Por Ángela Precedo | VIGO | 28/10/2024 | Actualizada ás 22:00
Se aínda non coñeces o cemiterio dos Eidos, en Redondela, dende o Galicia Confidencial convidámosche a que o visites, pois trátase, nada máis nin nada menos, que do cemiterio máis bonito de Galicia. Co gallo da próxima celebración do Día de Defuntos, achegámosvos a súa parte máis mística da man da guía Sole (@mellorconguía), colaboradora da axencia de experiencias turísticas Troulanda (@troulanda), que nos pasea polas sombras e as tebras dun espazo histórico que estivo a piques de desaparecer, engulido polo crecemento da propia cidade. De feito, nada máis chegar ata a súa contorna, o primeiro que chama a atención é ver un camposanto de relativamente pequenas dimensións e coa maioría de nichos de baixa altura, rodeado de tres edificacións que superan os cinco pisos. A imaxe, dende logo, resulta canto menos impactante, como se houbese algo que non encaixa ben no lugar. Sensación á que tamén contribúe o feito de que o estado da pedra que compón a maior parte do cemiterio e as súas lápidas vese antigo, mentres que as vivendas do seu arredor semellan ser de moita máis recente construción.
Preguntándolle a Sole por esta cuestión, explícanos que "este cemiterio estivo a piques de desaparecer, precisamente porque cando comezaron a construír os edificios que o rodean (e que o deslocen un pouco), os veciños querían quitalo e aproveitar o espazo no que se asenta para facer uns xardíns, un parque para os nenos ou unha zona de estacionamento, algo do que se puidesen beneficiar". E é que "no cemiterio dos Eidos, dende finais da década dos 80 xa non se enterraba ninguén", porque se construíra outro cemiterio máis moderno e con maior capacidade na vila. Afortunadamente, as protestas de varios colectivos redondelanos conseguiron frear a orde de derrube e garantir a conservación do cemiterio, que chegou ata os nosos días. Ademais, como ben apunta a nosa guía, o seu nome débese, precisamente, a que na zona na que foi asentado había un eido, é dicir, "que estaba bastante alonxado da poboación". E é que, "antigamente adoitábase enterrar aos mortos ao redor da igrexa, pero a partir do século XVIII esa práctica prohíbese por seguridade, pois había enfermidades como a peste que se espallaban rapidamente, e, xa no século XIX, é cando ao ver que Redondela non cumpre co requisito obrigan á vila a construír un cemiterio municipal", cemiterio que foi pagado polo Concello, pois a parroquia botou balóns fóra por falta de fondos.
Foi así como o cemiterio dos Eidos foi declarado cemiterio municipal de Redondela. Nun comezo todas as tumbas eran en terra, pero "co paso dos anos xa non había máis sitio" e "como naquel momento tampouco había sitio para facer outro cemiterio", como explica Sole, "arredor do 1920 o arquitecto Antonio Arines fixo un deseño de cemiterio que xa permitía construír panteóns en alto, xa non só en terra". Foi grazas á súa intervención que se puido seguir empregando o cemiterio dos Eidos durante uns cantos anos máis. E tamén foi en parte grazas a el e a ese alongamento do uso do camposanto no tempo que o dos Eidos se convertiu nun dos cemiterios máis especiais de Europa, pois no século XIX houbo un rexurdimento de estilos arquitectónicos pasados e neste espazo aparecen exemplos de arquitectura neoclásica, neogótica, neoexipcia, neomedieval...
ALGÚNS MEMBROS DA MASONARÍA ESTÁN ENTERRADOS NESTE CEMITERIO
Agora ben, como nos achegamos ao Día de Defuntos, que mellor que aproveitar a nosa visita a este espectacular camposanto para falar da súa cara máis 'escura'. Foi no século XIX cando desapareceu a Inquisición Española e se declarou a liberdade de culto, entrando así en Galicia con moita forza todo o que estaba pasando xa dende había tempo en Europa: grupos espiritistas, a figura do 'medium', a masonaría (unha sociedade internacional orixinalmente secreta que defendía ideas humanistas, filosóficas e filantrópicas) e a obsesión por que pasa con nós unha vez que morremos... Como nos asegura Sole, "en Redondela houbo un triángulo masón, que dependía da loxia de Vigo, polo que nos Eidos podemos atoparnos con moita simboloxía masónica agochada (e non tan agochada)". E por que en Redondela? Para a guía débese a que, "por aquel entón, Redondela estaba vivindo unha segunda idade de ouro: a primera fora no século XVI cos beneficios que deixara a pesca da sardiña; e, agora, no século XIX, era debido ás conserveiras e ao desenvolvemento do comercio con Inglaterra e Portugal". Como sobraban os cartos e a xente vivía ben, "gastábanos en levar boa vida, pero tamén en pensar que pasaría cando morresen, creando panteóns grandiosos".
Aínda que a día de hoxe son moitas as persoas que ven a masonaría coma unha secta, isto débese á imaxe que sobre esta sociedade baseada na amizade e a loita por ideas progresistas impuxo o nazismo e o franquismo. De tal maneira que aqueles que pertencían á masonaría sempre estiveron rodeados dun aura mística que atemorizaba á xente do común. O cemiterio dos Eidos ten enterrados a varios masóns, algo que se evidencia nos símbolos que aparecen nalgunhas das súas tumbas (para saber que se está ante a tumba dun masón esta debe reunir alo menos tres símbolos propios da confraternidade). O primeiro exemplo atópase nada máis traspasar a porta do camposanto a man dereita. Alí aparece un primeiro sartego con estética neomedieval, feito en pedra e cunha tapa onde se representaba á persoa enterrada cando era alguén importante e destacado. Como nos explica Sole, "arredor deste sartego hai unha corda, que tamén é un símbolo da masonaría"; e, "debaixo dela, aparece un corazón rodeado por ramas de acacia, madeira que se considera sagrada por ser da que estaba feita o arca da alianza, ou loureiro, símbolo da vida eterna".
O RETRATO DUN AUTÉNTICO MASÓN: GORRO E ESTOLA TRIANGULARES, MAN NO CORAZÓN E BIBLIA NA MAN
Para os masóns tratábase dun símbolo moi destacado que, aínda que se pode confundir co Sagrado Corazón de Xesús, sábese que non o é porque senón tería que estar rodeado de espiñas, non de follas e, ademais, as chamas que o envolven deberían estar máis aberta, non coma neste caso, no que apuntan cara o ceo, xa que "o corazón para os masóns representa ao sol, que nos da calor e vida, ao igual que o corazón". Pero, por se sobre esta tumba pesase algunha dúbida, a que non deixa lugar a interpretación é a que se sitúa ao seu carón, na que aparece o retrato dun verdadeiro masón representado. Agora ben, Sole chama a ter coidado con pensar que o home que aparece no retrato sexa o mesmo que está enterrado, porque "as tumbas, co paso dos anos, fóronse reaproveitando, reutilizando, de tal xeito que aparecen en tumbas antigas datas bastante modernas". O que está claro é que o que aparece representado na imaxe si que é masón. "Antes da renovación e rehabilitación do cemiterio, que rematou no ano 2020, esta figura dábanos moitas dores de cabeza, porque se atopaba cuberta de vexetación e musgo e semellaba que sería un avogado ou un cura, polo birrete e a toga que porta, pero saímos de dúbidas cando nolo confirmou o neto dun verdeiro masón", conta a guía.
Cales son os símbolos que o indican? "En primeiro lugar, o triángulo que compón o seu gorro, unha figura moi importante na masonaría porque é a primeira figura completa que se pode facer cunha liña recta, e ten tres lados que marcan os tres piares da sociedade: liberdade, igualdade e fraternidade; seguidamente, a estola que ten no peito, que tamén forma outro triángulo; logo, a man no corazón, que é un saúdo dos membros desta sociedade secreta, que tiña diferentes maneiras de chocar as mans ou de achegarse os uns aos outros de maneira que só se recoñecesen entre eles; e, finalmente, o libro que porta na man, que, seguramente, sexa unha Biblia, porque a masonaría non é un movemento relixioso, xa que, lonxe dixo, acepta todas as relixións e ningunha á vez, pero si recoñece a Biblia como base da civilización, por así dicilo, porque o Antigo Testamento é a base das tres grandes relixións monoteístas do mundo: o xudaísmo, o cristianismo e o islamismo", apunta Solé. Agora ben, non todos os masóns se enterran como tal, o que quere dicir que o do retrato tiña que ser un membro xa recoñecido dentro da sociedade. Como explica a nosa guía, "non todo o mundo que está dentro da loxía se pode enterrar como masón, só aqueles que chegan e superan o terceiro grao (a masonaría divídese en graos segundo o avance espiritual da persoa)".
COLUMNAS PARTIDAS COMO SÍMBOLO DUNHA VIDA TRUNCADA ANTES DE TEMPO E DUNHA OBRA QUE PERDURA NO TEMPO
Unha vez chegado a ese terceiro grao, "cando un irmán morre, é a loxia a que se encarga do ritual funerario, que se leva a cabo dunha maneira moi concreta, que pode variar un pouco segundo a loxia da que se trate, pero que ten unha base común". Como antes se velaba nas casas, os masóns, para despedirse do seu 'irmán', botaban á xente da sala onde se estivese velando ao defunto e, seguidamente, como apunta Sole, "poñíanse arredor do ataúde e, o que era o venerable maestro que dirixía a loxia en cuestión, cun martelo, dáballe na cabeza suavemente ao morto, chamándoo polo nome; no intre en que pronunciaba o nome, o resto dos 'irmáns' pateaban o chan para que o morto espertara e, se á terceira vez que o facían non se movía, dábano definitivamente por morto e eles mesmos se encargaban de preparar o seu corpo para enterrar". Despois podían elixir entre enterralo segundo a súa fe relixiosa, porque a base da masonaría, ao ser a liberdade, permitía que cada un se enterrase segundo escollese. Iso si, sempre con símbolos que tamén indicasen a pertenza á sociedade.
Sen irnos moi lonxe, xusto enfronte destas dúas tumbas das que falamos, atópase unha terceira que non deixa tampouco lugar a dúbidas de que foi feita por un masón ou que alí se conserva o seu corpo. E é que ten como decoración unha columna partida, feita adrede cando se deseñou a tumba, porque "simboliza que a persoa que está enterrada morreu nova, sendo adulto, pero novo, o que quere dicir que non chegou a desenvolver todo o seu potencial, non chegou a traer á terra todo o que tiña para dar, nin a cumprir coa súa misión de vida, quedando truncado". Xa adentrándonos máis no cemiterio podemos ver outra columna rota, pero neste caso diferente da primeira: en lugar de estar esculpida en pedra, máis tosca, é de márcore e atópase pulida, cunha cartela que a envolve. Como apunta a nosa guía, "a cartela, xa de por si, fálanos de respecto, e, neste caso, sabemos que a persoas que está aí enterrada morreu moi maior, non como no primeiro caso". Pero, como é posible que haxa unha columna partida sobre a tumba dun home maior cando en realidade se emprega este símbolo para a xente nova? Pois porque "Amador foi o fundador da primeira imprenta de Redondela e a súa obra foi tan grande que non acabou na súa vida, de feito, segue funcionando a día de hoxe, polo que a columna simboliza o respecto a algo tan grande que fixo que sobrepasou o seu talento".
CAPELA ONDE SE FACÍAN AUTOPSIAS E UN PETO DE ÁNIMAS COMO PEAXE PARA NON ENFRONTARSE Á SANTA COMPAÑA
Continuamos a nosa visita por unha das dúas capelas que ten o cemiterio, grandes construcións que chaman poderosamente a atención e das que se pode ver o seu interior a través dos barrotes de entrada. Sole resalta que o primeiro que debemos saber é que "nesta capela, antigamente, ademais de facer os funerais, tamén se facían as autopsias, porque como non había onde conservar aos defuntos, facíase a autopsia e, no mesmo momento, xa se procedía a enterralos, era un proceso moito máis rápido do que o é agora". Así, o que máis destaca entre as figuras que alberga é unha na que aparecen representadas as ánimas do purgatorio. Ánimas que quizáis non anden moi lonxe, porque, pola parte exterior da capela, do outro lado do muro que rodea ao cemiterio, cara a estrada, hai un peto de ánimas. Este peto de ánimas é posterior á creación do cemiterio e fíxose porque, segundo explica Sole, "una vez que comezaron a enterrar á xente aquí, as persoas que pasaban polo camiño que bordea ao cemiterio dirección Reboreda, dicían que se lles aparecía a Santa Compaña". O que lles tería gustado a esas persoas sería eliminar o cemiterio, pero non foi posible, así que o que fixeron foi poñer un peto de ánimas e que "cada un que pasase polo lugar soltase unha moediñas, a modo de peaxe, para que a Santa Compaña non se aparecese e os deixase tranquilos".
E, como será, que a cousa funcionou, convertíndose así ese peto de ánimas na peaxe da AP-9 das ánimas. Lamentablemente, o peto de ánimas que hoxe se conserva non é o orixinal, pois ao tratarse dunha talla de madeira moi bonita, durante a oleada de roubos de arte sacro que houbo en Galicia nos anos 70, levárono. Posteriomente un veciño da zona fixo unha colecta popular e logrou facerse unha réplica en granito. Sole, chegados a este punto, apunta que, en contra do que moitas veces se pensa, "a Santa Compaña non só ten por que aparecer á noitiña en forma dunha procesión de ánimas que se achega a ti iluminada, senón que tamén pode aparecer de día e non nun cruce de camiños, senón na túa propia casa: cando estás nun día de bochorno destes nos que non sopra o aire e todo pesa e, de súpeto, pasa unha corrente polo medio, esa é a Santa Compaña que está pasando". No barrio redondelán da Portela, de feito, isto pasoulle a un home: estaba tranquilamente durmindo na súa cama e espertouno unha voz que lle dixo 'rastante ou volante?', ao que, medio durmido, respostou 'volante'; ao día seguinte apareceu en pixama en Cangas, a onde a Santa Compaña o levara voando".
TUMBAS DE NENOS E PANTASMAS SEN CABEZA QUE VAGAN POLA ZONA
Outra das cousas que sobrecolle o corazón dos visitantes mentres pasean polo cemiterio dos Eidos é a aparición, nunha especie de praza central, de varias tumbas en terra de moi pequeno tamaño, apenas uns palmos, agrupadas. Trátase de tumbas nas que están enterrados bebés e nenos de moi curta idade, que se decidiron pór xuntas, ao contrario do que acontece noutros camposantos, nun mesmo lugar. A día de hoxe hai nos Eidos un total de 126 tumbas (máis 42 corpos de represaliados polo franquismo en fosa común), das cales 113 corresponden a adultos e 13 a nenos. Berces de pedra, pequenas capeliñas... a simboloxía das mesmas non deixa lugar a dúbidas e lembra como dun intre para outro, sen importar a idade, a vida pode marchar nun suspiro. Ademais, moitas das tumbas que se atopan no cemiterio dos Eidos foron trasladadas a el directamente dende o cemiterio da igrexa, de tal maneira que se atopan moi xuntas, algo que chama poderosamente a atención do visitante. E contan os máis vellos da zona que cando se trasladaron ata os Eidos os restos dos mortos, non se levaron na súa totalidade, senón que houbo algúns ósos que quedaron polo camiño. Por iso se di que durante algunhas noites é posible ver polo cemiterio a pantasmas sen cabeza que vagan sen rumbo na procura dos seus cráneos, por ser enterrados sen eles.
VISITA GUIADA ESTE SAMAÍN
Se queres coñecer máis en profundidade esta e outras moitas historias que rodean ao cemiterio dos Eidos, podes facelo o 31 de outubro, Noite de Defuntos, da man dunha guía moi especial: a Bruxa Benita. Na web de Troulanda podes conseguir xa a entrada para realizar esta singular visita chea de misterio e envolta en tebras, onde te achegarán unha cara que de seguro non coñecías aínda de Redondela. Ao final da experiencia os participantes poderán desfrutar dunha sabrosa queimada.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Retrato dun masón no cemiterio redondelán dos Eidos | Fonte: Concello de Redondela¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O cemiterio da Adina, en Iria Flavia, recordo dun pasado glorioso: máis dunha vintena de sartegos dos séculos VI ao X
- A Xunta sancionará con 3.000 euros aos Franco por negarse a abrir ao público a Casa Cornide
- O cemiterio dos Eidos, en Redondela: simboloxía masónica e aparicións frecuentes da Santa Compaña
- Volven os traballos sobre a fosa do cemiterio do Val, en Narón: a máis grande de Galicia, con 51 corpos
- Un congreso busca impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
- Os hórreos non só foron almacéns de gran, tamén son verdadeiros 'altares do vento'