Hórreos en Galicia: a súa declaración como BIC non garante a conservación ante o despoboamento e a falta de interese social

Galicia é o lugar do mundo onde existen máis construción deste tipo: 100.000 repartidas ao longo de todo o territorio. Sen embargo, non son os hórreos máis antigos do mundo, pois comezaron a construírse a partir do 1601 e da proliferación do cultivo do millo, como lugar para gardar a colleita. O GC comeza unha serie sobre esta a arquitectura galega falando co presidente da Rede Hórrea, Carlos Henrique Fernández Coto.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

De seguro que te percataches de que, viaxes a onde viaxes ao longo e ancho de toda Galicia, sempre hai algúns elementos que te acompañan: igrexas, cruceiros e, por suposto, hórreos. Trátase de patrimonio que, por estar tan acostumados a ver, case non valoramos na nosa vida diaria. Pero, sabías que Galicia é o lugar do mundo onde máis hórreos se conservan? Nada menos que 100.000. O segundo sería Portugal, con 90.000. É dicir, estamos falando de que nunha pequena terra de pouco máis de 2,7 millóns de habitantes hai 100.000 hórreos (un hórreo por cada 27 habitantes), mentres que nun país con máis de 10,6 millóns de habitantes só hai 90.000 (un hórreo por cada 117 habitantes). O terceiro posto ocuparíao Asturias, cuns 20.000. Así as cousas, non hai galego no rural (a maior parte do territorio) que non teña el mesmo ou o seu veciño un hórreo. Con todo, sabemos verdadeiramente apreciar a importancia do que temos ou, como adoita acontecer, teñen que vir os de fóra recoñecela? Dende o Galicia Confidencial falamos con Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Rede Hórrea, que nos conta algunhas das claves de conservación dos hórreos galegos.

Hórreos en Combarro
Hórreos en Combarro | Fonte: Commons - Arquivo

O primeiro que nos apunta é que, en verdade, "os hórreos galegos non son os máis antigos do mundo". De feito, asegura que "hai unha data clave na historia dos hórreos e do millo que é o ano 1601, cando xa se coñecía este cultivo chegado de América, cando un matrimonio lucense (ela era de Mondoñedo e el de Navia, en Asturias) introduciu por primeira vez o millo en Europa". É así como pode saberse, documentalmente, que todos os hórreos creados para almacenar millo son posteriores ao ano 1601. E nesta categoría é onde se inclúen, precisamente, os hórreos galegos, pois "están practicamente todos destinados a millo". Agora ben, Fernández Coto tamén concede que "había outros adicados a gardar mazás, patacas, trigo e centeo", e eses si son anteriores a esa data. Entón, cal é o hórreo máis antigo do mundo? Onde se atopa? Segundo indica o presidente da Rede Hórrea, "na nosa xunta directiva andan debatindo e pode ser un de León, un de Asturias ou un do País Vasco, e falamos de hórreos todos eles datados arredor do ano 1500".

"O MILLO FOI A SALVACIÓN DA ECONOMÍA ALIMENTARIA DE GALICIA, PERMITÍA QUE CADA FAMILIA SOBREVIVISE SEN NECESIDADE DO EXTERIOR"

Así, e sabendo xa que os hórreos galegos chegaron a partir do século XVII, como é que se espallaron tanto por todo o territorio? Fernández Coto explica que, evidentemente, "por aquel entón non había redes sociais nin xornais nin nada polo estilo, así que supoño que a expansión dos hórreos por Galicia levaríase a cabo de xeito paseniño, como moito en 100 anos, porque a xente atopouse de súpeto cun produto novo que non coñecía (como foi o caso anteriormente da pataca ou do chocolate) e, pouco a pouco, foino aceptando". Hoxe resulta difícil de entender, nun tempo no que todo vai máis rápido e tamén resulta máis fugaz coas redes sociais. "Imaxina que descubrisen agora un sustituto da pataca ou do millo, nun mes xa estaría en todos os medios", chancea o presidente da Rede Hórrea. Iso si, o que non se pode negar é que, "tras a súa chegada, o millo foi a salvación da economía que eu dou en chamar 'economía alimentaria de Galicia', pois permitía que cada aldea e cada familia puidese sobrevivir sen necesidade do exterior, sen traer alimentos de ningún lado". Algo que hoxe resulta impensable, chegando xa a maior parte do cereal consumido en Galicia de Ucraína.

Naquel século XVII e posteriores, "a independencia alimentaria da que gozaba Galicia, Asturias e o norte de Portugal, que son os tres lugares onde máis hórreos se construíron, grazas ao millo, era total". É e que coa chegada do millo á nosa terra xa non é só que comezasen a construírse os hórreos para o seu almacenamento, senón que pouco despois xurdiron tamén os muíños, cando a poboación comprendeu que do millo saían espigas, espigas das que saían grans, e co esfollado do millo e o gran obtido podíase levar a moer para facer fariña, fariña da que finalmente sairía o pan. Para o experto é evidente que, "ao igual que antes tamén hoxe en día, o pan é un alimento básico: ti podes alimentarte unicamente con pan". Ademais, tamén hai que ter en conta que naquel momento a obtención de pan levaba aparellada un feixe de postos de traballo: dende muiñeiros ata panadeiros.

"QUEN TEN UN HÓRREO TEN UN TESOURO: SÓ UNHAS 100.000 AFORTUNADAS FAMILIAS"

Agora ben, non todos os hórreos son iguais, nin teñen o mesmo deseño, algo que cambia en función do país, pero tamén dos diferentes lugares dentro dun mesmo territorio. Como chancea Fernández Coto, "os hórreos galegos son diferentes porque cada 'maestriño' tiña o seu 'libriño'". Así, cre que "probablemente a xente da Fonsagrada sería a primeira en adoptar os hórreos e construílos, porque é unha poboación próxima a Mondoñedo, e fixéronos como pensaron que era preciso facelos: un almacén no que non entrara a auga, ao que non subiran os ratos e que estivera ventilado por abaixo". Foi así como deseñaron o que actualmente se coñece como hórreo asturiano (máis anchos e de planta cadrada). Sen embargo, desas zonas do noroeste de Lugo, de Navia, de Becerreá e dos Ancares foron saíndo mestres que fixeron hórreos noutros lugares de Galicia nos que abundaba máis a pedra, polo que "pensaron que a pedra podería perdurar máis no tempo que a madeira, de tal maneira que a adoptaron e empezaron a facer hórreos de pedra, que se espallaron ata Cantabria, por arriba, e ata Aveiro (Portugal), por abaixo, é dicir, por todo o que era o antigo Reino de Galicia".

Grazas a estar feitos en pedra, moitos deles, chegaron aos nosos días. Con todo, para o presidente da Rede Hórrea, "a súa conservación tamén é algo que depende do amor que se teña por eles" e, neste punto, envexa o labor que están a facer os veciños asturianos, pois "eles si que teñen moito máis metido o amor polos hórreos que nós os galegos, polo que están velando moito máis que nós pola súa conservación". E, a pesar dos pesares, aínda con falta de conservación activa en non poucos casos, "os hórreos galegos botan aí en pé anos e anos, pois como non lle caia o tellado non pasa nada". O que non quita, como destaca Fernández Coto, que "haxa que loitar pola súa preservación e porque se leven a cabo neles labores de mantemento". E é que para o experto, está claro que "quen ten un hórreo ten un tesouro, porque se temos 100.000 hórreos e somos case 3 millóns de galegos, a maioría dos galegos non temos hórreos, só unhas afortunadas 100.000 familias", polo que "temos que fortalecer ese vínculo emocional co hórreo que forma parte da nosa identidade cultural". "Cando ti pensas en Asturias non pensas nun hórreo, pero cando pensas en Galicia si, ao igual que nun cruceiro, é un elemento que verdadeiramente está asociado á nosa identidade", asevera.

"QUE OS HÓRREOS ANTERIORES A 1901 ESTEAN DECLARADOS BIC NON GARANTE A SÚA CONSERVACIÓN, TODO O CONTRARIO, PODE SUPOÑER UN INCORDIO"

A día de hoxe todos os hórreos de Galicia anteriores a 1901 están declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Pero, para Fernández Coto, "isto non é garantía para que se conserven", porque "BIC é unha protección, nada máis, que garantiza que non se fagan cousas raras neles nin se despracen de lugar", mentres que "o que realmente pode fastidiar os hórreos é que os descoiden". De feito, considera que, "en Asturias, onde non están declarados BIC nin teñen protección, sen embargo, cóidanos máis ca nós, ou en Portugal, onde tampouco teñen ningún tipo de protección e, aínda así, téñenos máis mimados". Polo tanto, para o presidente da Rede Hórrea, é preciso "incidir na educación, porque para que unha persoa coide un hórreo non é suficiente con que estea declarado BIC, todo o contrario, esa protección ás veces pode volverse case un incordio, porque a persoa propietaria non pode nin tocalo". Pola contra, considera que "é mellor que esa persoa se sinta orgullosa de telo e que o empregue, pois poden dárselle moitos usos: se non ten millo pode gardar nel mazás, colgar xamóns, meter bicicletas, colgar a roupa, poñer dentro unha hamaca para dormir a siesta ou mesmo sentarse nel a practicar ioga". Sen embargo, lamenta que "hai moita xente que precisa dun almacén e fai un ao lado do hórreo de bloques e deixa caer o hórreo, cando en realidade o hórreo é un almacén, e ademais privilexiado, ventilado e aillado da humidade".

Nesa tendencia á reutilización dos hórreos, duns anos cara esta parte estase a dar un fenómeno que non acontecera con anterioridade: o uso dos hórreos como habitacións de turismo rural, para que os hóspedes, en lugar de alquilar unha habitación para durmir, poidan durmir no interior do hórreo. Iso é unha auténtica aberración para a Rede Hórrea, pois "un hórreo non é unha habitación e, para facer que o sexa, tes que destrozar totalmente a configuración arquitectónica do mesmo, meterlle cristal, climatización... De tal maneira que se desvirtúa totalmente o sentido do hórreo como almacén". Alo menos no tocante aos hórreos galegos, pois Fernández Coto concede que "os hórreos asturianos son xa moito máis grandes e estás moito máis aclimatizados que os galegos, pois ao ser todo madeira, son tamén moito máis quentes e non precisan de meterlle cristal nin materiais raros para convertelos nun sitio de estar ou nunha habitación para durmir". Agora ben, a pregunta que xorde é: como poden cambiar así a estrutura dun hórreo se se atopan protexidos? "Fano con autorización de Patrimonio, ás veces mesmo sen a autorización de Patrimonio pero con licenza municipal, ou mesmo haberá casos nos que o fan sen autorización algunha", apunta o experto.

"ACTUALMENTE PERSEGUIMOS A DECLARACIÓN DOS HÓRREOS COMO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL DA HUMANIDADE POR PARTE DA UNESCO"

Outra das problemáticas que afectan directamente á conservación dos hórreos é a percepción que teñen deles as novas xeracións, se é que teñen algunha. "Ese é o camiño que dende a Rede Hórrea tentamos abrir", explica Fernández Coto, que apunta que "a pesares de ser o lugar do mundo con máis hórreos non tiñamos ningunha canción adicada a eles, o cal é raro". Por iso, mandaron crear dúas, unha máis pensada para a mocidade, encargada á artista emerxente Catuxa Salom, moi recoñecida entre os máis novos, para meterlle o mundo dos hórreos aos máis pequenos, a partir dun tema de folk electrónico; e outra, para xente de máis de 40 anos, encargada a Manoele de Felisa, un autor que tamén canta a Rosalía de Castro, Castelao e ten gran recoñecemento social entre o público máis adulto, cun estilo máis sentimental e intimista de folk emocional. 

Actualmente, outro dos obxectivos que persegue a Rede Hórrea é conseguir a declaración dos hórreos como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade por parte da Unesco, un camiño que consideran factible tendo en conta que fai tan só un ano que se logrou a declaración do toque manual de campás como patrimonio inmaterial e que no 2025 se vai declarar o alfombrismo floral. "Consideramos que os hórreos tamén forman parte de todo ese patrimonio inmaterial que temos en Galicia, pois detrás dun hórreo hai moitas outras cousas que non ves: o ciclo do pan, o oficio de panadeiro e o de muiñeiro, o acto de esfollar o millo...", explica Fernández Coto, que indica tamén que "todas estas accións levan aparelladas cancións: de esfollar o millo nace a foliada, da chegada ao muíño nace a muiñeira...". Polo tanto, "gran parte da raíz musical de Galicia vén dos hórreos, do millo, do feito de moer e esfollar", conclúe, animando tamén por iso á sociedade galega a "amar os hórreos hoxe por hoxe igual que os amaban os nosos antergos".

"SEN XENTE NON HAI PATRIMONIO E, ONDE SE PERDE A ALDEA, POLO DESPOBOAMENTO, PÉRDESE TODO"

E é que aínda que son moitas as casas do rural galego nas que hai hórreos, non son tantas as que están habitadas como para que eses elementos patrimoniais gocen de coidados. Para Fernández Coto a realidade do despoboamento en Galicia tamén toca aos hórreos, polo feito de que "moitas casas teñen hórreos pero a xente que as habitaba mudouse ás cidades, e os hórreos quedan sen persoas que os protexan". "O despoboamento bate contra a preservación de todos os elementos patrimonios de Galicia: desaparecen os hórreos, desaparecen as igrexas, desaparecen os cruceiros... Sen xente non hai patrimonio", asegura o presidente da Rede Hórrea, que exemplifica que "se non está a señora María que é a que lle saca a herbiña ao cruceiro cada semana para que a pedra non se abra máis, a herbiña medraría ata desprazar a pedra e o cruceiro viríase abaixo". De tal maneira que, "o despoboamente non afecta só aos hórreos, senón a toda a arquitectura popular galega e, especialmente, ao patrimonio inmaterial, aos mitos, lendas, crenzas, regueifas de cada lugar". "Onde se perde a aldea, pérdese todo", conclúe o experto.

INTEGRANTES DA REDE HÓRREA

A Rede Hórrea está integrada pola Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), a Asociación do Hórreo Asturiano, a Asociación de Amigos do Hórreo Cántabro (Amhocam), a Asociación Cultural La Brusenda, Patrimonio Histórico de Bizkaia (UNED de Begara), Etniker Navarra, o Centro de Estudos de Arquitectura e Urbanismo da Universidade de Oporto (CEAU), a Associaçao Portuguesa para a Reabilitaçao Urbana e Proteçao do Património (APRUPP) da Universidade de Aveiro, Eloy Algorri García (como investigador independente), Antalya Kültürel Miras Dernegy (ANKA) de Turquía, a Associazione per la protezione del Patrimonio Artistico e Architettonico di Valmaggia (APAV) de Suíza, Ophélie Bellanger (investigadora francesa), María Rita Silveira de Paula Amoroso (investigadora brasileña) e Ricardo Ortiz Farias (da Universidade Michoacana de México).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta