ningún señor feudal da Idade Media a pesar de pertencer á mesma etnia como para reclamar que ese señor non tería que estar exposto nun museo".

E, máis aló do debate actual, Camarós considera que este paso dado coa retirada de restos humanos dos museos vai ter moitas máis implicacións a futuro. "Xa non se van poder expoñer restos humanos nun libro de texto de Primaria ou Secundaria?", pregúntase a modo de exemplo, augurando que esa retirada, alo menos nas primeiras etapas educativas dos nenos, vai chegar tarde ou temprano. "A min agora inquédame poñer unha imaxe de restos humanos cando imparto clase na universidade ou cando vou dar unha conferencia, pois ás veces mesmo levo restos humanos en físico aos meus alumnos e ao público", confesa, asegurado que "nunca tiven ningún problema con isto, pero a nova recomendación faime pensar que a tendencia no futuro será seguir restrinxindo moito máis o acceso e a visualización deses restos, algo que dende a Ciencia temos máis que normalizado". Así, pregúntase tamén se agora nas súas clases se verá obrigado a poñer ao comezo un aviso de que nelas se van ensinar restos humanos, por se puidese verse ferida a sensibilidade dalgún estudante. "Se están estudando arqueoloxía porque queren adicarse a isto, os restos humanos son unha parte da realidade que se van atopar no seu traballo", apunta.

Seguindo no plano da educación, sinala especificamente a un apartado do texto que tilda de "desastroso", no cal se di que ningún obradoiro ou actividade nun museo usará e manipulará restos humanos, senón que sempre se empregarán réplicas. "Paréceme un desastre, porque eu penso que a maneira que en que o público xeral debe poder acceder ao coñecemento ten que ser a mesma que temos os investigadores, pero adaptada", reivindica. Deste xeito, ata o de agora foron moitas as persoas que puideron desfrutar do acceso á visualización deses restos ósos, pero as novas xeracións xa non poderán gozar desa posibilidade. Isto, de certa maneira, supón "sesgar o acceso ao coñecemento, pois unha parte da sociedade tivo acceso a ese coñecemento e outra non o tivo nin o chegará a ter nunca".

"TODA ESA CARGA HISTÓRICA E CONTEXTUALIZADORA QUE TEN TRAS DE SI UN RESTO HUMANO NON A VAI TER NUNCA UNHA RÉPLICA"

Agora, tras terse dado xa de maneira oficial este paso por parte do Ministerio de Cultura, os arqueólogos e outros profesionais que teñen os restos humanos como parte da súa actividade de estudo mantéñense á espera do que poida acontecer no futuro. "Estamos un pouco á expectativa, porque isto por agora só afecta aos museos estatais e á exhibición de restos humanos", de maneira que "nós poderemos seguir accedendo a eles coma sempre, mediante permisos para estudalos, porque facelo directamente é unha das mellores fontes coas que contamos para entender o noso pasado". De feito, asegura que "se se nos chegase a negar o acceso a eses restos, habería unha parte da explicación do noso pasado que quedaría coxa". Pois, "aínda que as réplicas actuais están moi ben feitas e é certo que case non hai diferenzas perceptibles a simple vista entre unha réplica e un obxecto arqueolóxico de verdade, a cuestión está en que detrás do obxecto arqueolóxico tamén hai unha historia que ten que ver con como se ten escavado, coa investigación que se ten feito sobre el e con moitas outras cuestións que fan que toda esa carga que ten tras de si un resto humano non a vaia ter nunca unha réplica". Ademais, outro aspecto a ter en conta é que "este problema non afecta unicamente a museos arqueolóxicos ou antropolóxicos, senón tamén a museos médicos, museos da historia da medicina, museos da historia da patoloxía nos que tamén se atopan restos humanos, neste caso dende fetos con malformacións a seres humanos con rasgos fóra do común".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta