A Xunta di que quere reducir de 3.000 a 600 os actuais aeroxeradores en oito anos pola repotenciación eólica

Persoarase ante o TJUE en cuestión prexudicial. A oposición critica a inconsistencia da medida e di que "dá bandazo tras bandazo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2024 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

A medida de repotenciación que afecta os parques eólicos con aeroxeradores máis antigos de Galicia implicará que unhas 100 instalacións que contan en total con 3.000 muíños reduciranos nun 80 % no prazo de oito anos, de modo que pasarán a ser uns 600. Son as estimacións que deu a coñecer a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na súa comparecencia na comisión do ramo para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano que vén. Xunto ás contas, a titular centrouse en reformas que a Xunta introduce a través da lei de medidas fiscais e administrativas no apartado enerxético e, máis en concreto, sobre o sector eólico.

"Nos próximos cinco anos uns 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores veranse obrigados a repotenciarse", sinalou, en relación a estas medidas que incumben aos muíños de maior antigüidade. Así, "tras un prazo de moratoria que dá a lei de 18 meses para o inicio da tramitación destas repotenciacións", a consellería estima "dunha maneira prudente que en oito anos na paisaxe galega eses 3.000 muíños pasarán a ser 600 muíños", o que supón unha redución do 80 % dos muíños actuais. Aínda sobre planificación enerxética, indicou que, "unha vez alcanzados os 6.500 MW entre instalados e autorizados", o Goberno galego considera "oportuno" elaborar un novo plan e dispón 1,2 millóns para iso. Mentres, a coñecida como lei de acompañamento aos orzamentos "contempla xa previsións legais transitorias, para comezar a aplicar eses principios básicos".

Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo
Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo | Fonte: Carlos Castro

REIVINDICARÁ QUE AS AUTORIZACIÓNS "NON VULNERAN A NORMATIVA EUROPEA"

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou que a Xunta de Galicia se personará na cuestión prexudicial sobre parques eólicos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), reivindicando que as autorizacións concedidas polo Goberno galego "non vulneran a normativa europea". Así o sinalou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns, onde dixo que "todas as autorizacións de proxectos eólicos dadas nos últimos anos fixéronse con plenas garantías".

"A defensa da Xunta é clara. Traballamos sempre con rigor, no marco normativo do sector vixente. É dicir, todas as autorizacións dos proxectos eólicos dadas nos últimos anos fixéronse con plenas garantías. Nin vulneran a normativa europea ambiental nin a lei estatal de avaliación ambiental", reivindicou, polo que a Xunta se persoará nesta cuestión, tendo de prazo para facelo ata o 5 de novembro. Vázquez insistiu en que en ningunha destas normas se indica que a fase de consulta a autoridades competentes se teña que facer antes de someter o proxecto a información pública.

"Cabe destacar que o Tribunal Supremo xa lle deu a razón á Xunta no caso do parque de Corme e imos defender o noso rigor en Europa en coordinación co Goberno central", subliñou. Neste punto, lembrou que a decisión que tome o TJUE non vai afectar só a Galicia, senón tamén ao resto de España. Por iso, celebrou que finalmente o Executivo de Pedro Sánchez tamén se persone. "Xa ía sendo hora. Custoulles entender que este non era un problema galego, senón a nivel nacional", reclamou Vázquez, despois de indicar que nos 11 anos que leva a lei estatal en vigor, só agora o TSXG viu "dúbidas" sobre se se adaptou correctamente a normativa europea.

En canto a prazos sobre esta resolución, dixo que ata o día 5 de novembro o TJUE permítelles persoarse e así o decidiu o Goberno autonómico. Con todo, de media estes temas tardan uns 18 meses en resolverse, esperando que os tempos se reduzan "dada a importancia" que ten o caso. Ángeles Vázquez insistiu en que será a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta a que "fixe os pasos a seguir para formalizar a personación antes do 5 de novembro".

"A decisión que tome a xustiza europea con relación á tramitación eólica en Galicia será clave, dado que clarificará definitivamente se o procedemento aplicado en España desde 2013 nas avaliacións ambientais de todo tipo de plans e proxectos é correcto, tal e como defende a Xunta, ou se a norma estatal que o regula non recolleu adecuadamente a normativa comunitaria sectorial", apostilou Vázquez. A conselleira contextualizou a situación indicando que a Comunidade conta cuns 190 parques eólicos en funcionamento e preto de 100 autorizados, dos cales 68 foron "paralizados" polo TSXG. Isto levou, segundo dixo, a que Galicia baixase do primeiro posto ao cuarto entre as comunidades españolas con máis implantación desta enerxía.

OS GRUPOS

Na súa intervención, o deputado do grupo mixto Fernando Ojea, que censurou que o que recibe a provincia de Ourense "non chega nin ao diezmo" desta consellería, trouxo a colación a Don Quixote para reprender á conselleira porque "non son muíños, son aeroxeradores". Na súa quenda, a socialista Patricia Iglesias acusou á Xunta de promover estas repotenciacións "sen diálogo e sen consenso" co sector, o que, ao seu xuízo, "denota falta de estratexia" e os "bandazos e máis bandazos" cos que fomenta "inseguridade xurídica" neste ámbito.

Por parte do BNG, Brais Ruanova coincidiu en que o Executivo autonómico "obriga a realizar repotenciacións co sector en contra" e ademais rexeitou bonificacións fiscais ao preguntar á conselleira "para quen traballan", en alusión ás enerxéticas. En canto ao canon da enerxía eólica, lamentou que a lei de medidas non o cambia senón que apunta a unha modificación futura. O popular Rubén Lorenzo, por último, rexeitou o que ve "mantras" por parte da oposición. "Non temos dúbida de que se fará pensando no territorio e no futuro do país", dixo sobre os cambios normativos que incumben ao eólico. A obrigación de repotenciación "é un exemplo claro", agregou, posto que na súa opinión "terá un impacto moi positivo".

"DEMASIADO CEDO" PARA FALAR DA MORATORIA DO EUCALIPTO

Por outra banda, tamén en materia medioambiental, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático afirmou que é "demasiado cedo" para dicir se a moratoria do eucalipto se vai estender máis aló de 2025, tal e como demandará o BNG no Parlamento de Galicia. A preguntas dos medios, a conselleira, que este luns foi a encargada de comparecer en rolda de prensa despois do Consello da Xunta, xa que Alfonso Rueda desprazouse a Madrid tras finalizar a reunión para acudir ao Comité Executivo Nacional do PP, sinalou que desde a Consellería de Medio Rural están a facer "unha análise da situación" no terreo.

"A moratoria finaliza a finais de 2025 e tomarase a determinación necesaria", aseverou. En todo caso, insistiu en que o eucalipto é "unha árbore máis" e, por tanto, "hai que avaliar dentro desa gran biodiversidade que alberga Galicia, entre coníferas, entre eucaliptais; pero é demasiado cedo para dicir se a moratoria se vai a estender ou non".

O CONSORCIO DE BENESTAR "CUMPRE ESTRITAMENTE COA LEXISLACIÓN"

Así mesmo, a Xunta de Galicia reivindicou este luns o traballo "fantástico" do Consorcio de Servizos para a Igualdade e Benestar de Galicia, asegurando que "cumpre estritamente coa lexislación vixente". A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático durante a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta indicou que "nunca se ocultou nada" e destacou o labor "fundamental e fantástico" do Consorcio.

Vázquez tamén se mostrou convencida de que este organismo "cumpre estritamente coa lexislación vixente" e indicou que ao longo desta semana a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, dará as explicacións oportunas sobre o tema. Todo iso tras ser preguntada polas últimas informacións publicadas que apuntan que a Intervención Xeral da Xunta leva dous anos sen expresar a súa opinión sobre as contas do ente por certas anomalías atopadas que poderían facer que non fosen unha imaxe real da súa contabilidade.

AXUDAS DA PAC PARA OS AGRICULTORES CON INICIATIVAS EN ALDEA MODELO E POLÍGONOS AGROFORESTAIS

Así mesmo, tamén se anunciou este luns no Consello da Xunta que agricultores e gandeiros que participen en iniciativas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario ou as agrupacións de xestión conxunta poderán incrementar ata en 1,3 millóns de euros a axuda básica á renda da PAC ao poder acceder aos dereitos de apoio á renda básica para a sustentabilidade da reserva nacional. Tal e como detallou o Goberno galego, isto podería beneficiar aos xefes de explotación que participen en programas de reestruturación, no marco dunha intervención pública legalmente regulada, cuxo obxectivo sexa evitar ou reverter o abandono de terras, é dicir, neste caso, a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

En concreto, actualmente esta medida podería beneficiar aos arrendatarios das 2.469 hectáreas alugadas (ou en proceso de arrendamento) a través do Banco de Terras para usos agrogandeiros e no futuro aos arrendatarios das 1.255 hectáreas actualmente dispoñibles no Banco con usos vinculados a aproveitamentos agrícolas e/ou pecuarios. Do mesmo xeito, poderán acceder os produtores dos terreos destinados a usos agrogandeiros nas 574 hectáreas das 21 aldeas modelo actualmente declaradas en Galicia. Así mesmo, terán acceso ás axudas da reserva nacional algo máis de 4.800 hectáreas das máis de 9.300 que se desenvolven nos 34 polígonos agroforestais.

Así, explicou a Xunta, co obxectivo de evitar o abandono de terras, poderán solicitar dereitos á reserva nacional os agricultores cuxas explotacións estean acollidas a programas de reestruturación relativos a algún tipo de intervención pública regulada por unha norma autonómica de rango de lei para ese fin. Os agricultores en activo que desexen solicitala deberán presentar a correspondente solicitude, xunto coa documentación requirida, no prazo de presentación cada ano e ante a autoridade competente correspondente.

PARADAS DE AUTOBÚS

O Consello da Xunta autorizou este luns someter a información pública o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 66 paradas de autobús situadas na rede de estradas de titularidade autonómica no ámbito das rutas de acceso este a a cidade da Coruña, que suporán un investimento de máis de 2,2 millóns de euros.

Na reunión, tamén se acordou a aprobación provisional dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos en nove estradas autonómicas ao seu paso polos municipios coruñeses de Cabanas, Bergondo e Sada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta