Por que teñen que pagar os ourensáns 1,2 millóns a Iberdrola pola electricidade que saca de Nogueira de Ramuín?

A Deputación de Ourense di que tenta cumprir unha sentenza xudicial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2024 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense celebrou o pleno ordinario do mes de outubro, unha sesión na que o goberno provincial presentou modificacións de crédito por un importe total que ascende a 16,1 millóns de euros, dos cales destinarán sete ao plan de mantemento da rede provincial de estradas.

Tamén se incluíu unha emenda por parte do grupo provincial por importe de 1,2 millóns de euros coa finalidade de facer fronte a unha indemnización, a favor do concello de Nogueira de Ramuín, para facer fronte a unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que ten a súa orixe nunhas obras realizadas pola eléctrica Iberdrola.

Este foi un dos puntos polémicos da xornada xa que a oposición considera que debe ser Iberdrola a que faga fronte ao pago. O sucedido débese a que o concello de Nogueira de Ramuín cobrou a Iberdrola 1,2 millóns de euros pola ampliación da central de Santo Estevo, pero a empresa reclamou ante a xustiza e esta recoñeceu o seu dereito a recuperar o imposto que o Concello esixiu á Deputación, xa que tiña delegada nela a recadación de tributos.

"Apelamos ao cumprimento da sentenza aínda que somos conscientes de que nos poremos con todos os grupos a reclamar a Iberdrola que cumpra con Ourense", manifestou o presidente provincial, Luís Menor, dando luz verde á aprobación da emenda que contou coa abstención do PSOE e a negativa do BNG, que pediu que se convoque a Iberdrola para "que asuma o que tiña que pagar xa á cidadanía en Nogueira de Ramuín, que non deixa de ser unha ínfima parte do que leva desta provincia".

O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán
O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán | Fonte: EFE

No expediente de modificación de crédito onde se inclúe a ampliación do Plan de estradas figura tamén a liquidación da débeda de 1,5 millóns de euros que corresponde afrontar coa sociedade Meisa, a encargada da xestión da estación de montaña de Manzaneda, para que así poida "centrar os esforzos na mellora e competitividade deste espazo" favorecendo o seu desestacionalización, máis aló da súa condición como estación de esquí.

A MOCIÓN QUE PEDÍA DISOLVER O INORDE SALGUE ADIANTE

No apartado das mocións, aprobouse unha proposta polo Partido Socialista na que se pide que a Deputación de disolva o Inorde, o Instituto de Desenvolvemento Económico de Ourense, e que sexan os departamentos e servizos da corporación provincial as que asuman as súas misións e proxectos. Así como a integración do seu persoal nos departamentos adecuados no organismo provincial, en función dos seus perfís e experiencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta