Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/10/2024 | Actualizada ás 18:26
Os concellos afectados polo paso da AP-9 acordaron asociarse para reivindicar os seus "dereitos" tras "50 anos de agravios", segundo informan tras unha reunión convocada polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes.
A cita tivo lugar hoxe na casa consistorial abegondesa, coa participación dun total de 22 concellos. Acudiron Abegondo, Ames, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, A Coruña, Ferrol, Mesía, Miño, Mos, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Pontedeume, Portas, Teo e Valga. Estaban confirmados, pero finalmente non puideron asistir Culleredo e Pontecesures.
Os concellos decidiron constituírse en asociación de afectados. O traballo empezará coa redacción dos estatutos, que terán que ser aprobados por cada concello integrante. Trasladarase esta posibilidade ao resto de municipios polos que pasa a AP-9 "aínda que hoxe non acudisen por se queren sumarse", precisan.
Todo iso para traballar en tres frontes, "En primeiro lugar buscarase o cobro de atrasos do IBI, que corresponden ao últimos catro meses do ano 2023, desde que en agosto finalizou a exención do 95% que a concesionaria tiña por unha lei da época franquista", sinalan.
ATRASOS
"As administracións recadatorias, que na maioría dos casos son as deputacións, aplicaron o cobro do 100% só desde xaneiro do 2024 ao considerar que o deveño realízase por ano natural". "Pero tomando como base que o Concello de Valga acaba de lograr cobrar tamén ese catro meses últimos de 2023 solicitándoo de forma individual, tratarase de pedir o mesmo", expoñen.
Así, o alcalde de Pontedeume e membro do goberno provincial da Coruña, Bernardo Fernández, avanzou que se estudará esta reclamación. "Calcúlase que o 95% non cobrado dese catro meses a nivel Galicia suporía unha cifra de 2,2 millóns", avanzan tamén.
ACTUALIZACIÓN CATASTRAL
En segundo lugar, a asociación defenderá ante o Catastro a actualización catastral das infraestruturas da AP-9. A última data de 2007. "Se a maioría dos cidadáns experimentou unha actualización das súas propiedades, tamén é xusto que se estenda á autoestrada", expoñen. Isto, engaden, "redundaría nun incremento da contía do IBI".
En terceiro lugar, os concellos explorarán a vía de petición de bonificacións aos seus cidadáns polo uso da AP-9. Servirán de exemplo outros casos, como o de Navarra, que está establecida, precisan, ás persoas empadroadas. Con esta acción, os concellos "queremos facer forza conxunta", resume Santiso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.