Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/10/2024 | Actualizada ás 14:06
Unións Agrarias urxe á Xunta a "porse xa" e "sentar" a "acordar" unha nova lei para regular o sector eólico, tendo en conta que a actual "non funciona" e os cambios normativos que introduce o Goberno galego cada ano a través da lei de acompañamento aos orzamentos supoñen ir "parcheando". "A paz social non se consegue con rodete", advirten. En rolda de prensa, o representante sindical Jacobo Feijóo sinalou a vontade de Unións Agrarias de "achegar" a súa "voz" neste debate, con achegas que se basean nunha experiencia de 20 anos.
Pola súa banda, Félix Porto reivindicou que este sindicato leva "20 anos no mesmo sitio" e cualificou de "curioso" que en tempos do bipartito PSOE-BNG "os que estaban na oposición", é dicir, o PP, "mantiñan unha posición que hoxe é radicalmente contraria". "Nós seguimos dicindo o mesmo", remarcou. Co obxectivo de "facer da necesidade virtude" e tras "moitos anos predicando en solitario", o sindicato valora que as súas teses "se están incorporando polo menos nos preámbulos das leis", en referencia á incorporación de criterios ambientais e sociais na puntuación dos proxectos. En calquera caso, mostra as súas dúbidas polas fórmulas para materializar estes fins e subliña que estas teses "teñen que chegar con contidos reais que sexan eficaces e implementables". A idea é que "a eólica achegue ao desenvolvemento rural, que non sexa un problema, senón parte da solución dos problemas", incidiu Jacobo Feijóo.
AS SÚAS VALORACIÓNS E PROPOSTAS
Ao seu lado, José Antonio Diéguez, de Ventonoso, pronunciouse sobre algunhas das modificacións que o Executivo autonómico prevé aprobar a través da lei de medidas fiscais e administrativas (a de acompañamento ás contas públicas para 2025). En relación ás distancias, cuestión que "preocupa moito" a Ventonoso e Unións Agrarias, Diéguez advertiu de que o mínimo de cinco veces a altura dos aparellos establécese para chan de núcleo rural delimitado, pero, dunhas 30.000 aldeas, "só unhas 13.000 están delimitadas" e por tanto "o resto quedaría fóra da protección". Para o non delimitado exponse 200 metros como distancia e agora a Xunta "engade polo ruído que xeren". Non entanto, para este responsable, "non fixar claramente unha distancia" é "preocupante" e "pode xerar inseguridade xurídica", de modo "que se poñan aeroxeradores e os veciños denuncien ruídos". "Fixariámolo en 500 metros, sería unha distancia prudente", sinalou.
Tamén advirte de que "non se propón nada" para o denominado efecto sombra dos aeroxeradores. No que respecta a repotenciacións, rexeita a obrigatoriedade para os muíños de máis de 25 anos e, aínda que concorda en que "hai que reducir", cre que "non todos" deben ser substituídos cando pase ese período. Fronte a isto, as dúas organizacións propoñen "inspección técnica" por parte da Xunta, o que tamén estiman que suporía evitar outro "berenxenal xurídico" ao Goberno galego.
Por outra banda, entenden "excesiva" a meta de diminuír un 80 % o número de aeroxeradores, xa que "é bastante complicado" e "non vai haber aparello de tanta potencia". Pola súa banda, expoñen "aproveitar" zonas nas que xa existe o impacto visual posto que están implantados os parques na actualidade e efectuar aí as repotenciacións. Coa idea de que se "consigan puntos de conexión", apuntan a "duplicar ou triplicar enerxía onde xa están" os muíños, co que "se evitaría pór en zonas novas". Iso si, Rede Natura debería ser "unha excepción" e habería que "ila baleirando" de eólicos.
No tocante ao canon eólico, destacan que "hai que modificalo" para cobrar por potencia instalada e non por aeroxerador, algo que levan "anos dicindo". Con todo, parécelles que "por altura" sería "un pouco enxeñoso" e "non moi adecuado". Aínda sobre este extremo, cuestionan "a repartición que se está producindo agora", que cuantifican en tres de cada catro partes para a Xunta e unha para os concellos. "Cremos que debe ser unha repartición máis xusta aos concellos, como mínimo o 50 %", advirten. Coas zonas de aceleración eólica están "de acordo" pero piden que "non se utilice un rodete, senón que se consensúe cos axentes sociais".
Tamén aproveitou o portavoz de Ventonoso para referirse á comercializadora de enerxía que promove a Xunta a través de RDG, a sociedade mixta na que conta co 30 % e capacidade de veto. Esta organización móstrase "escéptica" sobre o anuncio de que se rebaixará un 50 % a factura da luz aos veciños e avisa de que quedan "por definir moitas preguntas". En suma, Unións Agrarias e Ventonoso cren que "debe haber unha nova lei eólica" e reiteran que debe ser redactada co "consenso de todos os implicados", porque, de non ser así, "van ter os mesmos problemas sociais". Por último, solicitan "dar prioridade a proxectos que teñan PPA (acordos de compravenda de enerxía a un prezo fixo durante un prazo determinado) con empresas asentadas en Galicia", para "que a enerxía que se produza aquí consúmase aquí" e "os postos de traballo queden" na comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.