Xuventudes do PSdeG censuran os "orzamentos fragmentados" de Rueda mentres "bloquea" as axudas á vivenda

A Xunta replícalle que "aínda non recibiu o diñeiro do Bono Novo", polo que non pode empezar a tramitar os apoios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2024 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, criticou a "presentación fragmentada" dos orzamentos da Xunta para 2025 por parte do titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, coma se fosen "anuncios de televisión" sen ningún tipo de "transparencia", mentres "bloquea" as axudas á vivenda". Nunha rolda de prensa ofrecida este venres na sede do PSdeG, Doval puxo o foco na falta de execución das axudas ao aluguer. "Levamos 14 anos cun goberno do PP que nin fai nin deixa de facer", sostivo.

Doval sostivo que cando se fala de vivenda, fálase de "oportunidades de vida para a mocidade" e afeou que a actitude do PP pase por "porlle un tapón a esas oportunidades". Así, lembrou que desde 2018 o Goberno de España transferiu case 500 millóns de euros a Galicia para políticas de vivenda, pero que a Xunta, no canto de usalos para facilitar o acceso á vivenda, "atrasou o proceso e, en plena crise, manda mensaxes de móbil dicindo que xa non hai diñeiro para axudas".

Neste contexto, censurou que o Goberno galego non só non resolva as axudas de vivenda, senón que agora, a menos de dous meses de terminar o ano, presente os orzamentos "por fascículos", "como quen vende unha telenovela". "Non saben como xestionar a súa propia incompetencia e póñense a facer propaganda co diñeiro de todos", denunciou. Para Doval, esta actitude do Goberno galego "é un insulto á cidadanía e, especialmente, á mocidade que quere emanciparse". "O que non pode facer o PP é presentarse como salvadores cando en 14 anos só se construíron 21 vivendas de protección oficial. Mentres o Goberno de España impulsa a construción de 180.000 vivendas, das que 1.400 serán en Galicia, a Xunta do PP limítase a bloquear e atrasar todo", asegurou.

Así as cousas, Doval esixiu un "cambio inmediato na a política de vivenda" do Executivo galego e reclamou que se execute de inmediato a nova partida do bono aluguer sen a "burocracia intencionadamente absurda" que, segundo denunciou, impón a Xunta. "Non queremos anuncios baleiros nin máis trabas. Queremos solucións reais para a mocidade galega. É hora de que o PP deixe de pór paus nas rodas e empezo a traballar de verdade pola vivenda en Galicia", apuntou. Doval finalizou apelando á Xunta a "deixar de boicotear" as medidas do Goberno de España e implicarse en garantir o acceso á vivenda. "Se a Xunta non é capaz de xestionar os fondos transferidos, que se aparte e deixe traballar aos que si queremos que Galicia avance", manifestou.

RESPOSTA DA XUNTA

Tras as declaracións do secretario xeral das Xuventudes Socialistas, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asegurou que a Xunta "aínda non recibiu o diñeiro do Bono Novo", polo que non pode empezar a tramitar as axudas. De feito, sostén que "aínda debe pasar polo trámite de pasar pola Conferencia sectorial que se celebrará aínda a semana que vén". Así mesmo, sobre as bases, a consellería sinala que tanto Galicia como outras comunidades pediron a modificación do Real Decreto e que a ministra dixo que "o fará proximamente" porque "este ano xa non lle dá tempo". Ademais, o departamento autonómico apunta que a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, solicitou ao Ministerio de Vivenda o incremento de fondos, "tendo en conta que a Xunta cumpriu os obxectivos marcados ao 100 %".

O secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, en rolda de prensa
O secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta