O novo Inungal reduce de 62 a 51 os concellos de alto risco por inundacións

Os concellos obrigados a elaborar e redactar un plan municipal para este risco redúcense de 62 a 51.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2024 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a publicación do Plan especial de Protección Civil ante as inundacións en Galicia (Inungal), que integran os novos estudos de risco, unha vez aprobados os plans de xestión de risco que elaboran os organismos de conca. Segundo informou a Xunta nun comunicado, trátase da segunda revisión desde a súa aprobación en 2001, tras recibir o informe favorable da Comisión Galega de Protección Civil e da Comisión Permanente do Consello Nacional de Protección Civil.

A revisión foille remitida á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que dese traslado aos concellos co obxectivo de alcanzar o máximo consenso posible. Como novidades, actualízase a análise de riscos integrando os estudos de demarcacións hidrográficas, adáptase á nova norma básica de protección civil e actualízanse os datos das redes de alerta integrando o Modelo de Avaliación do Risco Local de Inundación (Merlin de Augas de Galicia).

Ademais, o estudo conclúe que se reduce o número de concellos obrigados a elaborar e redactar o plan municipal para este risco, ao pasar de ser obrigatorio en 62 a 51. Ao contrario, aumentan de 29 e 45 aos casos nos que se considera recomendable. Así, na provincia da Coruña hai 15 concellos con obrigatoriedade de ter un plan e 22 nos que se recomenda. No caso de Lugo, son nove con obrigación e outro nove con recomendación, e no de Ourense, 13 e dous, respectivamente. Pola súa banda, Pontevedra suma 14 municipios obrigados e 12 con recomendación.

MINIMIZAR RISCOS POR INUNDACIÓNS

O Inungal establece a organización e os procedementos de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade lle corresponda á Xunta, e os que poden ser asignados a este por outras administracións, co obxectivo de minimizar os riscos nas zonas alagadas ou previr e reducir no posible os accidentes e os danos ocorridos mediante a mobilización de medios de evacuación e de asistencia sanitaria e de lugares de aloxamento para os evacuados, así como de mecanismos de restauración das vías de comunicación e servizos básicos afectados.

Este plan conta cos estudos de riscos por inundacións costeiras, fluviais e pluviais, incluíndo tamén os elaborados polos organismos de conca. Tamén establece en base ao nivel de risco cales son os concellos que deben ter un plan de actuación municipal fronte estes incidentes. O plan estrutúrase en cinco capítulos: fundamentos, análises de riscos, estrutura e organización, operatividade e implantación e mantemento. Neste último, recóllense as accións a desenvolver para que o documento sexa operativo e coñecido por todos os recursos que deben intervir na emerxencia. Unha vez implantado, o plan pasa á fase de mantemento da operatividade coa finalidade de garantir que as actuacións previstas permanecen vixentes.

Así, a Xunta a través do Inungal establece o marco de coordinación dos servizos de emerxencias para diminuír os riscos e reducir as consecuencias negativas das inundacións. O Goberno galego tamén apoia aos concellos para que poidan elaborar ou actualizar os seus plans a través da entrega de manuais de resposta fronte inundacións, unha ferramenta que lles permite planificar as actuacións neste ámbito. No marco destes protocolos cos municipios, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia mantén actualizados os procedementos de actuación ante alertas hidrolóxicas e meteorolóxicas. Do mesmo xeito, a Xunta mantén a mesma coordinación e planificación no que se refire a os protocolos de comunicación cos 4 organismos de conca co obxectivo de garantir a eficacia dos seus plans de xestión.

Imaxe de arquivo da inundación dunha estrada en Galicia
Imaxe de arquivo da inundación dunha estrada en Galicia | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta