Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 18/10/2024 | Actualizada ás 16:00
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou este venres que os orzamentos da Xunta permitirán pór en marcha nos primeiros meses do 2025 a nova residencia pública de maiores da Fundación Amancio Ortega no barrio pontevedrés da Eiriña. Segundo anunciou a representante autonómica, a entrega das chaves á Xunta será o próximo día 30 de outubro.
Das sete residencias previstas, a de Pontevedra será a terceira que reciba "chave en man" a administración autonómica tras os centros de maiores de Santiago de Compostela e Lugo, polo que agradeceu á Fundación Amancio Ortega o seu "compromiso social". Estes novos centros integraranse na rede pública da Xunta e, tal e como destacou a conselleira, situarán a Galicia como "referente mundial na atención residencial ás persoas maiores".
Este venres, a conselleira puido coñecer esta residencia nunha visita que fixo acompañada do delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera. Esta Fundación destinou 25 millóns de euros á construción deste centro residencial da Eiriña, que disporá de 120 prazas públicas e suporá a creación de máis dun centenar de postos de traballo directos no ámbito dos coidados. Ademais, dispón de servizos e equipamentos "de vangarda", así como con unidades de psicoxeriatría especializadas na atención a persoas enfermas de alzhéimer e outras demencias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.