A Galiña de Mos presume de calidade

Unha tese da Universidade de Santiago proba que esta raza autóctona de Galicia ofrece produtos mellores que a estirpes avícolas industriais.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/01/2016 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

A raza Galiña de Mos ofrece produtos de máis calidade pero en menos cantidade que as estirpes avícolas industriais. Esta é a conclusión á que chegou o veterinario lugués Diego Rois Losada na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da Universidade de Santiago, baixo o título ‘Caracterización da raza Galiña de Mos’.

Exemplares da raza Galiña de Mos
Exemplares da raza Galiña de Mos | Fonte: Magrama.

“A raza Galiña de Mós supón un cambio de cantidade por calidade”, salienta Rois na súa investigación, na que acomete unha caracterización desta raza autóctona galega.

Rois Losada, que na actualidade traballa como veterinario na Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), analizou a orixe histórica desta raza avícola autóctona, a súa morfoloxía e xenética, a estrutura da súa poboación, a caracterización produtiva dos exemplares e produtos máis comerciais da raza —galo, capón, pularda, galiña e ovos—, ademais de facer unha serie de recomendacións para unha xestión eficiente, informa a USC.

A Galiña de Mos ten referencias escritas desde o ano 1936, tras ser seleccionada a partir de exemplares da zona da Terra Chá, na provincia de Lugo, aínda que existían exemplares por todo o interior de Galicia. A súa orixe xenética é moi anterior. Aínda así, despois de décadas nas que esta raza avícola se empregaba en produtos de calidade, a chegada da avicultura industrial provocou o abandono progresivo da súa cría ata deixala a piques da súa extinción.

A de Mos é a raza de galiñas maior de España no que atinxe á súa poboación e ao número de exemplares, segundo indica Rois Losada, quen atribúe este feito ás medidas de conservación instauradas, así como á oferta duns produtos diversos e diferenciados fronte aos procedentes da avicultura industrial. O investigador subliña asemade que a Galiña de Mos é a raza avícola ideal para un tipo de produción mixta carne-ovos en sistemas de crianza artesanal e ao aire libre.

Respecto das características e calidades dos diferentes produtos que se comercializa, os resultados das pescudas desenvolvidas por Rois Losada indican que o ovo da raza Galiña de Mos ten unhas calidades nutritivas diferenzadas, comparado cos de aves industriais, con gran cantidade de aminoácidos esenciais, con elevadas proporcións de xema e menor humidade que as estirpes industriais.

A produción cárnica destacou nos catro produtos analizados: galo, capón, pularda e galiña, en comparación coas estirpes industriais, por ser de elevado rendemento en partes nobres, cunha carne fina e cun sabor máis intenso. A pel mostra unha cor amarela uniforme sendo moi fina, con pouca graxa subcutánea.

As carnes da raza Galiña de Mos son moi nutritivas, zumarentas, tenras, pouco fibrosas, cunha cor máis intensa e boa intensidade de olor, salienta este investigador, quen precisa que se trata de carnes con pouca graxa, que ademais é de alta calidade e moi saudable, dado que presentan unha alta proporción de ácidos graxos poliinsaturados, de omega 6 e de omega 3.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

É umha raça que sabe aproveitar o méio coma negumha, pom uns ovos boíssimos e enriba é galega, que mais se pode pedir