Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2024 | Actualizada ás 14:20
A sétima xornada da folga convocada polo Comité Intercentros da CRTVG (que desde a semana pasada é indefinida) volveu a provocar problemas na emisión de 'O Termómetro', programa que pon de exemplo de "externalización" e "dilapidación de recursos públicos". Nesta ocasión, o seguimento analizado pola Corporación foi do 17,2 %. O paro, destacou a presidenta do Comité e representante do comité de folga, Raquel Lema, vai ser "longo". "É unha carreira de resistencia", asegurou.
Lema foi unha das traballadoras que se manifestou este luns ante a sede da Xunta de Galicia en San Caetano, en Santiago, coincidindo coa celebración do Consello do Goberno autonómico. Xunto a algo máis dunha decena de compañeiros, clamou contra a externalización e "en defensa dos medios públicos", coreando consignas como 'Queremos informar e non manipular', 'Non pode ser, a CRTVG ao servizo do PP' e 'Privatizar é prevaricar'. Ademais, fixéronlle 'vudú' a un boneco que representaba ao director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, "para exorcizar os males que afectan á CRTVG". "A externalización agrava a manipulación informativa, xa que os traballadores non temos o control dos contidos. As empresas externas escriben ao ditado e fan o que lles mandan", asegurou Lema.
Ademais, recoñeceu que o camiño a percorrer é "longo" e acusou á dirección da corporación de falta de diálogo. "A empresa, en lugar de propicir o diálogo, que é o que esperamos e seguiremos reivindicando, nega que teñamos a representatividade dicindo que algún sindicato se descolgou desta folga. E tamén dicindo que non é para tanto porque non temos unhas barricadas montadas na porta. Non sabemos moi ben se nos está provocando ou que quere", lamentou. "Nós o que queremos é recuperar a produción propia, traballar con dignidade, traballar con dereitos. E non pararemos ata conseguilo", concluíu Lema. Polo momento, a folga continuará indefinidamente, concretamente os luns, mércores e venres entre as 11.30 e 13.00 horas, franxa de emisión de 'O Termómetro'.
POSTURA DA CRTVG
Pola súa banda, a CRTVG, consultada por Europa Press, cifra a participación na xornada de folga deste luns nun 17,2 %. "Máis do 80 % do persoal non secunda os paros parciais indefinidos", aclaran. Ante isto, destacan que "continúa decaendo o escaso apoio" cultivado desde o inicio dos paros. Reiteran ademais que 'O Termómetro' é unha coprodución da TVG con dúas empresas pertencentes ao Clúster Audiovisual Galego e que segue "exactamente o mesmo esquema que se utiliza na actualidade en TVE e no resto de canles autonómicas". Lamentan ademais que o sector sindical "presione sen ningunha base legal obxectiva" para provocar a cancelación dun programa e "o consecuente despedimento dos traballadores das produtoras asociadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.