O decreto do novo contrato de xestión forestal pública da Xunta publicarase no 2025

Tamén o vindeiro ano se dará inicio á tramitación do novo marco normativo da lei de montes veciñais mancomunados.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 25/10/2024 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada doutras autoridades, participou este venres na clausura da Asemblea Xeral Extraordinaria 2024 de LugoMadera. Nela, anunciou que o ano próximo avanzarase en medidas recollidas na primeira revisión do 'Plan Forestal de Galicia 2021-2040: Cara á neutralidade carbónica'. Neste sentido, publicarase o decreto do novo contrato de xestión forestal pública. Tamén ratificou o inicio da tramitación do novo marco normativo da lei de montes veciñais mancomunados.

O decreto do novo contrato de xestión forestal Pública establecerá un marco normativo no que se recollerán as regras da relación entre a Administración forestal e os propietarios, substituíndo os consorcios e convenios dos montes veciñais de xestión pública. Con este paso darase cumprimento a un dos compromisos adquiridos para o primeiro quinquenio do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. Ademais, a conselleira do Medio Rural puxo en valor un investimento de máis de 6,5 millóns de euros ao longo deste ano en achegas para a boa gobernación, a creación de novas superficies forestais, accións silvícolas, a plantación de castiñeiros e as agrupacións forestais de xestión conxunta. "Podo garantirlles que este apoio seguirá no ano 2025", engadiu.

UN MEDIO RURAL "VIVO E ACTIVO ECONOMICAMENTE"

Así mesmo, incidiu en que nos próximos anos traballará para promover unha xestión forestal activa como un dos alicerces fundamentais na consecución dun medio rural "vivo e activo economicamente". A maiores, recalcou que deberá "ser compatible" coa conservación da biodiversidade, a riqueza forestal e o acervo histórico, cultural e natural do monte galego. Por outra banda, resaltou o labor que se está facendo na diversificación do monte galego a través de iniciativas como os plans estratéxicos do castiñeiro e do fomento da xestión activa das masas de frondosas autóctonas.

"PRIMEIRA POTENCIA FORESTAL"

Segundo informa a Consellería nun comunicado, a titular do Medio Rural tamén destacou na clausura desta asemblea que Galicia é a primeira potencia forestal de España, xa que a riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros. De feito, a cadea forestal-madeira supón case o 2 % do PIB de Galicia, move 2.000 millóns de euros anuais e dá emprego únaa 70.000 persoas. Finalmente, destacou o papel da provincia de Lugo dentro do sector forestal galego, xa que representa case o 40 % do volume total de aproveitamentos madeireiros en Galicia e subliñou "o importante labor que leva a cabo LugoMadera a favor do sector".

Un tractor realiza traballos nunha leira onde cortou centos de piñeiros en Vilacampa, Ferreira do Valadouro, a 22 de abril de 2021, en Lugo
Un tractor realiza traballos nunha leira onde cortou centos de piñeiros en Vilacampa, Ferreira do Valadouro, a 22 de abril de 2021, en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta