Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/11/2024 | Actualizada ás 20:25
A dieta atlántica supón unha baixa pegada de carbono, que se sitúa entre os 3 e 3,5 kg de CO2 por persoa e día, ao tempo que aporta un elevado índice nutricional. Así o sinala Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago e vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da institución compostelá. As súas investigacións están relacionadas co deseño ecolóxico de produtos e procesos, con especial fincapé na aplicación dos principios da análise de ciclo de vida, as pegadas ecolóxicas e a economía circular.
O catedrático apunta que existen diversos indicadores nutricionais que analizan os beneficios de diferentes patróns dietéticos. Un deles é a dieta rica en nutrientes, un valor relacionado coa inxesta de 12 nutrientes. Deles, nove ponderan positivamente (proteínas, fibra, calcio, ferro, magnesio, potasio e as vitaminas A, C e E) e tres negativamente (sodio, graxas saturadas e azucres totais), en base aos valores recomendados pola FAO e a OMS. “Considerando que un aporte medio de 2100 calorías diarias cobre a inxesta recomendada de carbohidratos, proteínas, minerais e vitaminas, a dieta atlántica representa un tipo de dieta moi saudable” -afirma-.
Segundo sinala Gumersindo Feijoo, “unha baixa pegada de carbono sitúase por debaixo dos 4 kg de CO2 por persoa e día e un índice nutricional alto está por riba de 550 no denominado índice NRD. Nesta liña, a dieta atlántica supón entre 3 e 3,5 kg de CO2 por persoa e día e un índice NRD de entre 610 e 640. Estas cifras pódense explicar a partir da análise dos dous puntos fortes desta dieta: a variedade de alimentos nos diferentes grupos da pirámide alimentaria e a énfase nos produtos locais”. Nesta liña, o investigador manifesta que ”ser constantes en seguir unha dieta variada baseada na produción local e de temporada, como é a dieta atlántica, é sempre unha boa opción para a nosa saúde e a do medio ambiente”.
Feijóo participa nas “XXXV Xornadas Luis Asorey” da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago. Esta edición versa sobre a importancia da alimentación, o medio ambiente e a saúde; a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo, de 19 a 21 horas.
O "EQUILIBRIO" DA DIETA ATLÁNTICA
O experto asegura que “desde o punto de vista nutricional, unha dieta equilibrada como a atlántica presenta múltiples beneficios para a nosa saúde, xa que axuda a mitigar e reducir o impacto negativo de diversas enfermidades. O beneficio persoal tamén pode estenderse ao ben colectivo e contribuír ao coidado do planeta cando consumimos produtos respectuosos co medio, xa que se debe ter en conta que a produción e consumo de alimentos leva un grande impacto ambiental”. Sinala que, para dilucidar a cuantificación deste impacto, empréganse como indicadores a pegada de carbono e a pegada hídrica, que “varían en función do sistema de produción e do tipo de alimento”.
Tal como explica o investigador, a pegada de carbono é unha medida das emisións de gases de efecto invernadoiro e defínese como a cantidade de CO2 equivalente que un produto xera nun período de tempo ao longo do seu ciclo de vida (extracción, produción, envasado, transporte, consumo e xestión de residuos). Xunto cos sectores enerxético e do transporte, o da alimentación é unha das actividades con maior xeración de gases de efecto invernadoiro.
Por outro lado, a pegada hídrica cuantifica o volume total de auga doce usada ao longo de toda a cadea de valor para producir os bens que habitualmente consumimos. A FAO establece que un 70% da pegada hídrica mundial relaciónase coa produción de alimentos.
COMO ELIXIR OS ALIMENTOS MÁIS SOSTIBLES
O experto indica que, unha vez definida a dieta adecuada ao noso estilo de vida, idade e estado de saúde, dispoñemos dunha gran variedade de alimentos con funcionalidades e propiedades nutricionais similares. “Chega entón o momento de introducir cinco regras básicas e fáciles de incorporar no noso consumo diario que permitan garantir unha minimización do impacto ambiental dos alimentos que consumimos” -salienta-.
En relación ás regras ás que se refire o investigador da USC, en primeiro lugar, debemos verificar a orixe dos alimentos, que deberán producirse nun radio de 100 km ao momento de consumo, sendo así unha chamada a potenciar o produto local. En segundo lugar, temos que analizar o envase porque pode ter un maior impacto que o contido, orientando así a nosa compra a produtos con envase mínimo e biodegradable. Tamén é importante respectar a temporalidade dos produtos. Ademais, cómpre localizar a presenza de ecoetiquetas, que poden certificar e garantir que se alcanzan diversos criterios ecolóxicos. Por último -segundo Feijoo-, é fundamental reducir o desperdicio de alimentos. Con respecto a este punto, asegura que unha redución do 50% na perda de alimentos nos fogares pode chegar a supor en España a emisión anual de medio millón de toneladas de CO2 equivalente.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, teñen en marcha as “XXXV Xornadas Luis Asorey”. Esta edición versa sobre a importancia da alimentación, o medio ambiente e a saúde; a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo, de 19 a 21 horas.
Na conferencia de mañá martes abordarase o valor da dieta atlántica en comparación con ouras dietas convencionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.