Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2024 | Actualizada ás 12:55
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, negou que permitir que os xefes territoriais da Xunta non sexan funcionarios supoña a creación da figura de 'comisarios políticos'. Así se pronunciou este xoves a preguntas dos xornalistas pola medida, impulsada o pasado abril no marco da reforma da estrutura da Xunta e que agora figura na lei de medidas administrativas e fiscais que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2025.
Cuestionado respecto diso das críticas de sindicatos, que, como publica 'Faro de Vigo', advirten da creación de 'comisarios políticos' con este cambio, o conselleiro asegurou que "non é certo". "Este cambio xa estaba recollido no cambio de estrutura deste verán; simplemente o que fai é regular ben o posto e abrir a oportunidade de que, nesa procura da persoa idónea por competencia, que non teña que ser un funcionario público", explicou.
Pola súa banda, mostrouse "seguro de que a maior parte" dos xefes territoriais "seguirán sendo funcionarios, porque é o que acontece e non existe ningún plan de cambio sistemático por non traballadores públicos".
Como recolle a coñecida como lei de acompañamento, o presidente galego, Alfonso Rueda, xa sinalara o pasado abril que as xefaturas territoriais que están en cada delegación cambian de nome (pasan a ser direccións territoriais) e ábrese a posibilidade de que, ademais de funcionarios dos grupos A1 e A2, as poidan ocupar outras persoas que teñan "unha acreditada experiencia, solvencia ou competencia profesional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.