Por Europa Press / Redacción | MADRID | 07/11/2024 | Actualizada ás 13:48
O BNG urxiu ao Goberno a solucionar o conflito laboral que se está producindo na Axencia Estatal para a Administración Tributaria (AEAT) e que se desbloquee un novo convenio colectivo que mellore as condicións de traballo do persoal. A través dunha iniciativa parlamentaria no Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, incidiu na necesidade de garantir o poder adquisitivo do persoal ao servizo da Axencia, e ao mesmo tempo destacou a necesidade de modificar o orzamento que permita financiar a carreira administrativa das traballadoras e traballadores.
A AEAT leva en conflito laboral desde o pasado abril, cando os sindicatos UGT, SIAT, CSIF, CCOO e CIG remitiron á vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, unha solicitude de reunión para desbloquear a negociación colectiva. Durante o verán, existiu unha mediación que se materializou nun documento para abordar cuestións relevantes como a reactivación do Acordo de Carreira Profesional e Administrativa de 2007, a negociación dun novo convenio colectivo, a negociación de todas as produtividades, a declaración de Vixilancia Aduaneira como profesión de risco, a prestación do servizo no Modelo de Información e Asistencia de 9 a 19h ou un acordo para o teletraballo.
De momento, todo segue en negociacións e o BNG instou ao Executivo a aproveitar a súa reunión do próximo martes cos sindicatos para desbloquear esta situación e que se alcance un consenso para desenvolver un novo convenio colectivo destes traballadores e traballadoras públicos. "O executivo ten que contemplar, entre outras cuestións, unha modificación orzamentaria que permita financiar a carreira administrativa do persoal ao servizo da AEAT", subliñou Rego, que tamén esixe que se recuperen todos os centros administrativos da Axencia en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.