Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2024 | Actualizada ás 14:11
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, considera un "exceso de retórica" cualificar de "histórica" a folga convocada polo Comité Intercentros da Corporación, "que un 70 % do persoal non secunda". Ademais, negou que se haxa "externalizado" a produción da casa, en referencia ao programa que provocou o paro. Así o sinalou Sánchez Izquierdo ante a Comisión Permanente non Lexislativa de Control da CRTVG do Parlamento, onde compareceu para responder a diversas preguntas dos grupos. Dous delas, do PSdeG e do BNG, versaron sobre as causas da folga e a situación na que deixa á casa.
A folga, tal e como explicou o Comité Intercentros no seu momento, vén motivada pola substitución de 'A Revista' por 'O Termómetro', programa que pon de exemplo da "externalización" que afronta a corporación e que, aseguran, "dilapida recursos públicos". Tras varios paros parciais, "e ao non producirse avances", a protesta adquiriu carácter indefinido a partir do pasado 16 de outubro, coa mesma alternancia de mobilizacións os luns, mércores e venres, no horario de emisión do citado programa, entre as 11.30 e as 13.30 horas.
Reclaman o cesamento da externalización da programación e a recuperación do diálogo social para a participación dos profesionais na toma de decisións de condicións laborais e futuro modelo. Para o responsable da CRTVG, os grupos da oposición "presentan feitos alternativos que non coinciden coa realidade". "Falan dunha folga indefinida da CRTVG, case de carácter histórico e quen lles escoite pensará que leva semanas sen emitir e nas barricadas", sinalou. Remarcou que non está secundada "nin sequera por todos os sindicatos da Corporación" e que o seguimento medio é do 30 % do persoal, "con algunha xornada por baixo do 23 %".
'O TERMÓMETRO', "COPRODUCIÓN E NON EXTERNALIZACIÓN"
Sobre isto, informou de que despois de dúas semanas de paros parciais, "agora indefinidos, pero paros parciais", "non se deixou de emitir". Referíndose ao programa da polémica, recoñeceu que nalgún caso cambiou o horario, "pero non deixou de emitirse, alcanzando algún día o liderado de emisión".
Sánchez Izquierdo explicou que a substitución da Revista polo Termómetro responde a toda unha reestruturación da programación, con novo enfoque que busca "unha grella máis dinámica e actualizada, que se adapte ás necesidades dos galegos". Respecto da externalización que alega o comité, sostén que "un programa que se fai en San Marcos, con cámaras, iluminación, son, realización e Relacións Públicas, todos da TVG, evidentemente non é externalización". "Soster isto non soporta ningunha mínima análise", incidiu.
CONCENTRACIÓN ÁS PORTAS DO PARLAMENTO
Coincidindo coa comparecencia de Sánchez Izquierdo no Parlamento, unha representación de traballadores mobilizados concentrouse ás portas da Cámara galega "para denunciar a inacción ante a morte programada dos medios públicos de comunicación". Na protesta desta mañá, os traballadores montaron un altar improvisado fronte ao valo do Parlamento con imaxes, peluches e flores en memoria de programas desaparecidos como Alalá, Miraxes, A Revista, Salga 5, Estudo 3, Convivir ou Atmosféricos que, segundo os manifestantes, "a cidadanía galega debería chorar e tentar recuperar".
Este venres supón ademais a sexta xornada de folga, que volveu a provocar problemas na emisión de 'O Termómetro', un programa que, insistiron, "é unha externalización máis nunha cadea incesante de destrución programada da produción realizada con medios técnicos e humanos propios que o persoal da Corporación considera xa intolerable".
RECOLLIDA DE FIRMAS ILP 'LIBEREMOS A GALEGA'
Doutra banda, a Plataforma 'Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo' anunciou que instalará mesas nas rúas das principais cidades e pobos galegos o vindeiro martes, 22 de outubro, para iniciar a recollida de firmas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular 'Liberemos a Galega'. Nun comunicado avanzan que o acto principal co que arrincará a recollida de apoios terá lugar en Santiago, ás 17.00 horas, fronte á cafetaría Derby.
SÁNCHEZ IZQUIERDO REIVINDICA O PAPEL "CRAVE" DA CRTVG
Por outra banda, o director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, reivindicou o papel "crave" que desenvolve a corporación en relación ao audiovisual galego, sobre todo no que respecta á innovación. Así o defendeu este venres ante a Comisión Permanente non Lexislativa de Control da CRTVG do Parlamento, onde profundou nas diferentes fórmulas de apoio e colaboración da casa para fomentar a innovación.
Máis aló da produción propia, sinalou que contan cun protocolo para canalizar "de forma eficaz e homoxénea" as propostas creativas que chegan dentro do sector. No mesmo sentido, apuntou, regúlase a liña de apoio aos proxectos cinematográficos que nacen en Galicia, en cumprimento do que se coñece como o chamado 6 %. Posibilitan tamén a construción de novas fórmulas de produción, como pode ser o caso de series como Motel Valkyrias ou Operación Marea Negra, "ambiciosas coproducións internacionais que contan co apoio de grandes plataformas".
Destacou tamén iniciativas "pioneiras" como as convocatorias de contidos dixitais dirixidas a novos produtores co obxectivo de "transcender a produción de contidos tradicionais de televisión e focalizar en contidos concibidos especificamente para o mundo dixital e cunha linguaxe narrativa propio de redes, atendendo a demanda e os novos hábitos de consumo dos espectadores". Sánchez Izquierdo detallou os datos do exercicio de 2023, asegurando que a Corporación "mantivo o seu apoio ao talento audiovisual galego a través da participación activa en proxectos relevantes, tanto pola súa creatividade, calidade, viabilidade, capacidade e repercusión en distintos niveis, rexional, nacional ou internacional, como tamén en medios tradicionais e redes sociais".
Así, informou de que durante o ano, inscribíronse no rexistro de proxectos dispoñible na CRTVG.GAL un total de 139 propostas, entre as que destacan máis dunha vintena de longametraxes, un longo de animación, máis de 30 documentais, 12 series e tres series de animación, unha proposta de contido dixital, unha radiofónica, unha tv-movie e máis de 100 propostas de diferentes programas. Ademais, sinalou que se actualizou o procedemento do 4 de abril de 2022 de presentación de proxectos de producións audiovisuais co fin de "favorecer a transparencia e o traballo de valoración en selección de proxectos". "Tras o exhaustivo traballo realizado pola Comisión Directiva de Programación, e atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, propúxose participar en 15 proxectos, entre os que hai sete longametraxes cinematográficas, seis documentais, unha de animación e unha tv-movie", citou.
INVESTIMENTO DE MÁIS DE 500 MILLÓNS DE EUROS 2009-2023
O responsable da Corporación remarcou que se trata de seleccionar "proxectos ambiciosos e de alto valor cultural e artístico", buscando iniciativas "que potencien a creatividade galega e a proxección da cultura galega". Nesta liña, citou a serie de biopics sobre mulleres galegas destacadas como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Vega, entre outras. No que respecta á relación cuantitativa co sector audiovisual, Sánchez Izquierdo afirmou que entre 2009 e 2023 investíronse no sector uns 542 millóns de euros, "o que representa unha media anual de 36 millóns de euros de contratación".
"Este investimento destinouse á produción e desenvolvemento de proxectos de ficción, documentais, programas infantís e adquisición de produtos e servizos que fortalecen o sector audiovisual de Galicia", indicou. Tamén abordou a situación das novas plataformas OTT como agalega.gal, xabarin.gal e agalega.audio, "que permiten ao sector audiovisual galego adaptarse aos cambios nos hábitos de consumo e chegar a novas audiencias". Agalega.gal, apuntou, "continúa crecendo". A este respecto, citou os datos de Barlovento, que en setembro outorgan á plataforma un crecemento dun punto e colócaa "a piques de entrar no top 10 de espectadores únicos das plataformas españolas asociadas a televisión".
Así mesmo, informou de que esta semana se resolveu unha nova convocatoria de proxectos dixitais, todos en galego, que se difundirá proximamente pero sobre a que avanzou que a CRTVG producirá 12 novos proxectos, entre os que hai contidos divulgativos, infantís, de entretemento, humor e cultura. "En conclusión, a nosa corporación reafirma o seu compromiso co sector audiovisual de Galicia, non só co seu apoio financeiro, senón tamén como colaboradora e impulsora da cultura e o talento galego", aseverou.
ENVIAR OU NON XORNALISTA CON CÁMARA "RESPONDE A CRITERIOS OBXECTIVOS"
Por outra banda, o director xeral negou que a decisión de non mandar reporteiro a determinadas previsións esconda "ningunha intencionalidade de subestimar actos ou organizacións", aclarando que responde a "criterios obxectivos e de optimización". Así respondía Sánchez Izquierdo a unha pregunta formulada pola deputada do BNG, Olalla Rodil, que asegurou que ao non enviar reporteiro, "cárganse a un intermediario", polo que resulta "máis fácil meter a súa mensaxe". "Pretenden facer informacións sen xornalistas e iso non é xornalismo. Iso é outra cousa", asegurou, sinalando que así se degrada a calidade informativa.
Sánchez Izquierdo xustificou este tipo de decisións, en parte, polos avances tecnolóxicos, "que transformaron o panorama mediático, permitindo que tanto fontes de información como os propios medios exploren formas máis eficaces de transmitir e recoller os datos". "Este contexto ten dúas consecuencias. Por unha banda, a multiplicación de fontes de información e, por outra, unha maior facilidade para acceder ás mesmas, reducindo a necesidade dunha cobertura presencial constante en moitos casos", explicou.
"Non nos sobra xente, señora Rodil. Somos conscientes de que a corporación non envía xornalistas acompañando a reporteiros gráficos a todos os actos que se cobren porque é imposible hoxe en día", recoñeceu o responsable da CRTVG, que animou ademais ao BNG a concretar "que medio audiovisual, público ou privado, que cubra tanto terreo informativo como a Corporación, en Galicia ou en España, envía xornalistas a todas as previsións informativas". A este respecto, lembrou que a CRTVG debe facer fronte a unha axenda informativa "saturada". "A priorización de recursos responde a criterios obxectivos e de optimización, e non a ningunha intencionalidade de subestimar certos actos ou organizacións", remarcou.
En canto á cobertura específica do BNG, Sánchez Izquierdo sinalou que se dedica un espazo diario "destacado" para reflectir as actividades do grupo político. "A nosa responsabilidade como medio público é informar de maneira plural sobre a actividade de todas as forzas políticas. E o BNG recibe unha cobertura que reflicte o seu papel dentro da vida política galega", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.